Revolto de verduras, tofu e sésamo torrado

O tofu é unha fonte de proteína vexetal que vai moi ben para cando non queremos empregar carne ou peixe nun prato. Está feito con soia, callada e “curada” e ten un sabor moi suave que combina con todo. Pódese atopar en tendas de comida ecolóxica e cada vez máis, en grandes superficies e supermercados.

O tema do aceite, eu tiña un de cacaué que comprei no Lidl cando fixeron a semana asiática, pero calquera que non sexa o de oliva vale: xirasol, millo, etc. As chalotas pódense cambiar perfectamente por cebolas. E non ten máis complicación!

Ingredientes (para dúas racións):

Unha cabaciña grande, cortada primeiro en rodas e cada roda, en cuartos.

4 chalotas (ou dúas cebolas)

200 gr de tofu compacto

25 gr de sementes de sésamo

5 ou 6 culleres de aceite vexetal

Mollo de soia ao gusto

Un pouco de sal

  1. Quecemos a tixola a lume medio e torramos o sésamo se fose necesario. Para facelo, simplemente imos remexendo ata que doure, tardará uns 15 minutos, aproximadamente. Reservamos.
  2. Botamos o aceite na tixola, e cando estea quente botamos as chalotas ben picadas. Cando estean un pouco translúcidas, engadimos o tofu en dadiños. sempre a lume medio
  3. Cando o tofu estea un pouco feito (dourado) engadimos a cabaciña picada e o sal e tapamos a tixola. Cocemos durante 20-30 minutos, remexendo de cando en vez.
  4. Engadimos o sésamo torrado e a soia que nos apeteza.
  5. Servimos quente.

Que aproveite!

 


Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *