Fermentando té na casa

Sabiades que se pode fermentar o té? Eu non, e cando oin falar da kombucha, unha bebida típica da zona de Manchuria, en China, tampouco o pensei moito no tema. O caso é que estase a facer popular pouco a pouco e un día un amigo comentoume que tiña un cultivo de sobras e así foi como me puxen co tema.

Neste caso, o té fermentase cun disco que parece un fungo, pero en realidade é unha colonia de lévedos e bacterias, coñecido coma scoby (do inglés symbiotic culture of bacteria and yeast). O resultado é unha bebida levemente gaseosa que sabe un pouco a sidra, está moito máis rica do que o seu aspecto suxire. Ten un pouco de alcol, pero non chega ao 1%.

Para facer a kombucha precisades té, azucre e un cultivo cun pouco de kombucha anterior. Véndense deshidratados por Internet, pero se preguntades en tendas ecolóxicas quizá vos poidan avisar de alguén que volo dea. Cada vez que facemos unha fermentación sae unha colonia nova, pero a vella pódese usar varias veces, así que pronto estará o mundo cheo delas :D

É importante que o té que usedes non leve engadidos, vale té verde, roxo ou negro, pero sen aceites nen froitas nen nada diso. A receita sería así (puxen varias fotos porque o proceso é fascinante e noxento a partes iguais, están ao final do artigo).

Ingredientes para litro e medio de kombucha:

Litro e medio de auga

4 ou 5 bolsiñas de té

100 - 125 gr. de azucre

Unha colonia "scoby" e un pouco de kombucha xa feita

  1. Fervemos a auga e apagamos o lume.
  2. Cando deixe de ferver, engadimos o té e deixámolo estar segundo as instruccións do fabricante.
  3. Engadimos o azucre e remexemos ata que disolva. Deixamos enfriar ata que acade temperatura ambiente.
  4. Botamos a mestura nun recipiente de cristal, e colocamos o scoby: Pode quedar flotando ou fundir, non pasa nada en ningún dos casos.
  5. Tapamos o recipiente e colocamoslle unha rolla limpa ou un pano de papel por riba e tensamola cunhas gomas elásticas.
  6. Deixámolo nun sitio aireado, sen luz directa e cunha temperatura estable que non baixe dos 18 graos. Detrás ou enriba da neiveira adoita ser bo sitio.
  7. Agardamos unha semana, destapamos e apartamos un pouco o scoby (que xa serán dous) e probamos cunha palla de plástico para ver se nos gusta o sabor. Cantos máis días estea, máis ácida e gaseosa quedará.
  8. Cando teñamos o sabor desexado, gardamos os scobys nun tupperware con 100 ml da kombucha. Iso pódese gardar no frogorífico, así estará en estado "durminte" ata a vindeira vez que queiramos facer kombucha. Poden quedar posos, é normal e pódense beber, pero se queredes que quede "limpo", pasádeo por un escoador de tea, dos de facer café de pota.
  9. Aguanta unha semana na neveira, máis ou menos, servímolo frío ou do tempo!
Así hai que tapalo
Os dous discos scoby. Ao final da fermentación sempre van quedar por riba.
Os scoby listos para a vindeira vez
"Kombucha" recén feita, co seu gas.

Que vos parece? Fariades kombucha na casa?

PD: Aproveito este artigo para facer publi de Radio Liverdade, onde colabora o amigo da kombucha (grazas Emilio!), é unha radio comunitaria de Ourense que ten programas ben interesantes :)


Escolma de inverno

Xa levamos uns aniños co blog, así que aproveitamos para facer unha selección de receitas que van moi ben para estes días fríos (preme na imaxe para ver a receita):

Crema rubia de verduras

 

Risotto de queixo parmesano viño branco

 

Churrasco ao ron con compota de mazá

 

Bacallau dourado ou "á portuguesa"

 

Polo asado á laranxa

 

Rolos doces de batata e noces

 

Torta de laranxa, mandarina e améndoas

E por último, uns consellos para facer café:

Como facer mellor o café na casa

Como pedir o café en Portugal

O café en Portugal é unha cousa moi seria, que bo está! E aínda por riba, barato. Aquí tendes unha pequena guía para pedir café, de almorzo, a media mañá, ou de merenda cunhas natas ou cuns bolos de arroz. Se andades por Portugal, pode ser que vos interese este artigo de recomendacións de cousas do súper. E se estades na casa e vos presta un café, neste artigo tendes uns truquiños para que saia máis rico

Cafés con leite:

  • Galão: un café con moito leite, servido nun vaso alto e cunha culler longa. Pódese pedir "escuro" ou "claro", dependendo das proporción leite/café que queirades Normalmente pídese para almorzar (no pequeno almoço, como eles lle chaman), despois das 12 do mediodía considerase estraño. Digo isto por si vos miran raro, cada un que pida o que lle pete :D
  • Garoto: o que nós coñecemos coma "manchado". Pouco café e moito leite, nunha taza normal.
  • Meia de leite: un café con leite, tamén típico para o almorzo.
  • Pingado: un café cortado.

Cafés sen leite:

  • Abatanado: o equivalente ao café americano, sería un espresso pero con máis auga. A textura é máis aguada e o sabor máis suave, pero leva igual de cafeína.
  • Café de saco: vén sendo o noso café de pota. Prepárase nos sitios máis tradicionais.
  • Café/bica/cimbalino: un café só. En Lisboa chámanlle bica (parece ser que vén do acrónimo "Bebe Isto Com Azucar", porque era moi forte) e no Porto, cimbalino. Se precisades unha dose de cafeína extra, pedide un "café duplo".
  • Café italiana: un café máis cortiño e concentrado, o que os italianos chaman ristretto.
  • Carioca: un café moi moi suave, feito con resto do último café que quedou na máquina.

Nalgúns sitios serven o café cun pau de canela, que se usa coma unha culler. Sabedes de máis variantes/trucos para pedir café en Portugal? Deixádeos nos comentarios!


Cinco grandes hits do Lidl

Esta semana non escribín receita, pero veño cunhas recomendacións de produtos da marca blanca do Lidl. É un supermercado que me gusta moito porque ten cousas que son difíciles de atopar noutros, e ademáis xa non ten o ambiente ese "gris" e un pouco posapocalíptico que tiña hai 8 ou 10 anos. Resumindo, é un artigo de siareira, que a min non me pagan por isto: se alguén quere pagarme por escribir un artigo, que se poña en contacto :).

Velaiquí as miñas suxerencias, cousas bastante básicas que se atopan en todos os Lidl, penso eu.

Taboulé oriental: Un clásico de cando non queres cociñar, especialmente en verán. Cun chisco de aceite extra está de vicio, e dá para varias porcións.

Iogur grego: é un cubo coma de pintura, pero cun litro de iogur. Perfecto para cando teñades convidados e queirades apañar unha sobremesa. Cun pouco de mel e unhas noces... listo! Haino en versión normal e lixeira, coma a da foto.

Gnocchi de patata refrixerados: están onda a pasta fresca e son dos gnocchi máis baratos que vin. Fan moito avío para cando queres facer algo de pasta, pero máis contundente.

Chocolate negro JD Gross: esta é unha marca propia do Lidl para o chocolate premium. É cousa fina, non vos digo máis. Podedes probar a facer este xeado de chocolate con el.

Foto de http://ariadnagarciabermudez.blogspot.com.es

Produtos asiáticos: vale, isto é un pouco trampa porque son moitos produtos, pero non sempre están todos. Hainos para facer receitas xaponesas (arroz de sushi, vinagre de arroz, sopiña de miso...), tailandesas e támen teñen curris e mollos agridoces tipo indio. Seguro que hai moitas opcións máis refinadas e auténticas, pero tendo en conta a dispoñibilidade e o prezo, estes produtos son moi xeitosos para os principiantes en receitas orientais.

E a vos, que produtos vos gustan? Deixade as suxestións nos comentarios, ou no Twitter!

PD: Se vos interesa, tamén podedes pasarvos polo artigo sobre "Que comprar nos supermercados portugueses".


Cinco mollos picantes para principiantes

O picante é algo que, quitando os pementos de padrón, non se estila moito en Galicia. Cada vez hai máis variedade nos supermercados e restaurantes, pero moita xente non se atreve a probalos porqu pensa que lle van a sentar mal ao estómago. Se non tendes problemas de dixestión, podedes comer picante tranquilamente, o peor que vos pode pasar é que soltedes unhas bágoas!

Para que vos fagades unha idea, a escala Scoville é unha medida do picor nos pementos (tamén coñecidos como chiles). Comezaría con 100 unidades, que é o que tería, aproximadamente, un pemento común. Os pementos de Padrón andarían entre as 2000 e 300 unidades, e de momento remata a clasificación o "Carolina reaper", un pemento que ten un picor de ata 2.220.000 unidades.  Os mollos que mencionamos neste artigo ten andan pola altura dos pementos de Padrón.

Un bo xeito de comezar a comer picante é con mollos preparados que venden no supermercado. Así podes ir probando a intensidade, facer unha idea e probar combinacións distintas. Hay moitísimos, pero penso que esta selección é boa para os principiantes:

O'preve - churrasco picante: o mollo de churrasco, pero con pemento picante engadido. Serve para churrascos, carnes á grella ou ao forno, salchichas, bocadillos, tortillas... Feita en Sada, pódese atopar fácilmente en calquer súper galego un pouco grande.
Salsa verde: Este mollo está feito a base de tomates verdes, allo, perixel e chiles verdes. É moi típico botarlla aos tacos e enchiladas, e tamén ás enchiladas e costelas de porco. Con totopos vai moi ben de entrante. Hai moitas marcas, a da foto pódese atopar no Froiz, ou en tendas online.
Tabasco: Aínda que leva o nome dun estado do suer de México, este mollo está feito nos Estados Unidos pola empresa McIlheny. O deseño da botella leva máis de cen anos sen cambiar e é moi doado de atopar nas tendas. Vao moi ben para botarle ás aliñas de polo, ou para "picantizar" otros mollos, coma o de tomate.
Lao Gan Ma: Máis que un mollo, é aceite de chile. a base é aceite de canola con feixóns negros e chiles. Ten un sabor levemente doce e afumado, é moi boa para adobar bocadillos, tortillas, arroces fritidos ou fideos estilo asiático. Atópase en supermercados asiáticos ou en Ebay. O seu nome vén sendo algo asó como "a madriña", que é a fundadora da empresa que sae tamén na etiqueta.
Sriracha: é un mollo feito a base de chile, vinagre destilado, allo azucre e sal. Chámase coma a cidade tailandesa de Si Racha, onde se comenzou a usar para adobar o marisco local. Hoxe é moi coñecida en todo o mundo e usáse para botar no marisco, pasta ou arroces, e tamén en ovos revoltos ou bocadillos. Véndena na zona de produtos internacionais de Carrefour ou do Corte Ïnglés, e tamén en moitas tendas online.

PD: A imaxe que ilustra o post é a escala Scoville nun mostrador con chiles picantes á venda, en  Houston, Estados Unidos, sacada da Wikipedia