Mousse de amorodos e chocolate branco

Unha das froitas que máis paixóns levantan, os amorodos xa comezan a aparecer nas tenas, aínda que a maioría sexan da variedade "branca por dentro e insípida". Para est areceita paga a pena comprar uns máis bos, ou agardan ata que cheguen os do país: normalmente canto máis pequeniños sexan mellor sabor teñen.

A receita dá como resultado unha mousse moi suave, semellante aos petit-suisse, se queredes un sabor máis intenso e concentrado, rebaixade a nata á metade ;) Se aínda vos quedan ganas de amorodos, lede esta receita de queique, ou esta de gaspacho, ideal para os días de verán.

Ingredientes (para 8 racións, aproximadamente)

650 gr. de amorodos

600 ml. de nata para bater

150 gr. de chocolate branco

Tres culleres de azucre

Zume de medio limón

7 gr. de xelatina en po

Un belisco de sal

  1. Lavamos e pelamos todos os amorodos. Pasamos a metade pola batedora co zume de limón, facendo un puré.
  2. Cortamos en láminas finas a outra metade dos amorodos, mesturámolos co puré do paso 1.
  3. Nunha tixola, quecemos a lume baixo 200 ml. de nata e o chocolate en anacos.
  4. Nun vasiño, mesturamos a xelatina con 50 ml. de auga, deixámola repousar 5 minutos.
  5. Engadimos a xelatina á mestura da tixola, remexendo, sempre a lume medio, para que non chegue a ferver. Cando estea todo disolto, apagamos o lume.
  6. Montamos o resto da nata co belisco de nata, ata que estea firme.
  7. Mesturamos o líquido da tixola co puré de amorodos.
  8. Cando estea frío, engadimos a nata montada, remexendo en movementos amplos e a modiño, pero que non baixe.
  9. Colocámolo en vasos e deixámolo repousar unhas horas, mellor se é o día antes.
  10. Servimos adornado cuns amorodos cortados, chocolate negro ou branco, améndoas...

Que aproveite!

mousse-amorodo-2


Macedonia vermella

Xa vai chegando o bo tempo (máis ou menos) e con el a tempada de amorodos. Os que ledes o blogue habitualmente xa sabedes que me gustan moito, xa fixen batidos, queiques e gazpachos con eles.

Esta receita fai moito avío para almorzar ou merendar... tamén coma sobremesa, pero entón gardade espazo durante o xantar! Se non tendes noz moída, podedes empregar améndoas (moídas ou en láminas), abelás ou pistachos, seguro que queda moi ben. Coma toda a froita, sabe mellor a temperatura ambiente: se sacades as cousas da neveira, deixade pasar unha hora polo menos.

Ingredientes (para dúas racións)

10-12 amorodos grandeiros

1 caixiña de framboesas

2 culleres de noz moída.

Mel ao gusto

Un feixe de piñóns

  1. Lavamos e cortamos os amorodos en dadiños , retirando a parte verde.
  2. Repartímolos en dúas cuncas, canda as framboesas e a noz.
  3. Remexemos un pouco cunha culler e botamos o mel por riba.
  4. Decoramos cos piñóns e servimos.

Que aproveite!

macedonia-1


Gazpacho de amorodos e mazá

Xa chega o bo tempo e apetecen cousiñas refrescantes. A idea desta receita veume despois de ver isto no blog Receitas para todos os días, moi recomendable, por certo. Como non son eu moi de pementos crus decidín facer unha versión máis larpeira. Ao levar mazá como espesante (co canto de pan) é moi lixeira: algo que como saberedes, non pasa moito neste blog :D

Ao deixala na neveira unhas horas os sabores mestúranse mellor, o líquido frío e o vinagre han contribuir a disminuir a temperatura corporal. Aos que vivides na Mariña ou sitios frescos darávos máis igual, pero isto en Ourense (ou en Madrid, onde resido agora) é MOI importante.

Se queredes probar más versións de froitas, a sandía ou o melón vanlle moi ben, son sen dúbida unha marabillosa opción para iste verán, que (agardamos) sexa longo!

Ingredientes (para dúas porcións)

300 gr. de amorodos: se son dos pequenos, mellor

1 mazá grande tipo Golden

100 ml  de auga fría

2 culleres de aceite de oliva virxe extra+ unhas pingas para decorar

1 culler de vinagre de viño branco

1/2 dente de allo (opcional)

Sal ao gusto

  1. Lavamos e cortamos os amorodos en anacos
  2. Pelamos e cortamos a mazá, retirando a parte central.
  3. No vaso da batedora, botamos todos os ingredientes, tendo conta de non pasarse co sal.
  4. Batemos ben ata que emulsione e quede unha sopa homoxénea. Correximos o sal se fai falla.
  5. Deixamos repousar alomenos un par de horas no frigorífico.
  6. Servimos cunhas pingas de aceite por riba.

Que aproveite!

Gazpacho ou sopa fría de amorodos e mazá


Queique de amorodo

Xa hai tempo que quería facer un queique con amorodos dentro (e non por riba) pero tiña medo que o zume cortara a masa. Ao final atopei unha receita do sur dos Estados Unidos (perdín a ligazón :S) que ben serve para facer un pastel de aniversario ou como merenda para unha tarde especialmente larpeira.

Aínda que eu non o fixen, penso que o acompamento ideal sería unha bóla de xeado de vainilla ou nata batida. MMMMHHHH! Leva moita manteiga, pero o resultado final é moi lixeiro!

Ingredientes (para 10 racións aprox.)

150 gramos de amorodos en cachiños

250 gramos de azucre

325 gramos de fariña

200 gramos de manteiga (do tempo)

2 ovos grandóns

1 vaso de leite enteiro

3 culleres de zume de limón

3 culleres de xelatina de amorodo

1/2 culleriña de extracto de vainilla

1/2 culleriña de bicarbonato sódico

Un belisco de sal

Aceite de xirasol para engraxar o molde

Azucre glas para a decoración

manteiga

  1. Quentamos un chisco a manteiga no microondas, sen que chegue a derreter. Botámola nun bol co azucre e batemos ca batidora ata facer unha crema branquiña.
  2. Botamos unha culler de zume de limón no vaso de leite e deixamos repousar 15 minutos. Isto é a versión caseira do buttermilk, e ha servir para que o bicarbonato funcione coma fermento.
  3. Prequentamos o forno a 170º.
  4. Nun prato fondo mesturamos a fariña co bicarbonato, a xelatina e o sal.
  5. No bol do paso 1 engadimos os ovos, o resto do zume e mailo extracto de vainilla, batemos.
  6. Engadimos o leite e a mestura da fariña a modiño, batendo ben para que non queden grumos. A masa irá quedando cada vez máis rosiña polo efecto da xelatina.
  7. Engadimos os amorodos e batemos un chisco máis:prep1
  8. Engraxamos un molde que sexa un pouco fondo.
  9. Cocemos no forno durante 30-40 minutos, ou ata que ao meter un coitelo saia seco. Deixamos arrefriar (mellor encima dunha reixa, para que saia a humidade) e decoramos cun pouco de azucre glas.queique_amorodos5queique_amorodos4

Que aproveite!

 

 

 


Batido de amorodos con chips de chocolate

...e plátanos e iogur, pero non quería facer o título moi longo porque logo non caibe. Esta é unha receita ben sinxela para apañar merendas de verán e faise en cinco minutos.

Ingredientes (para dous batidos):

1 plátano
8-10 amorodos
1 iogur de pexegos con anacos
Un vaso de leite enteiro
Dúas galletas de chocolate - tipo "Chips ahoy" ou "Príncipe"

  1. Picamos o plátano e os amorodos en botámolos no vaso da batidora.
  2. Engadimos a galleta, o leite e o iogur.
  3. Batimos todo ata que teña unha consistencia uniforme e teña burbulliñas pola parte de arriba.
  4. Servir.

batido2

Un consello: se comprades plátanos e amorodos demáis e non os dades comido, poden ir ao conxelador perfectamente para vindeiros batidos. Picádeos e envolvédeos en papel de prata procurando que os anacos queden estendidos e non fagan bóla.