Salmón ao forno con limón e pementa negra

Se non publico máis receitas de peixe non é porque guste del, pero sempre acabo facéndoo ao forno sen máis e tampouco me parece que iso teña tanto segredo coma para facer un artigo. Desta vez fun un pouco máis aló e din con esta saborosa receita, tan sinxela que non sei como non a probara antes.

En Ourense dise que hai moito tempo, cando a ponte romana non estaba acabada, os obreiros que traballaban buscando ouro no Miño fixeron folga porque estaban fartos de comer salmón todos os días, de tanto que había: como cambiou a cousa! De todos os xeitos, aínda quedan lugares en Galicia onde degustar salmón autóctono, coma na Estrada que celebra en maio a súa coñecida festa do salmón. Non a perdades!

Ingredientes (para catro racións)

500 gr. de solombo de salmón sen pel (en catro filetes)

Reladura de medio limón (despois faremos rodas del para decorar)

30 gr. de manteiga, derretida

4 culleres de pan relado

1 culleriña de pementa negra, recén moída

1 belisco de sal

  1. Prequecemos o forno a 180º
  2. Nunha cunca grande mesturamos o pan relado, a pementa, a reladura de limón e a manteiga.
  3. Untamos os filetes pola parte de arriba ca mestura do paso 2. Colocámolos nunha bandexa e  engadimos unhas rodas de limón de 1 cm. de grosor ao carón do salmón.
  4. Cocemos no forno, preto da parte de arriba durante 10 minutos, ata que a cobertura estea dourada e crocante.
  5. Servimos acompañado de cachelos, arroz branco ou verduras.

Que aproveite!

salmon_limon3

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *