Ensalada de quinoa, tomate, abacate e xarda

A quinoa é un ingrediente que non me inspiraba moito ao principio (canto tempo hai que está dispoñible, catro ou cinco anos? non sei) pero que cada vez uso máis porque en realidade é moi versátil. A que se vende en tendas ao granel adoita se máis cara (6€/quilo) pero o Lidl ten unha máis barata producida en España que ben vale para o que imos facer. Tamén podedes usala un ollo a esta quinoa con rustrido de lentellas, que fai moito avío para o día seguinte.

Os que sexades vexetarianos podedes cambiar a xarda por queixo feta, o que importa é o punto de salgado que lle dá á ensalada. Outra recomendación é usar un vinagre acedo ou zume de limón, xa que un de tipo doce (Módena) non fai tanto contraste e non queda tan rico.

Ingredientes (para dúas racións)

150 gramos de quinoa cocida

Un tomate grandeiro

Unha lata de xarda en aceite de oliva

Un belisco de sal

Aceite e vinagre ao gusto

Pementa negra (opcional)

  1. Cortamos o abacate pola metade longa, sacamos a carozo e retiramos a polpa cunha culler. Cortámolo en dados. Nota: É importante que todos os ingredientes estean a temperatura ambiente.
  2. Cortamos o tomate tamén en dados, sacamos a xarda da lata e esmagámola cun garfo para facer anacos coma os da foto.
  3. Repartimos a quinoa en dous pratos fondos, facendo un oco no medio para que quede máis bonito despois.
  4. Engadimos o tomate e o abacate, e despois a xarda (ou queixo feta, se optades pola opción vexetariana).
  5. Botamos un pouco de aceite e vinagre, sal e pementa ao gusto.
  6. Servimos!

Que vos parece? Usades moito a quinoa? Para que cousas? Deixade a resposta nos comentarios, ou no noso Twitter.


Abacates recheos ao forno

Sei que en galego o xeito "oficial" é aguacate. Pero, igual que os cacaués a palabra abacate gustame moito máis! Moi populares dun tempo a esta parte, os abacates son moi nutritivos e teñen propiedades antioxidantes. O truco é atopalos bos e que non haxa que pagar unha letra da hipoteca por eles (nesta ocasión só puiden cumprir o primeiro, ¬¬U). Nota: Se tendes a sorte de ter ovos de paspallás, é o momento perfecto para usalos (no canto dun de galiña).

Esta receita dalle un toque quentiño que presta moito no inverno, e se non vos gusta o touciño podedelo cambiar por queixo feta ou noces! Para ver máis pratos lixeiros, probade esta receita de ensalada grega de garavanzos, ou esta crema de batata e cenoura.

Ingredientes (para unha ración)

Un abacate

Un ovo grande

2 tiriñas de touciño (ou un anaco de queixo feta)

Un chisco de sal

  1. Quecemos o forno a 170º
  2. Pasamos o touciño pola tixola ata que quede crocante. Reservamos.
  3. Metemos o ovo nun vaso e pinchámolo cun garfo, sen bater.
  4. Abrimos o abacate en dúas metades e quitámoslle o óso. Cunha culler facemos o oco un pouco máis grande (reservamos a carne que sobre).
  5. Botámoslle sal ao abacate e enchémolo co ovo, sen que chegue e rebosar.
  6. Cocemos durante 15-20 min na parte superiori do forno, ata que ovo calle e o abacate teña pintiñas douradas.
  7. Decorámolo co touciño e o resto da carne.

Que aproveite!

abacate-forno-2


Cebiche de lagostinos, manga e aguacate

Xa tiña ganas de facer un cebiche hai tempo, pero ata hoxe non o din feito, co sinxelo que é! Un prato moi xeitoso para o verán, cando non apetece acender a cociña, e é ademáis moi saboroso e lixeiro.

A receita orixinal é de Cocinando entre olivos, mais eu modifiqueina para facela máis doada e para menos racións! Podedes cambiar os lagostinos por gambas ou polbo, se vos gusta isto, lembrade ler esta receita de polbo mariñado!

Ingredientes (para 3 ou 4 racións)

400 gr. de lagostinos

1 aguacate pequeno

Zume dun limón grande ou 2 limas

Media manga

Media cebola morada

1 culleriña de mostaza

1 semente de caiena

Un chisco de sal e aceite de oliva

Coandro ou perixel, para decoraren

  1. Poñemos os lagostinos nun bol ca cebola pelada, lavada e cortada en anaquiños.
  2. Engaimos a pel relada do limón ou as limas, despois botámoslle o zume.
  3. Engadimos a mostaza, remexendo.
  4. Por último, engadimos o sal e a caiena e metémolo no frigorífico, deixándoo repousar uns 45 minutos.
  5. Cortamos a manga e o aguacate en dadiños e botámolo á mestura ao sacala do frigorífico. Decoramos con aceite de oliva e un pouco de coandro ou perixel.
  6. Servimos frío.

Probastes algunha vezo cebiche? Tendes algunha recomendación? Deixádea nos comentarios ;)

cebiche_lagostino_manga


Guacamole!

Algúns alimentos preparados e envasados están bastante ben (a salsa pesto...) pero hai outros que non teñen xeito ningún. O guacamole de bote NUNCA está bo, e co doada que é a receita, paga a pena a facelo un mesmo.

Hai mil millóns de receitas de guacamole, e non sei se esta será moi ortodoxa, pero é a que ten ingredientes que máis facilmente se atopan. Se queredes levar un entrante para unha cea ou un picnic, triunfades seguro.

Ingredientes (para un bol mediano, pican tres ou catro persoas):

2 aguacates maduros - a punta ten que estar un pouco fofa.

1 tomate pequeno, maduro

Media cebola

Un chisco de coandro

Unha culleriña de mel

Zume de medio limón

Sal

6 - 8 pingas de salsa tabasco

  1. Abrir os aguacates pola metade, retirar a semente e quitar a polpa cunha culler. Trocear e botar no bol.
  2. Picar os tomates en dadiños e a cebola moi fina. Botar ao bol xunto co coandro, o mel, o zume, o tabasco e un chisco do sal.
  3. Bater ca batidora ata que quede uniforme pero con algúns cachiños. Se vos gusta con anacos gordos, en vez de usar a batidora podedes esmagar todo cun garfo.
  4. Se queda moi acedo, podedes botarlle máis mel ou un pouquiño de azucre. Ás veces hai que correxir a cantidade de sal tamén.
  5. No caso de que non o consumades inmediatamente, metede a semente no medio do guacamole, medio fundida, e tapade con film de plástico (tocando a superficie do guacamole). Así evitaredes que oxide e saque unha cor marrón bastante desagradable.

Que aproveite!