Scones salgados con queixo e mostaza

Nun principio esta receita ía ser doce, pero como ultimamente xa probamos madalenas e cous-cous doce decidinme por unha versión salgada, ideal para tomar de merenda con pavo ou xamón, ou para acompañar unhas cervexas. Ou as dúas cousas á vez!

Os scones son unha receita orixinaria de Escocia e son moi típicos no Reino Unido como parte do high tea: a merenda cea. Sérvense abertos pola metade e recheos de manteiga e marmelada. Estes son unha adaptación desta receita de Jamie Oliver.

Ingredientes (para 7 ou 8 pezas)

250 gr. de fariña

75 gr. de manteiga fría

1 ovo

2 culleres de leite + 2 para “barnizar”

3 fatias de queixo

1 culleriña ben chea de mostaza en gran

1/4 de culleriña de comiño – opcional

1/2 culleriña de sal

  1. Prequentamos o forno a 220º
  2. Cortamos a manteiga en dadiños. Nun bol botamos a fariña e a manteiga e amasamos cas mans ata que semelle pan relado. Non cómpre amasar moito tempo, a manteiga non ten que derretir por completo. Facemos un oco no medio.
  3. Nun prato fondo batemos o ovo co sal, a mostaza e o comiño.
  4. Botamos o líquido no oco do paso 1 e remexemos cas mans de novo ata formaren unha masa homoxénea que se despegue facilmente das paredes do bol.prep1
  5. Botamos un chisco de fariña nun mesado, colocamos a bola de masa e esmagámola para que quede con grosor uniforme de 2- 2,5 cm.
  6. Preparamos unha bandexa con papel de forno.
  7. Ca axuda dun vaso sacamos círculos de masa e colocámolos na bandexa ca parte lisa cara arriba.prep2
  8. Botamos dúas culleres de leite no vaso, e cun pincel (ou cos dedos) barnizamos a parte superior dos scones.prep3
  9. Cocemos no forno durante 10 minutos, ou ata que estean dourados por riba. Se queredes que queden máis crocantes, deixadeos repousar sen nada, se vos gustan máis tenros, tapádeos cun trapo de algodón nada máis sacar do forno.

Que aproveite!

 


Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *