Receita básica de hummus

Ás veces esquecemos que hai cousas que se poden  facer na casa. O caso do hummus é un dos máis sinxelos, só hai que atopar a tahina: véndena en tendas de alimentación natural e grandes superficies. A tahina non é máis ca unha pasta de sésamo torrado, se queredes tamén se pode facer na casa.

Para facer o hummus podemos empregar garavanzos crus e cocelos, ou usar os de bote. Como é un prato moi popular (consúmese en Exipto, Israel, Palestina, Líbano, etc.) ten moitísimas variantes, esta é a receita máis básica, pero pódeselle engadir olivas negras, ou aguacate, ou pementos, piñóns… O que máis vos guste! Se queredes ver máis receitas de hummus, botádelle un ollo a esta de Kukinhas, súper sinxela!

Unha última anotación: os sabores máis fortes que leva son o allo e o limón, e isto vai moito por gustos. A mín gustame o sabor do allo suave, por iso empreguei allo en conserva, deste tipo. Se non tivese, botaríalle medio dente de allo. O mesmo co limón, se vos gusta máis acedo, botade un pouco máis!

Ingredientes (para 3-4 racións, de entrante)

300 gr. de garavanzos cocidos

Zume de medio limón

1 culler de “tahina”

1 dente de allo, ben picado

3 culleres de aceite de oliva, máis un chisco para decoraren

Media culleriña de sal

Un belisco de comiño (opcional)

  1. Colocamos todos os ingredientes nun bol ou no recipiente da trituradora. Batemos ata que se forme unha pasta homoxénea. Se vedes que queda moi seca, engadídelle un pouco máis de aceite ou un par de culleres de auga morna. Tende en conta que ha secar un pouco nas seguintes horas.
  2. Deixamos repousar no frigorífico pola moite e servimos cun pouco de aceite de oliva e pementón doce, acompañado de torradas ou panciños secos.

hummus1

Que aproveite!


Comments

Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *