Torta de queixo do Cebreiro

Os que ledes este blog dende o principio xa sabedes que eu son moito de meter cousas nos queiques e tamén moi fan do queixo do Cebreiro, así que era unha cuestión de tempo que se xuntaran as dúas cousas ;) Se non tendes este queixo, podédelo cambiar por requeixo ou algún outro queixo cremoso.

Esta torta é moi doada de facer (non está na sección "Especial badocas" por nada!) e ten un sabor moi suave que seguro que lle gusta ata a aqueles que non gustan do queixo. Podédela acompañar de mel, marmelada de froitos vermellos, marmelo ou noces. En calquera caso, está deliciosa!

Ingredientes (para 6 racións, aproximadamente)

3 ovos

150 gramos de queixo do Cebreiro

1 iogur grego

1 medida (de iogur) de azucre

1 medida e cuarto de fariña

2 medidas de leite gordo (enteiro)

Un belisco de sal

Un chisco de manteiga ou aceite de xirasol para engraxaren o molde

  1. Prequentamos o forno a 180º
  2. Quentamos un pouco o queixo no microondas, para que abrande, pero sen chegar a derreter.
  3. Nun bol batemos todos os ingredientes ata formaren unha crema homoxenea.
  4. Engraxamos o molde (eu usei un de 20 cm de diámetro e aínda sobrou un pouco para outro máis pequeno).
  5. Botamos a crema, deixando un par de centímetros de marxe co borde superior do molde. A masa ha subir bastante, e non queremos que saia polas beiras.
  6. Cocemos no forno ata que quede dourado/marrón polas beiras, e a parte do centro un pouco máis branda. Así queda máis cremosa: se vos gusta sequiña, deixádea un pouco máis no forno.
  7. Deixamos arrefriar, e cando estea completamente fría (ha baixar todo o que subiu no forno), servímola.

Que aproveite!

torta-queixo--1 torta-queixo-2 torta-queixo-3


Biscoitos de vainilla estilo vienés

Estes biscoitos (ou galletas) tan curriños son unha especialidade que se toma polo Nadal en Austria, Bohemia e o sur de Alemaña, pero en Viena teñen tanta sona que se toman todo o ano. O seu nome orixinal é Vanillekipferl e teñen a peculiaridade  e de deixar un arrecendo tan bo que ides querer patentalo para que a casa cheire sempre así ;)

Se queredes que queden un pouco máis consistentes podedes engadirlle á masa unha xema de ovo, e tamén noces ou avelás picadas. Como teñen tanta "materia graxa", aguantan ben nun tupper ben pechado durante un mes. Sen dúbida, un acompañamento ideal para os almorzos e merendas do inverno!

Ingredientes:

250 gr. de fariña

200 gr. de manteiga, tépeda 

100 de améndoas moídas

80 gr. de azucre

Un belisco de sal

Para a decoración

3 culleres de azucre glass

3 culleres de azucre avainillado

 

  1. Nun bol mesturamos todos os ingredientes da primeira sección, e batémolos ata formaren unha pasta homoxénea.
  2. Estendemos un film transparente no mesado, que teña polo menos 40 cm de longo. Colocamos a masa no medio, envolvemos e dámoslle forma de cilindro duns 4 cm de diámetro (dándolle voltas), ten que quedar coma na foto: vanillekipfeln_1
  3. Deixamos arrefriar o cilindro na neveira uns 30 minutos.
  4. Mentres, poñemos o azucre glass e o avainillado nunca cunca grande e mesturámolos cunha culler.
  5. Prequentamos o forno a 170º
  6. Retiramos o film e cortamos cun coitelo fino rodas de entre 1 e 2 cm. de largo (grosor) e despois dividímolas en dúas metades.
  7. Poñemos papel de forno nunha bandexa e colocamos as metades, torcéndoas un chisco polo medio para que parezan medias lúas.
  8. Cocemos no forno durante uns 20 min., cando comecen a dourar estarán listas.
  9. Deixamos arrefriar a bandexa 3 minutos e rebozámolos na cunca do azucre. É importante facelo rápido porque se non collerán o azucre. Se quedamos sen mestura, facemos máis rapidamente, se sobra, podémola gardar para a seguinte quenda!

Que aproveite!

vanillekipfeln_4 vanillekipfeln_5


Queique de plátano

Estamos de volta cas larpeiradas, desta vez temos un queique de orixe norteamericana: o banana bread, ou queique de plátano. Xa fixéramos un semellante o ano pasado, pero desta vez a receita e máis clásica, e tamén máis lixeira. É unha receita que gusta moito aos cativos, e tamén vai moi ben para aproveitar ese plátanos ennegrecidos!

Podedes comer rebandas do queique, ou tostalo e engadirlle manteiga por riba. Tamén uvas pasas, un chisco de ron, anaquiños de chocolate...ao gusto de cada un!

Ingredientes:

280 gramos de fariña de trigo

200 gr de azucre

110 gr de manteiga

4 plátanos pequenos, maduros

2 ovos

80 ml. de leite enteiro

1 culleriña e media de zume de limón

1 culleriña de bicarbonato sódico

1 culleriña de aroma de vainilla

Un belisco de sal

  1. Prequentamos o forno a 180º
  2. Nun bol botamos a manteiga. Quecemola no microondas ata que abrande pero non derreta. Engadimos o azucre e batemos ca batedora ata que sexa unha crema uniforme,
  3. Pelamos os plátanos e esmagámolos cun garfo.
  4. Nun vaso, mesturamos o zume de limón e o leite, deixamos repousar.
  5. No bol do paso 1 botamos os ovos, os plátanos, a vainilla e a mestura do paso 3. Batemos ben ca batidora.
  6. Nun prato fondo mesturamos a fariña co bicarbonato e mailo sal.
  7. Engadimos aos poucos á masa.
  8. Enchemos o molde, engraxándoo se fai fala. Eu usei o de silicona, así que acortei este paso ;)
  9. Cocemos no forno durante 50 minutos, aproximadamente, ata que estea enchido e ben dourado por riba.

Que aproveite!

queique_platano1queique_platano2


Torta bicolor - Marmor kuche

Esta receita ten orixe alemá, onde se fai no inverno (como se pode adiviñar, ten calorías arreo). Triunfa bastante cos nenos porque ao abrila queda moi bonita: marmor quere decir mármore, polas vetas.

Esta é unha variante un pouco máis lixeira, cambiando o cacao pola marmelada de amoras. Ten un toque un pouco semellante á bica, e queda bastante seca: é ideal para mollar no te ou no café, mais non aguanta moitos días sen se converter nunha pedra. Se vos pasa, sempre podedes facer un pudin con ela.

Ingredientes (para unha torta de 8-10 racións)

3 ovos

375 gr. de fariña

250 gr. de azucre

125 ml. de aceite de xirasol + un pouco para engraxar

1 culleriña de fermento tipo Royal

4-5 culleres de marmelada de amoras (ou arandos)

Un chisco de pel relada de limón

Un chisco de sal

  1. Separamos as claras das xemas.
  2. Nun bol grandeiro, cun batedor de variñas, facemos as claras a punto de neve ata que estea consistente.
  3. Noutro bol, botamos as xemas e mais o azucre e batemos ata que a masa quede de cor pálida.
  4. Engadimos o aceite, seguimos batendo.
  5. Mesturamos a fariña co fermento e o limón, despois vertemos a mestura (a modiño) no mesmo bol onde antes botamos o aceite.
  6. Engadimos con moita conta o punto de neve no segundo bol, para non romper as burbullas de aire temos que bater ca man.
  7. Prequentamos o forno a 180º
  8. Engraxamos un molde e vertemos a metade da masa dentro.
  9. Botamos a mermelada no bol e mesturamos ben ata que a masa estea oscura e homoxenea.
  10. Cunha culler, botamos o resto da masa facendo pegotes na superficie da masa branca.
  11. Cun coitelo pequeno ou unha variña, remexemos un pouco para que se fagan "vetas" no interior da masa.
  12. Cocemos durante 40 minutos, aproximadamente. Para saber se está listo, introducide un coitelo limpio no medio, se sae seco é que xa está.

Que aproveite!

torta4 torta3


Madalenas de nata e noces

Un almorzo ou merenda ben calórico para estes días de frío. Non se me ocorre que dicir para presentalas, se as facedes, o sabor fala por sí mesmo! Só engadir un par de anotacións:

  • Con esta receita as madalenas non van subir como as que están feitas con aceite de oliva.
  • Ás veces recomendo cousas que me gustan moito (por gusto, non é que cobre de ninguén!) e desta vez son os moldes de silicona. Ao principio dábanme grima porque pensaba que non aguantarían ben, pero resisten todo, incluído o lavalouza.

Ingredientes (para 15 madalenas, aproximadamente):

3 ovos

225 gr. de fariña

125 de azucre de caña

200 ml. de nata de montar (35% MG)

1/2 sobre de lévedo químico

100 gr de noces

Un chisco de sal

Moldes de silicona; ou moldes de papel+unha bandexa par madalenas

 madalenas3

 

 

 

 

 

  1. Nun bol grande, batemos ben os ovos para que collan aire.
  2. Engadimos o azucre e seguimos batendo.
  3. Repetimos o proceso coa nata e coa fariña e o lévedo.
  4. Deixamos reposar a masa no frigorífico durante 20-30 minutos. O contraste entre o frío e a calor do forno fara que a masa soba máis.
  5. Prequentamos o forno a 170º, enchemos os molde masa ata a metade: tede conta con isto, que se vos pasades desbordan.
  6. Cocemos as madalenas no forno durante 15 minutos. Recoméndovos poñer a bandexa no medio, para que non queimen por riba. Cando estean redondiñas pola parte de arriba e esta estea dourada, sacámolas e deixámolas repousar. O tempo de cocción é orientativo, varía dependendo do forno, prestádelle atención por se acaso: se o deixades demáis (aínda que non queimen), baixa a masa e non quedan tan boas.

madalenas2

Fixestes madalenas na casa? Como foi  experiencia? Contádeo nos comentarios, ou no Twitter