Albóndegas de atún e piñóns con mollo de tomate

Despois dunha pausa por mor de non ter tempo para nada...estamos de volta! E con que receita, amig@s, unhas albóndegas que arrecenden e saben a gloria!

Este é un prato típico do Sur de Italia, pero non teño moita máis información, así que paso aos consellos: o atún pode ser conxelado en filetes deses, o que non pode ser é en conserva. E o queixo grana padano évos moi doado de atopar nos supermercados, é coma unha versión máis barata do parmesano que tamén o podedes usar, pero para mesturar con outras cousas non paga a pena pagar o prezo máis caro.

Se vos gustan as albóndegas, pasadevos por esta receita de carne e xamón, ou estas de carne mariñada. E as máis exitosas do blog: as de polo con ananás.

Ingredientes (para 4 racións, aproximadamente)

400 gr. de atún, fresco

100 gr. de pan relado

50 gr. de queixo "grana padano" relado

50 gr. de piñóns

2 ovos

4 ou 5 culleres de aceite de oliva virxe extra

Unha culleriña de ourego

Media culleriña de canela en po

O zume e a reladura dun limón

Un belisco de sal e outro de pementa negra

Aceite de xirasol para fritir

Para o mollo:

Unha cebola

2 dentes de allo

2 latas de tomates en conserva, en anaquiños

4 ou 5 culleres de aceite de oliva virxe extra

Unha culleriña de ourego

Unha culleriña de vinagre balsámico

Perixel (opcional)

  1. Primeiro preparamos o mollo quecendo o aceite nunha tixola grande e botando a cebola e o allo, cortados en rodas finas. Cociñamos a lume medio ata que a cebola estea semi-translúcida e branda.
  2. Engadimos o resto dos ingredientes do mollo e cocemos durante 15 minutos a lume medio, remexendo de cando en vez.
  3. Preparamos as albóndegas cortando o atún en dados pequenos, e fritíndoo co aceite nunha tixola ca canela e os piñóns.
  4. Engadimos o sal e a pementa e deixamolo estar 5 minutos.
  5. Botamos a mestura nun bol grandeiro e deixamos arrefriar.
  6. Botamos o pan, o ourego, o queixo relado, os ovos batidos, o zume e a reladura do limón dentro do bol.
  7. Esmagamos a mestura cun garfo e amasamos cas mans ata que se mesture todo ben.
  8. Facemos albóndegas do tamaño dunha noz grande, colocámolas nun prato para meter no frigorífico unha hora.
  9. Quecemos o aceite de xirasol na mesma tixola das albóndegas e fritímolas ata que estean douradas (ver foto inferior).
  10. Cando estean listas, imolas colocando nun prato forrado con papel de cociña para que absorba o exceso de aceite.
  11. Servimos co mollo e un pouco de perixel cortado: pódense comer con pan (recomendable para ir mollando) ou con pasta ou arroz branco.

Que aproveite!


Barcas de cabaciña con queixo San Simón

Estas barcas de cabaza so precisan un pouco de xeito ao coller o coitelo, polo demáis, son ben doadas e quedan moi ben nunha comida/cea con convidados. Se vos gusta esta verdura, temos ben de receitas con, ela, como por exemplo estas chulas de cabaciña, ou coca. Tamén lle podedes botar un ollo a estas berenxenas recheas con carne queixo feta, ou estas (aptas para vexetarianos), recheas do queixo asturianu Afuega'l pitu.

Ingredientes (para 4 ou 2 racións, dependendo se é entrante ou prato principal)

2 cabaciñas grandes

1 cebola grande, ou dúas pequenas

3 latas pequenas da atún (as que veñen nun pack)

2 pementos vermellos

100 gr. de queixo San Simón, relado.

6 culleres de aceite de oliva virxe extra

Un pouco de sal

  1. Lavar, pelar e cortar as cebolas en rodas moi finiñas.
  2. Quecer o aceite nunha tixola a lume medio.
  3. Lavar as cabeciñas, cortalas ao longo en dúas metades e sacarlle a polpa cun coitelo pequeno.
  4. Botar as rodas de cebola e a polpa das cabaciñas, co sal, e seguir cociñando a lume medio, ata que comece a transparentar.
  5. Mentres, lavar e cortar os pementos en anacos moi pequenos.
  6. Prequentar o forno a 180º.
  7. Engadir os pementos e seguir quecendo a mestura da tixola a lume medio.
  8. Apagar o lume da tixola e engadir o atún (escoado e esfarelardo) e u pouco do queixo San Simón, relado.
  9. Meter o contido de volta no "concho" das cabaciñas e botar o queixo restante por riba.
  10. Poñer un papel de aluminio na bandexa do forno e colocar as barcas de cabaciña por riba.
  11. Cocer no medio forno durante 20 minutos. Despois, co calor só por riba, subímolas un nivel e cocémolas 5 minutos máis, para que o queixo quede un pouco torradiño.

Servímolas quentes, se non se van comer no momento aguantan ben un par de días no frigorífico.

Que aproveite!


Empanadiñas de chícharos e atún

Xa estamos en temporada de chícharos, así que aquí vai unha receita que atopei por casualidade e me pareceu moi orixinal: unhas empanadiñas típicas valencianas recheas de chícharos! Coma todas as receitas tradicionais, hai moitas versións, e facelas con masa industrial será probablemente un sacrilexio, pero quedan boas e así aforramos moito tempo!

Podedes facer unha versión vexetariana cambiando o atún por pementos fritidos ou de Piquillo. Se non tendes a man chícharos frescos, valen os de lata ou conxelados, pero tede conta de que seva pequenos, así será máis doado repartir o recheo. Esta versión é feita no forno, pero tamén podedes fritilas, seguindo as instruccións do fabricante.

Ingredientes (para 16 empanadiñas)

Un paquete de masa de empanadiñas

300 gr. de chícharos

100 gr. de atún en lata

Unha cebola pequena

2 ovos cocidos

Un ovo fresco

4 culleres de aceite de oliva virxe extra

Sal e pementa negra ao gusto

  1. Pelamos e cortamos a cebola en anacos moi pequeniños.
  2. Quecemos o aceite nunha tixola grande e douramos a cebola ata que estea un pouco translúcida.
  3. Escoamos os chícharos (se son de lata) e botámolos na tixola co sal e a pementa. Remexemos 3 ou 4 minutos e engadimos o atún. Deixamos repousar.
  4. Prequecemos o forno (por riba e por baixo) e colocamos papel de forno na bandexa negra.
  5. Enchemos as obleas de masa co recheo, ttendo conta de que se poidan pechar ben co garfo (non queremos que estoupen!). Batemos o ovo e píntamolas por riba.
  6. Cocemos durante 10 ou 15 minutos, sen dexar de vixiar, xa que poden queimar de seguida.
  7. Deixamos arrefríar 5 minutos e servímolas cun pouco de ensalada.

Que aproveite!

empanadinha_4empanadinha_3