Galletas de millo á moda brasileira

Estas galletas coñécense en Brasil coma "biscoitos de fubá", e son desas receitas tan típicas que teñen miles de versións. Para facelas cómpre fariña de millo, pero non da que se fai o pan de millo (cada vez máis difícil de atopar, por certo) senón a peneirada para repostería, que se vende na maioría de supermercados e tendas de alimentación (tamén se pode comprar en Portugal co nome de fariña de fubá).

Os que seguides este blogue xa sabedes que lle dámos moi forte o tema de queiques e galletas, os que acabades de chegar, podédesvos pasar por esta receita de galletas de millo con chocolate, este queique de millo e mascarpone, ou estas espectaculare galletas veganas.

Ingredientes (para 14-15 pezas coma as da foto do final do artigo)

375 gr de fariña de millo

125 gr de fariña de trigo

125 gr de azucre

125 gr de manteiga tépeda

4 xemas de ovo

2 culleres de leite gordo (enteiro)

Unha culleriña de extracto de anís (opcional)

Un belisco de sal

Un chisco de azucre glas e canela en po mesturados, para decoraren.

  1. Mesturamos os ingredientes nun bol grande e mesturamos coas mans. Se quedase tan seco que non despega das paeredes do bol, podemos engadir un chisco máis de leite.
  2. Deixamos repousar 15 minutos no frigorífico.
  3. Prequecemos o forno a 170º, por riba e por baixo.
  4. Colocamos papel de forno nunha bandexa
  5. Cun trebello de bolas de xeado (se non tendes, usade dúas culleres para coller unha cantidade algo máis pequena que unha pelota de golf) facemos bolas e colocámolas na bandexa a 4 ou 5 cm unhas doutras. Esmagámos un pouco cun garfo para aplanalas.
  6. Cocemos durante 10 ou 15 minutos, ata que comecen a dourar por riba. Retirámolas a unha bandexa de reixas para que lles dea o aire por baixo.
  7. Mentres están quentes e na reixa, esparexemos o azucre e a canela por riba, ao gusto.
  8. Gardámolas nun recipiente hermético, aguantan de 3 a 6 días en bo estado dependendo da humidade do lugar.

Que vos parece? Fixestes a proba? Deixa a túa experiencia no comentarios, ou no noso Twitter.


Moqueca (estofado) de peixe

A moqueca é un guiso de peixe típico do Brasil. O seu peculiar nome vén da lingua tupi, é un derivado de de moquém, que significa algo así coma "secador". Na técnica tradicional dos indíxenas o costume era asar a carne ou peixe nunha folla para cocelos no seu propio zume. Coma todas as receitas tradicionais, ten moitas variantes, e dúas rexións teiman por ser a que serven a auténtica moqueca, neste caso o estado de Baía e o de Espírito Santo, no sur.

É un prato  de sabor moi intenso, e paga a pena probalo: esta receita está adaptada para o padal europeo (máis sosiño): cambiei o aceite de palma por xirasol e aínda que soe raro, o leite de coco, e eu non llo botei porque non gusto do seu sabor. De todos os xeitos, é saborosísimo: non quedou nada no prato!

Ingredientes (para 4 racións)

4 filetes de peixe branco (pescada, panga ou bacallao sen salar)

2 tomates, cortados en rodas

2 pementos verdes, sen sementes e cortados en rodas

2 pementos amarelos, sen sementes e cortados en rodas

2 cebolas pequenas, peladas e cortadas en rodas finiñas

2 culleres de aceite de oliva

1 culler de aceite de xirasol

300 ml de leite de coco (OPCIONAL)

1 lima

Media pastilla de caldo vexetal

Unha presa de coandro fresco, ben picado

Sal e pementa negra

  1. Quecemos o aceite de oliva nunha tixola e botamos os pementos verdes e os amarelos. Cociñamolos durante 1o minutos, ou ata que comecen a estar brandos e transparentar.
  2. Botamos os tomates por riba, despois o aceite de xirasol, o leite de coco (podédelo cambiar por auga, que é o que fixen eu) o coandro, o sal e a pementa. Deixamos cocer a lume medio sen remexer durante 5 minutos.
  3. Colocamos os filetes de peixe por riba e deixamos cocer, sen remexer cunha tapa por riba durante 5-7 minutos, dependendo do grosor.
  4. Pasamos a moqueca a un prato e aliñamola co zume da lima, un chisco máis de sal e un pouco de aceite de oliva. Acompañámola co arroz branco, cachelos ou pan, o que prefirades!

Bo proveito!

moqueca_1