A quinoa é un pseudo cereal (igual que o trigo mouro), moi típico da zona dos Andes. Os principais países produtores son Bolivia e Perú, onde é unha parte moi importante da súa alimentación. En Europa púxose de moda hai uns anos, grazas as súas propiedades nutritivas e a súa doada dixestión.

Para comprala podedes ir aos supermercados, onde venden paquetes preparados, ou nas tendas a granel que están a xurdir polas vilas e cidades, onde sae un pouco máis económica. Haina de tres tipos: branca, vermella e morada. A branca é a máis popular polo seu sabor neutro, as outras variedades teñen un sabor máis “terroso”.

NOTA: É importante lavar a quinoa antes de cocela para quitarlle o sabor amargo.

Veredes que esta receita está no apartado vexetariano malia levar gambas, é porque son fácilmente substituíbles por pementos, alcaparras, caiena… o caso é experimentar!

Ingredientes (para catro racións, aproximadamente)

200 gr. de quinoa branca

200 gr. de lentellas cocidas

Dous tomates ben maduros (valen os pelados de lata)

Media cebola grande ou unha pequena

100 gr. de gambas peladas (ou pementos, alcaparras, etc.)

4 culleres de aceite de oliva virxe extra

Sal e pementa negra

  1. Nunha tixola grande botamos o aceite e quecémolo. Botamos a cebola cortada en tiras finiñas e baixamos o lume a intensidade media.
  2. Deixamos cocer 5 minutos e engadimos as gambas.
  3. Cocemos un par de minutos máis antes de botar o tomate cortado en dados, o sal e a pementa. Cocemos durante 5 minutos e botamos as lentellas.
  4. Cocemos 10 minutos máis, sempre a lume medio, apagamos e deixamos repousar.
  5. Para facer a quinoa hai que lavala antes con auga tépeda. Nunha tixola ou pota pequena botamos a quinoa, un chisco de sal e dúas partes (400 ml) de auga e cocemos a lume alto durante 20 minutos. Ao remataren, remexemos cunha culler de pau.
  6. Servimos a quinoa nun prato e botamos o rustrido por riba.

Que aproveite!

quinoa3