Albóndegas de polo e ananás

Como gusto das albóndegas! Despois de facelas con mostaza e con xamón, quería probar algo distinto, así que aquí vai unha proposta moi orixinal e ademáis, lixeira. Parece que leva moitos ingredientes pero ao final non son tantos, algúns repítense ;)

Estas albóndegas de polo con ananás tamén se coñecen coma "estilo teriyaki", pero non sei moi ben a historia... O caso é que están boísimas, o mollo é moi gorentoso, seguro que non queda nada porque todo o mundo anda a rebañar nel! A receita orixinal atopeneina en inglés, é esta, aínda que un pouco máis sinxela.

Ingredientes (para 16-18 pezas)

400 gr. de carne picada de polo

3 rodas de ananás en conserva 

Miolos dunha rebanda de pan

125 ml. de leite quente

1 cebola tenra

1 dente de allo pequeno, ben picado

1 ovo

4 culleres de "panko", ou no seu defecto, pan relado

1/4 culleriña de sal

1/4 culleriña de pementa negra moída

Aceite de xirasol para untar a bandexa do forno

Ceboliño picado, para a decoración (opcional)

Para o mollo:

3 culleres de prebe de soia

80 ml. de auga

80 ml. de zume de ananás (o da conserva vale ben)

60 gr. de azucre de caña

1 culler de Maizena + 1 culler de auga morna

1 culleriña rasa de xenxibre en po (opcional)

1 dente de allo pequeno, picado

  1. Prequentamos o forno a 180º.
  2. Engraxamos a bandexa do forno con aceite de xirasol, axudándonos cun pano de papel.
  3. Quecemos o leite nunha taza e metemos o pan dentro, para que chunche o líquido.
  4. Nun bol grande mesturamos todos os ingredientes das albóndegas (agás o ceboliño), tendo conta de que estean ben picados. O ovo é mellor botalo batido.
  5. Prequentamos o forno a 180º.
  6. Remexemos coas mans ata mesturar todo. Ha quedar unha masa moi húmida, pero é normal. Se non sodes quen de facer albóndegas con ela, engadide un pouco máis de panko.
  7. Cunha culler sacamos bolas de masa e facemos bolas duns 4 cm. de diámetro. Colocámolas na bandexa, e deixámolas cocer no forno durante 20 minutos, aproximadamente.
  8. Para facer o mollo, quentamos todos os ingredientes nunha tixola, menos a Maizena.
  9. Disólvemos a Maizena cun pouco de auga e botámola no resto do mollo, así non quedarán grumiños. Deixamos quecer 5 minutos máis a lume medio.
  10. Colocamos as albóndegas nun prato, vertemos o mollo por riba e decoramos cun pouco de ceboliño en anacos. Servimos inmediatamente.

albondegas_polo

Que aproveite!


Albóndegas con xamón

As albóndegas e as súas variantes son moi populares en case todas as partes do mundo, e non é de estrañar xa que son un prato moi agradecido e que fai moito avío: pódense gardar no frigorífico durante varios días, e adminten unha grande variedade de complementos, xa publicamos hai tempo unha deliciosa versión con mostaza. Esta receita é para poucas unidades, se queredes podedes facer máis e conxelar a masa para fritilas noutra ocasión: tende conta porque se algún dos ingredientes estivo conxelado antes non é recomendable volvelo a conxelar xa que hai máis probabilidades de que colla bacterias non desexables.

Ingredientes (para 16 albóndegas, aprox.)

200 gr. de carne de vacún picada

80 gr. de xamón serrano en rebandas (lonchiñas)

1 ovo Media cebola, ben picada

80 ml. de leite gordo (enteiro)

2 culleres de pan relado, máis un prato del para rebozaren.

Aceite de xirasol para fritir

  1. Cortamos o xamón en anacos pequenos e botámolo nun bol.
  2. Engadimos o resto dos ingredientes e batemos cun garfo ata formar unha pasta homoxénea.
  3. Deixamos repousar no frigorífico un par de horas.
  4. Coas mans, facemos bolas algo máis grandes ca unha noz, e rebozámolas no pan relado.
  5. Quecemos o aceite nunha tixola grande. Podedes empregar tamén o de aceite de oliva, eu prefiro o de xirasol porque apenas deixa sabor.
  6. Fritimos as albóndigas ata que douren polas beiras e colocámolas nun prato cun papel de cociña para que chunche o exceso de aceite.

Servímolas con patacas fritidas, arroz con tomate, ou soas coma petisco antes doutro prato. Que aproveite! albondegas_xamon3albondegas_xamon