Receita básica de hummus

Ás veces esquecemos que hai cousas que se poden  facer na casa. O caso do hummus é un dos máis sinxelos, só hai que atopar a tahina: véndena en tendas de alimentación natural e grandes superficies. A tahina non é máis ca unha pasta de sésamo torrado, se queredes tamén se pode facer na casa.

Para facer o hummus podemos empregar garavanzos crus e cocelos, ou usar os de bote. Como é un prato moi popular (consúmese en Exipto, Israel, Palestina, Líbano, etc.) ten moitísimas variantes, esta é a receita máis básica, pero pódeselle engadir olivas negras, ou aguacate, ou pementos, piñóns... O que máis vos guste! Se queredes ver máis receitas de hummus, botádelle un ollo a esta de Kukinhas, súper sinxela!

Unha última anotación: os sabores máis fortes que leva son o allo e o limón, e isto vai moito por gustos. A mín gustame o sabor do allo suave, por iso empreguei allo en conserva, deste tipo. Se non tivese, botaríalle medio dente de allo. O mesmo co limón, se vos gusta máis acedo, botade un pouco máis!

Ingredientes (para 3-4 racións, de entrante)

300 gr. de garavanzos cocidos

Zume de medio limón

1 culler de "tahina"

1 dente de allo, ben picado

3 culleres de aceite de oliva, máis un chisco para decoraren

Media culleriña de sal

Un belisco de comiño (opcional)

  1. Colocamos todos os ingredientes nun bol ou no recipiente da trituradora. Batemos ata que se forme unha pasta homoxénea. Se vedes que queda moi seca, engadídelle un pouco máis de aceite ou un par de culleres de auga morna. Tende en conta que ha secar un pouco nas seguintes horas.
  2. Deixamos repousar no frigorífico pola moite e servimos cun pouco de aceite de oliva e pementón doce, acompañado de torradas ou panciños secos.

hummus1

Que aproveite!


Polbo mariñado

.... e seguimos a postear receitas axeitadas para a calor, desta vez vai un prato que ven serve para facer de cea ou de entrante, polbo mariñado! Como aínda non me atrevo a facer ceviche, probei con esta receita na que o polbo xa está cocido.

Évos moi sinxelo de facer, serve para aproveitar o polbo que vos sobre doutra cousa e aínda por riba permite que se conserve uns días máis, todo vantaxes! Eu fíxeno con polbo conxelado, pero tamén se pode facer con el fresco.

Ingredientes (para dúas racións)

4 patas de polbo

8 culleres de aceite de oliva

Zume dun limón, dous se vos gusta acedo

Sal e pementa ao gusto

Perixel para a decoración

  1. Cocemos o polbo en auga con sal durante 30 ou 40 minutos, ata ue poidamos meter un garfo e sacalo con facilidade.
  2. Deixamos arrefriar, e cortamos as patas en anacos de 2-3 cm de grosor.
  3. Nun prato fondo ou cunca, colocamos o polbo e botámoslle o zume de limón, o sal e a pementa por riba.
  4. Botámoslle o aceite, e se non cobre o polbo (que ha de ser o máis probabel) engadímoslle auga fría ata que a capa de aceite estea por riba.
  5. Deixamos repousar no frogorífico durante 24 horas e servimos cun pouco de perixel, a poder ser, fresco. Se vedes que hai moito mollo, podédelo gardar para untar unhas torradas, como fixen eu ;).

Que aproveite!

polbo-2polbo-1


Queique de aceite de oliva e auga de azar

Lembrades a receita da rosca de Reis? Se comprastes auga de azar e non sabedes que facer con ela, havos interesar esta receita. É unha variación do tradicional queique de iogur con limón, pero cambiando o aceite de xirasol polo de oliva, e engadindo auga de azar no canto de reladura de limón. O resultado é boísimo, un queique ben espelido e aromático, máis lixeiro (e doado de facer) ca rosca de Reis :)

A miña recomendación é que usedes un aceite de oliva forte  para que teña un sabor máis intenso: os tipos arbequina, cornicabra ou brava galega serían os máis axeitados. O queique non ha "picar" coma o aceite só, pero si gardará un pouco do sabor, se usades o aceite de oliva de fritir non ides obter o mesmo resultado.

A min saíume un queique mediano e outro pequeno por mor dos moldes, pero cun molde de 23-24 cm. de diametro ha ser suficiente para botar toda a masa.

Ingredientes (para un biscoito de 8-10 racións):

4 ovos

1 iogur natural de 125 gr.

1 medida do iogur de aceite de oliva, máis un pouco para o molde

3 medidas e media (do iogur) de fariña de trigo

2 medidas  (do iogur) de azucre

2 culleres de auga de azar

1 culler de fermento químico

1 belisco de sal

  1. Prequecemos o forno a 180º.
  2. Nun bol grande, poñemos todos o ingredientes líquidos, batemos ben ca batedora.
  3. Mesturamos a fariña, o fermento e o sal nun prato fondo.
  4. Engadimos a mestura do prato ao bol, POUCO A POUCO, mestres seguimos a bater.
  5. Engraxamoso molde e vertemos a masa nel.
  6. Cocemos durante 30-40 minutos: depende moito do forno, así que ide comprobando cada rato. Para saber se está listo, metedelle unha agulla de calceta no medio do queique, se sae seca é que xa esta listo.

Que aproveite!

queique_aceite_oliva2

queique_aceite_oliva1

 


Chocos guisados na súa tinta

Hai xa un tempo que non temos receitas de peixe e marisco, pero recuperamos o tempo perdido con esta delicia! Os chocos son doados de cociñar, mais precisan moita paciencia, xa que a súa carne ten que cocer moito para quedar brandiña. Para facer esta receita teredes que avisar na peixería que que volos limpen ben e garden a tinta nunha bolsiña aparte.

Para os que non queirades cociñar, pero si probar este marabilloso produto, podédevos acercar á famosa festa do choco de Redondela, unha das máis senlleiras de Galicia: o ano que vén cumprirá 30 anos!

Ingredientes (para catro racións)

1 quilo de chocos, cortados en rodas,  ca súa tinta

1 cebola grande, ben picada

4 ou 5 culleres de aceite de oliva

1 vaso de viño branco

1 vaso de auga

3 dentes de allo

Unha culleriña de sal e perixel ao gusto

  1. Nun morteiro metemos o sal, o perixel e os dentes de allo cortados en anacos. Esmagamos todo xunto ata facer unha pasta.
  2. Quentamos o aceite de oliva nunha tixola grande e pochamos a cebola a lume medio.
  3. Cando estea branda e comece a dourar, engadimos os chocos, a tinta, o viño e a auga.
  4. Deixamos quecer a lume medio unha hora e media, aproximadamente. Se os chocos son grandeiros, un chisco máis.
  5. Servimos acompañados de cachelos ou arroz branco. Para facer arroz dun xeito rápido e sinxelo, mirade esta receita.

Que aproveite!

chocos-1 chocos-3


Pizza "Cebreira"

Nun principio o nome da pizza ía ser "pizza con masa de millo, bonito, cebola e queixo do Cebreiro", pero como non caibía, queda abreviado que soa mellor. Quen sabe se se algún día se converterá nun nome de uso común :D

Como podedes ver nas fotos, o resultado é un pouco "focacciesco", porque non estendín a masa dabondo e creceu demáis. Además, o queixo do Cebreiro non derrerta tan ben coma a mozarella, pero paga a pena polo sabor tan especial que le dá.

Isto das masas vai un pouco por gustos, se vos gusta a gordiña e suave facédela tal cal, se queredes algo máis fino e crocante, podedes ler uns consellos no blogue "Uno de dos", grandes expertos neste tema. O do ourego dentro da masa vén de Kukinhas, que ten unha estupenda selección de pizzas, entre moitas outras receitas. A mín gustame o efecto estético, pero podédelo poñer co queixo, quedará un sabor máis intenso.

Ingredientes (para unha pizza grandona)

100 gr. de fariña milla

100 gr. de Maizena

100 gr. de fariña de forza (a que venden na panadería)

200 ml. de auga morna

12 gr. de lévedo fresco

1 culler de aceite de oliva virxe + un chisco para o final

3 culleriñas de pasta de tomate concentrada (pódese substituir por tomate fritido)

180 gr. de queixo do Cebreiro

1 lata de ventresca de bonito

1/2 cebola morada

1 culleriña de ourego

Aceite de oliva virxe ao gusto

Sal

  1. Nun bol, mesturamos todas as fariñas cun media culleriña de sal e o ourego, remexemos.
  2. Botamos a metade da auga morna nun vaso e derretemos o lévedo dentro.
  3. Engadimos a auga (a do lévedo e a outra) a modiño mentres remexemos. Botamos tamén a culler de aceite e seguimos remexendo ata que a masa case non quede pegada ás mans.prep1
  4. Facemos unha bola, metémola no bol, tapámolo cun pano e dexamos repousar 2 horas. Se vai frío, deixádeo máis tempo. Este é o aspecto despois de pinchalo un poucoprep2
  5. Sacamos a masa do mol e amasamos un par de minutos.
  6. Colocamos papel de forno nunha bandexa e esparexemos un pouco de fariña milla, para que non quede pegado. Estendemos a masa todo o que poidamos.prep3
  7. Prequentamos o forno a 180º pola parte de abaixo.
  8. Untamos a pasta de tomate, engadimo o queixo esfarelado, o bonito e maila cebola en rodas. Rematamos botando un pouco de aceite e sal.
  9. Cocemos na segunda balda do forno (empezando por abaixo) durante 15-20 minutos.
  10. Acendemos o forno pola parte de arriba tamén, subimos a bandexa dúas baldas e deixamos 5 ou 10 minutos máis.Pizza "Cebreira", con queixo de Cebreiro

E vós? Anivádesvos a facer pizza na casa?

Que aproveite!

Pizza "Cebreira", con queixo do Cebreiro