Risotto de pemento e queixo de cabra

Os risottos son uns pratos que me gustan moito, e penso que non son tan populares como deberían. Pode ser que sexa porque moita xente pensa que é difícil, pero non é o caso, como xa demostramos con esta receita de risotto queixo e viño branco. Como tantas outras receitas, só precisa un chisco de paciencia.

Para facelos é recomendable usar un arroz especial, das variedades Arborio ou Carnaroli, podense atopar fácilmente en tendas a granel e grandes superficies. Son arroces de gran pequecho e que soltan moito almidón, o que contribúe á textura cremosa. Se non podedes compralo, usade un arroz normal de gran redondo, dos de paella ou arroz con leite.

Ingredientes (para 3 ou 4 racións)

250 gr de arroz arborio (ou arroz redondo)

Un litro de caldo de verduras

2 pementos vermellos

70 gr. de queixo rulo de cabra

Un allo porro grandeiro

Un dente de allo

4 culleres de aceite de oliva virxe

Media culleriña de tomiño

Unha semente de caiena (opcional)

Dous beliscos de sal

  1. Nunha tixola moi grande, ou nunha pota de base grande, quecemos o aceite de oliva e botamos o allo porro cortado moi finiño e os pementos cortados en dadiños pequenos. Cocemos a lume medio ata que comecen a estar translúcidos.
  2. Botamos o arroz e remexemos cunha culler de pau ata que comece a estar translúcido tamén. Engadimos o sal e o tomiño (e a caiena, se procede).
  3. Engadimos 200 ml de caldo e remexemos ben ca culler de pau. Cando absorba o líquido, engadimos máis.
  4. Repetirmos a operación ata que non quede caldo: levará uns 20-25 minutos.
  5. Apagamos o lume e botamos o queixo en faragullas, remexendo ben.
  6. Servímolo quente.

Que aproveite!

 


Comments

Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *