Galletas de centeo e pasas ao ron

Estas galletas (ou biscoitos, non sei moi ben como chamalos) teñen orixe sueca, e son unha adaptación desta receita. Gustáronme moito porque quedan moi crocantes e non excesivamente doces, pero cun sabor intenso que fai que queiras repetir todo o tempo! Ollo: canto mellor sexa a manteiga, máis ricas quedarán: como só son 120 gr. paga a pena pagar un chisco máis por unha de calidade ;)

O centeo é un cereal moi versátil, e con toda a sensibilidade que hai actualmente co glute, a fariña é moito máis doada de atopar. Se queredes probar máis receitas, podedes mirar esta de pizza de centeo con espinacas e queixo azul, ou esta de pan de centeo con tomates secos, boísima tamén!

Ingredientes

180 gr. de fariña de centeo

90 gr. de fariña triga

120 gr. de manteiga, derretida

50 gr. de azucre

1 ovo

60 gr. de pasas

2 culleres de ron

2 culleriñas de fermento químico

1 culleriña de canela moída

1 belisco de sal

  1. Deixamos repousar as pasas co ron nun vaso durante media hora. Triturámolas.
  2. Nun bol grande mesturamos as fariñas, o sal, a canela e o fermento.
  3. Engadimos o resto dos ingredientes e remexemos ben ata formar unha masa sen grumos: cunha culler valerá, non cómpre batedora.
  4. Estendemos sobre un film de plástico formando un cadrado de grosor uniforme, algo menos dun centímetro.
  5. Tapamos a masa co plastico e deixamos arrefriar no frigorífico un par de horas.
  6. Prequecemos o forno a 170º
  7. Coa axuda dun vaso pequeno recortamos círculos, colocámolos sobre papel de forno e cocemos durante 10 ou 15 minutos ata que queden ben douradas.
  8. Deixamolas arrefriar encima da rexa do forno, sobre un mesado.

Que aproveite!

galletas_centeo_2


Que tomar para aliviar a resaca

Fuches polo vento e volvihes polo aire? Chegan as festas, e con elas as paparotas polo día e pola noite, o saír pola noite...e beber demáis. Aínda que a xente lévaa experimentando milleiros de anos, aínda non ten cura exacta (igual cas maniotas!) pero si se pode paliar bastante seguindo estes consellos:

Antes de beber

O truco de toda a vida de comer moito funciona, e se leva graxa, aínda mellor. A graxa formará unha película nas paredes do estómago e fará que o corpo absorba o alcol máis lentamente.

Ao beberen

Tomar auga de cando en vez vai ben para ir hidratando o corpo, xa que o alcol é diurético (o de ir mexar tantas veces é por iso) e cando no corpo non atope auga de por si, vaina coller dos miolos, entre outros órganos. Iso é o que fai que teñamos unha horrible dor de cabeza ao día seguinte. E moita sede, así que lembrade beber auga.

Ao día seguinte

O importante é hidratar o corpo e darlle pouco traballo ao estómago, que xa estará ardoroso da noite anterior. Velaiquí tendes unha selección de comidas e bebidas axeitadas para tan delicado día:

  • Auga ou bebidas isotónicas, polo mesmo que o punto 2: eses miolos precisan hidratación.
  • Pan ou torradas: fácil de dixerir, proporciona carbohidratos que lle dan enerxía ao corpo.
  • Ovos: o mesmo  que o pan, pero con proteínas, se o tomades xunto, mellor.
  • Un caldiño de polo con fideos.
  • Froita, pero que non sexa aceda.
  • Café: axuda a espertar e a quitar  dor de cabeza, pero tamén é diurético, así que mellor acompañalo con auga.
  • Aspirina ou ibuprofeno, logo de comer. O paracetamol mellor evitalo, como explican neste artigo (tamén sobre remedios á resaca) a boa xente das Mir e unha noites.

Outras cousas que axudan son ducharse con auga fría, sair tomar un pouco o ar e non comer picante, nen cousas con moita graxa.

Hangover_59f50b_2477497

E vós, tendes algún truco para a resaca? Se é así, partilladeo nos comentarios ou no Twitter.

Boas festas!

PD: a ilustración do post é de Patrick Leger, a do gato non ten autor coñecido.


Peras bébedas

As peras bébedas foron un prato moi popular nos anos setenta e oitenta, e que sobrevive nas cartas dalgúns restaurantes, e na casa dos meus pais! A receita é de miña nai, está riquísima e é súper doada de facer, so precisades 3 ingredientes, unha horiña e un chisco de paciencia.

As peras deben estar firmes, se están moi maduras non valen: é recomendable usar "peras de inverno", que son as que teñen a pel marrón. Tamen se pode cambiar o viño normal por viño de Porto, rebaixando o azucre á metade .

A orixe desta receita non está clara, pero parece ser que a xente "antiga" quería aproveitar as peras e demáis froita dura, así que comezaron a cocela a lume lento, para que non se desfixese. Primeiro foi a auga e mailo azucre, e logo alguén (probablemente en Francia) pensou que sería boa idea botarlle viño... e o resto é historia ;)

Ingredientes (para catro racións)

4 peras grandeiras

4 culleres de azucre

200 ml. de viño tinto

1 rama de canela (opcional)

  1. Pelamos as peras, botámolas nunha pota co resto dos ingredientes. A pota que non sexa moi grande: ten que quedar o líquido pola metade das peras.
  2. Cocemos a lume medio ata que se evapore o viño e estean tenras e coloreadas. Isto depende moito da cociña, así que tomade como base 20 min e despois, o tempo que faga falta.
  3. Servimos co seu líquido, cando aínda estean tépedas.

Que aproveite!
peras_bebedas2

peras_bebedas3


Cervexas artesás galegas - segunda parte

Aquí está a segunda parte do artigo máis lido do blog! Se coñecedes máis cervexas artesás, dade aviso nos comentarios, no Facebook, no twitter ou por mail á dirección queroxamon [@] gmail.com, que igual dá para unha terceira parte! Lembrade que haberá un festival de cervexas artesás en Ourense, a fin de semana do 21 de setembro

Keltius

keltius

Outra iniciativa artesá de Ourense, que conta con catro variedades fixas e tres estacionais:

  •  Viso: English Pale Ale con prominente sabor a malta, especialmente caramelo, pero cun lixeiero amargor e aroma propios dos lúpulos ingleses. Trátase dunha cerveza de 6º con carácter e corpo medio, pero o suficientemente dócil como para agradar á maioría dos padais.
  • Mosteiro: É unha cervexa intensa de sabor e cor gracias á combinación de seis maltas. Ao estilo das cervexas belgas de abadía, atopamos toques doces, matices de froitos vermellos e certo retrogusto a alcol moi ben acoplado. Sabores intensos a chocolate e caramelo envoltan todo o padal. O seus 7,5º fana perfecta para degustar con calma e boa compañía.
  • Miño: Cervexa estilo "Indian Pale Ale" elaborada con lúpulos galegos. Cunha base de Nugget en amargor e sabor, y o remate do Columbus no aroma. Moi refrescante e bebible, con corpo medio e 5,5º de gradación.
  • Trasno: Golden Strong Ale ao estilo belga, de 8,5º. Lixeiramente doce e con retrogusto resinoso e sabor de lévedo, leva un toque de cilantro que a fai fresca e moi bebible.
  • LedIPA - estacional: Como indica o seu nome, é unha cervexa de estilo "Indian Pale Ale" con 6,8º. O amargor del lúpulo, a pesares de ser intenso, vese ben compensado pola alta proporción de malta. Ademáis, leva xenxibre na súa receita, o que a fai refrescante, intensa de sabor e sobre todo de aroma.
  • Parda: American Amber Ale de cor parda. No nariz nótanse os lúpulos americanos e toques de toffe, na boca resulta lixeiramente amarga e bien contrabalanceada ca presencia das maltas caramelo que lle dan un toque doce.
  • Ulaq: Imperial Stout estilo americano, elaborada con café de Vietnam en grao e infusionado. Trátase dunha cervexa contundente e amarga (80 IBU), de corpo medio e 8,7º. Perfecta para unha fría tarde de inverno.

Están a piques de abrir un brew pub na rúa Bellao, número 2, estade atentos ao seu Facebook para saberes a data exacta.

Menduíña
Mellor nome de cervexa ever
Mellor nome de cervexa ever

Cervexa feita en Cangas do Morrazo,  conta cos seis variedades:

  • Loira (rye lager) : Elaborada con maltes pilsner, centeo, algas galegas e lévedo de baixa fermentación. Cor dourada brillante cunha suntuosa capa de escuma branca. Perfil maltoso, de corpo medio e redonda na boca. Sutil amargor de lúpulos nobres e final seco.
  • Barda (pale ale): Cor cobre clara, burbulla pequena e carbonatación moderada. Perfil aromático, padal afroitado e largo final amargo aportado pola carga extra de lúpulos seleccionados.
  • Duir (extra special bitter): Seductora cor vermella con coroa de escuma branca.
    Pleno sabor a maltes doces balanceado inmediatamente despois con lúpulos aromáticos. Final seco e torrado.
  • Corma (stout): Cor escura con destellos rubí e persistente escuma cremosa. Perfil torrefacto con notas de cacao e café. Sedosa en boca, corpo cremoso e final amargo.
  • Demo neghro (Imperial stout): Negra con reflexos caoba, coroada cunha escuma beige de duración media. En nariz predominan os aromas a cacao amargo, café e mel. Intensa, sabor a malte torrado cun punto afumado e licoroso. Destacada presenza de lúpulo que aporta un matiz herbal. Amargor medio - alto, final largo e seco.
  • Beltán (summer ale): A única summer ale concebida para acompañar pratos galegos do mar. Dunha turbia cor ámbar clara, de fina burbulla e carbonatación media. Un chisco de loureiro achégalle un especial aroma e delicada entrada en boca.

A súa produción é limitada. Velaiquí un video no que nos amosan a súa elaboración

Elaborando Menduiña - Brewing Menduiña from Adegas Menduiña on Vimeo.

 

Peregrina

peregrina

Cervexa feita en no polígono de Costa Vella en Compostela, na súa fábrica pódese observar o proceso de fabricación, que vai dende molturación da malta, pasando pola filtración, cocción, fermentación e embotellado. A cervexa chega ao público como un produto totalmente vivo, xa que unha vez embotellada segue facendo unha refermentación natural na botella. Ofrecen tres variedades: Peregrina, Peregrina Morena (tostada) e Peregrina Premium (escura), todas elas feitas con augua 100% de Galicia, malta 100% de cebada e lúpulo.

Dispoñen dunha zona de degustación e venda directa, o horario de verán é os xoves e vernes a apartires das 18:30.

Píntega

pintega

Cervexa caseira feita en Lugo, non se comercializa de xeito oficial pero pódese atopar os martes de 17:00 a 20:00 na praza municipal de Lugo no @mercado da terra. Os produtores da Píntega comezaron a elaborar cervexa hai cinco anos e están traballando para ter unha planta de producción estable nunha casa de aldea na Fonsagrada.

A variedade que elaboran é a blanca belga. Últimamente tamén están experimentando co uso da castaña como ingrediente e comezaron a elaborar unha "tostada" belga. A partires de setembro ou outubro, comezarán a acordar con bares e asociacións de Lugo datas para impartir catas e cursos de elaboración, para máis información consultade a súa páxina de Facebook.

Samargal

saramagal2

Dende o ano 2005 Anxo e Quique eleboran esta cervexa en Barro (Pontevedra). É unha empresa familiar que aposta pola calidade e non pola cantidade. Dende comenzo do ano 2011 elaboran 1.000 litros de cervexa artesá semanais, utilizando materias primas de Baviera e Republica Checa (as maltas) e de Reino Unido e Eslovenia (os lúpulos). O principal obxectivo de Saramagal de cara o ano 2012 era duplicar a producción.

  • Stipe: tipo Indian Pale Ale (IPA). Feita con tres clases de lúpulos que lle dan un carácter agresivo e  unha grande personalidade, o que a fai unha cervexa "para cerveixeros". De cor ambar escura con destellos de mel, ten aroma de cereais crudos, as maltas utilizadas aportanlle un sabor a biscoito e un toque final torrefacto.
  • Inmaculate: tipo Ale rubia estilo belga. Cor pálida, con desprendemento constante de burbullas, ten un carácter suave e doce de malta pilsen. Mostra un sutil carácter cítrico.
  • tHe PyLoN: rubia de trigo: entre as maltas utilizadas para producir esta cervexa rubia incorpóranse a malta pale e tamén malta de trigo. De carácter suave e doce, o suave carácter alcohólico faise evidente no retrogusto, o amargor medio é moi moderado debido a las tres clases de lúpulos utilizados. De carbonatación alta.

Aquí podedes consultar un listado de puntos de venda: http://www.saramagal.es/donde-beber-saramagal/

San Amaro

san_amaro

EDITADO: Esta marca de Redondela produce a súa cervexa en Bélxica. Comercializa tres variedades distintas, dispoñibles en moitos supermercados e bares como O Bandullo, en Ourense:

  • San Amaro Pale Ale: De alta fermentación ou fermentación tipo "Ale" esta cervexa faise con maltas de color claro, tipo "Pale". É unha cervexa fresca, lixeira e lupulada.
  • San Amaro Dark Ale: De fermentación alta tipo "Ale", o seu inconfundible carácter está dominado pola intensidade de la malta torrada. Cor oscura e avermellada.
  • San Amaro Navidad: Varía cada Nadal, estade atentos á de este ano!

Tamén ofrecen un servizo de venda online: http://www.cervezasanamaro.es/spa/nuestras_cervezas.php

Se queredes máis información:

Asociación Galega de Cerveixeiros Artesáns

Brew club Ourense

Asociación Lupulum Vigo

Barro Cervexa Fest

Festival da cervexa das Rías Baixas

Artigo sobre Cerveceros artesanos gallegos


Sopa fría de melón e laranxa con kiwi

Receita ultra-rápida e ultra-doada para apañar nos días de calor.

Ingredientes:

500 gr. de melón - previamente enfriado

Zume de laranxa - A cantidade dependerá de como cortedes o melón

Un kiwi maduro

Medio vaso de sidra ou de cava.

 

  1. Cortar o melón en dadiños, botalo nun bol.
  2. Verter zume de laranxa ata que estea a piques de cubrir o melón. Engadir a sidra ou cava.
  3. Pasar pola batidora ata que estea homoxeneo.
  4. Cortar o kiwi en láminas finas.
  5. Servir a sopa nos pratos e decorala co kiwi.

Penso que esta é a receita máis agradecida (tempo+esforzo) das que escribín ata agora. Que aproveite!