Biscoito de mel e noces

Coma tantas outras receitas, este biscoito xurdiu de improvisar algo cando me decatei que que xa partira os ovos e non había azucre na casa. Varias búsquedas en Internet despois, estaba facendo este queique que saiu ben saboroso!

Se sodes uns larpeiros e queredes ver máis receitas, probade esta de chocolate branco e pistacho, ou esta de mazá e canela.

Ingredientes (para un biscoito de 6-8 racións)

4 ovos

Un iogur natural

80 gr. de manteiga derretida

200 ml. de mel

325 gr. de fariña

Unha culleriña de levadura química

Un belisco de sal

Un feixe de noces peladas e esmagadas (pódese cambiar polo froito seco que queirades)

  1. Prequecemos o forno a 170º.
  2. Nun bol grande batemos os ovos, a menteiga derretida, o iogur, e o mel. O mellor é pasar o mel un chisco polo microondas, a temperatura media, para que estea máis líquido.
  3. Engadimos a fariña mesturada ca levadura química e o sal, seguimos batendo.
  4. Poñemos nun molde de silicona (ou un de metal/cerámica engraxado) e cocemos no forno durante 30 minutos, con calor por arriba e por abaixo. Como isto dos fornos depende moito, idelle botando un ollo e se está dourado, pinchádeo cunha agulla de calcetar: se sae seca é que está listo.
  5. Deixamos arrefriar, ao día seguinte estará no seu punto máis aromático.

Que aproveite!

biscoito_mel_3


Cadradiños de chocolate (sen forno)

Esta receita é unha das máis sinxelas que levamos publicado, está pensada para facer con cativos ou para aqueles que non teñen forno na casa. Bueno, en realidade é para calquera que giste do chocolate. Se estades nese grupo, mirade tamén esta receita de torta de mousse de chocolate e café ou esta de cookies de chocolate: lambiscadas para todos!

Unha vez feita pódese gardar varios días na neveira ou incluso no conxelador.

Ingredientes (para 9 ou 12 cadrados, dependendo do molde e as porcións)

300 gr. de chocolate de fundir

180 ml. de leite condensado

100 gr. de galletas

80 de noces

30 gr. de cacau en po

  1. Picamos as galletas nunha trituradora ata que se fagan po.
  2. Nun bol de cerámica botamos 100 gr. de chocolate e fundímolos no microondas. A mellor opción é poñelo en modo "Desconxelar" e facer intervalos de 30 segundos, revisando e remexendo cada vez.
  3. Nun bol grande mesturamos o po do paso 1, o cacau, o leite condensado, as noces picadas e o chocolate derretido, remexendo cunha culler de pau.
  4. Nun molde cadrado ou rectangular estendemos a masa e aplastámola ca culler de pau ata que quede lisa e uniforme. Deixamos arrefriar.
  5. Derretermos o resto do chocolate repatindo o paso 2, estendémolo por riba usando unha culler normal, ata que quede liso. Deixamos arrefriar fóra e logo metémolo no frigorífico, deixándoo repousar a lo menos dúas horas. Ao día seguinte aínda estará mellor.

Que vos parece? Ídelo facer na casa?

cadradinhos_chocolate_1


Madalenas de plátano, avea e manteiga de cacaué

Voltamos ás madalenas, desta vez cunha receita moi orixinal a base de plátano e avea: son aptas para celíacos e tamén para vegan@s! Además, ao non levaren case azucre, son un almorzo moi san e completo, desde que enchen para toda a mañá!

OLLO: non saben moi doces, así que se queredes darlle máis sabor podedes botarlle agún condimento (eu usei granola con canela). Se queredes facer máis madalenas, tendes unha receita de nata e noces, e outra máis clásicas coma estas de chocolate.

Ingredientes (para 7 ou 8 madalenas)

225 gr. de flocos de avea

2 plátanos ben maduros

180 ml. de leite de avea

60 gr. de manteiga de cacaué

Un chisco de azucre de caña

Unha culleriña e media de bicarbonato sódico

Un belisco de sal

Chips de chocolate, noces, granola... (opcional)

  1. Prequecemos o forno a 170º.
  2. Picamos a avea na trituradora, ata que quede como unha fariña. Retíramola a un bol, mesturándoa co sal e o bicarbonato.
  3. Rompemos o plátano en anacos e metémolo na trituradora ca manteiga e o leite de avea. Batemos ata obtermos unha textura homoxenea.
  4. Mesturamos todo no bol e engadimos o "complemento opcional"  que queiramos.
  5. Botamos o azucre por riba e cocemos no forno durante 20 minutos, ou ata que estean ben douradas pola parte de arriba. Para saber se están feitas por dentro, podemos pinchalas cunha agulla de calceta, se sae seca é que está lista.
  6. Deixamos arrefríar e gardamos nun tupper hermético.

Que aproveite!

madalena_avea_platano_3

madalena_avea_platano


Queique de limón

Os que ledes a páxina a cotío xa vos decatastes de que teño unha especie de fixación cos queiques e galletas. Desta vez probei unha receita un pouco distinta, pola súa textura e por ir empapada en zume e quedei encantadísima.

A receita é unha adaptación desta de Jamie Oliver, pero facéndoa con fariña normal e quitándolle un pouco de manteiga. Teño que dicir que a cobertura quedou moito menos branca que na foto e a consitencia era moi líquida, o que fixo que tivese que limpar o mesado despois da operación :D A pesares da desfeita, pagou a pena: dalle un toque acedo e intenso o queique que é moi adictivo.

Se queredes probar máis queiques, recoméndovos este de améndoas, laranxas e mandarina, ou agora que xa estamos na primavera, este de amorodos.

Ingredientes (para 10-12 racións)

250 gr. de manteiga (ou margarina) tépeda

270 gr. de fariña triga, máis un chisco para o molde

270 gr. de azucre

4 ovos grandes

3 limóns

2 laranxas

2 culleriñas de fermento químico (tipo Royal)

100 de azucre glass para a cobertura

Un belisco de sal

  1. Prequecemos o forno a 190º.
  2. Cun pouco da manteiga untamos o molde e botámoslle un chisco de fariña espolvoreada por riba.
  3. Nun bol grande batemos a manteiga e o azucre durante cinco minutos, ata que estea mes mesturada e teña aclarado un pouco a súa cor.
  4. Engadimos os ovos e a reladura dunha laranxa e dous limóns, seguimos batendo.
  5. Engadimos a fariña, o sal e o fermento, tamizados.
  6. Engadimos o zume dun limón e media laranxa, mesturamos ata que a masa estea homoxénea.
  7. Metemos no forno e cocémos o queique durante 40 minutos, ou ata que este dourado por riba e ao meterlle un pincho (ou coitelo) saia limpo.
  8. Deixamos arrefriar 5 minutos, desmoldamos e despois deixámolo nunha bandexa de rexas, para que lle dea o aire por baixo tamén, ata que estea completamente frío.
  9. Facemos a cobertura: mesturamos o azucre glass coa reladura e o zume de medio limón e un cuarto de laranxa. Botámolo por riba e servimos.

Que aproveite!

queique_1


Torta de queixo estilo xaponés

É unha das receitas máis breves e sinxelas que ides atopar en toda a páxina! Tanto, que só ten tres ingredientes, catro se contamos o chisco de sal :) As tortas de queixo "xaponesas" adoitan ser moi lenes e de sabor suave, cunha textura semellante aos sufflés.

A receita orixinal non é tradicional: seica hai uns anos que unha moza xaponesa colgou a súa receita en Youtube, que acabou por ser viral. Non é de estrañar, xa que paga moito a pena facer este doce: pouco esforzo e un resultado abraiante! O único a ter en conta é o molde: precísase un redondo de 20-22 cm. de diámetro e 4 cm de altura, polo menos, e outro máis grande para metelo con auga.

Para os que sodes fans das tortas de queixo, botádelle un ollo a esta de queixo do Cebreiro, ou esta de queixo de cabra e iogur grego.

Ingredientes (para unha torta de 4-6 racións)

4 ovos pequenos, ou 3 grandes
150 gr. de chocolate branco
125 gr. de queixo crema (tipo Philadelphia)
Un belisco de sal

  1. Prequecemos o forno a 170º.
  2. Rachamos o chocolate en anacos e colocámolo nun bol para derretelo no microondas a potencia baixa. O mellor é ir facendo quendas curtas, para que non haxa risco de que churrusque. Outra alternativa é derretelo nunha pota a lume moi baixo.
  3. Remexemos o chocolate derretido e mesturámolo co queixo e co sal ata formaren unha masa homoxénea.
  4. Separamos a clara dos ovos nun bol grande e botamos as xemas na mestura do paso 2, remexendo ata que mesturen ben
  5. Montamos as claras a punto de neve ata que fagan "picos", é dicir, que teñan unha textura moi consistente.
  6. Engadimos un pouco do punto de neve á outra mestura, remexendo sempre na mesma dirección para evitar que se desfaga moito. O mellor é empregar unhas variñas manuais, ou senón, dous garfos.
  7. Engadimos o resto do punto de neve en dúas quendas, repetimos o paso 5.
  8. Metémolo no molde pequeno e colocámolo no molde grande. Despois botamos auga ata que chegue á metade do molde pequeno.
  9. Cocemos no forno durante 25-30 minutos, ata que estea ben dourado por riba. Apagamos o forno e deixamos estar 15 minutos máis, depois sacamos o molde principal e deixamos que arrefríe nun mesado. A masa ha baixar moito: é normal.
  10. Deixámolo repousar un mínimo de 4 horas, e servímolo con marmelada de froitos vermellos, ou con crema de cacao.

Que aproveite!

torta_queixo_2