Verduras asadas con soia

Como presta cociñar moito un día con tempo e gardar as cousas ricas para os vindeiros días! E o que fixen eu con estas saborosas verduras, que só precisan dun pouco de paciencia para lavalas e cortalas pero o resultado paga a pena, vaia que si.

Cousas a ter en conta: A soia normalmente leva moito sal, así que normalmente non cómpre botarlle máis (sabedes esa sede tola á noite despois de comer sushi? Pois é principalmente por iso :D). Outra cousa, que aprendín hai pouco, é que o talo do brócoli pódese comer. Só hai que lavalo ben e cortalo en rodas finas, xa que lle custa un pouco máis cocer que ás outras verduras.

Ingredientes (para 3 racións, ou 5 se vai de acompañamento)

Unha batata mediana

Un brócoli mediano

Media cebola

Medio bote de pementos de piquillo

3 ou 4 culleres de soia

3 ou culleres de aceite de oliva virxe extra

Un belisco de comiño (opcional)

  1. Prequecemos o forno a 180º, con calor por riba e por baixo.
  2. Cucbrimos a bandexa negra do forno con papel de forno ou de prata.
  3. Lavamos e cortamos as verduras en anacos pequenos: a batata primeiro en rodas de 2 cm de grosor e despois cada roda en catro partes, por exemplo.
  4. Botamos todo nun bol grande e engadimos o aceite e maila soia (mesturada co comiño, se é o caso).
  5. Remexemos ben e estendemos na bandexa, procurando que quede todo xunto.
  6. Se queda líquido no bol, engadímolo por riba.
  7. Quecemos no forno durante 35-40 minutos, movendo as verduras de cando en vez para que lles dea ben a calor.
  8. Cando estean brandas e douradas polas beiras, sacámolas e servímolas.

E a vos, que verduras ao forno vos gustan?


Brócoli con cous-cous, pasas e noces

O brócoli nunca foi unha verdura que me gustase moito ata hai un par de anos, pero agora non podo parar de argallar receitas con el! Penso que o problema é que sempre o cocía de máis, e así perdía moito do seu sabor. Refogado nunha tixola está delicioso, e desta vez aproveiteino para facer un cous-cous vexetariano que será a ledicia de estudantes e todos aqueles que queiran preparar unha cea rápida.

Para ver cómo se fai una pizza con brócoli, aquí vai unha ligazón. Se pola contra o que vos interesa é o cous-cous, ide mellor a esta receita on polo e verduras.

Recomendación: se vos gusta o queixo azul intenso-pero-non-moito, non deixedes de probar o de Sara&Lara, está riquísimo!

Ingredientes (para 4 racións, aproximadamente)

Un brócoli pequeno

250 gr. de cous-cous

250 ml. de auga

75 gr. de uvas pasas

75 gr. de noces

75 gr. de queixo azul

25 gr. de manteiga

Un tercio de pastilla de caldo

Sal e pementa

  1. Lavamos e cortamos o brócoli, quitándolle todas as pólas.
  2. Disolvemos a pastilla de caldo na auga.
  3. Nunha tixola grande derretemos a manteiga a lume medio. Cociñamos o brócoli (ben partido en anacos) durante 3 ou 4 minutos, ca tapa posta.
  4. Botamos as pasas, o sal e a pementa e a auga, deixámolo cocer un par de minutos máis e engadimos o cous cous. Apagamos o lume e deixámolo tapado un minuto.
  5. Engadimos o queixo en anacos e as noces, remexemos. Se quedase un pouco seco, podemos engadir un pouco máis de manteiga, ou un chisco de aceite de oliva.
  6. Estará mellor ao día seguinte, e aguanta dous ou tres días máis gardado na neveira.

Que aproveite!

brocoli_2

brocoli_1


Quiche de brócoli, lacón e cebola seca

É a segunda vez que publico unha quiche, pero esta saiu tan boa que hei poñer máis proximamente :) Esta quiche combina o brócoli co lacón (o de fiambre, no o do cocido) e a cebola seca precociñada, un dous meus últimos descobrimentos, que xa empreguei para facer unha lasaña rápida de grelos.

Se o que vos gusta é o brócoli, podeedes probar esta pizza, e se queredes máis ideas para facer con lacón, botádelle un ollo a este psicodeliciosos arancinis con lacón e queixo.

Un consello: a quiche sairá do forno con moita humidade, porén estará moi fráxil. Deixádea enfriar polo menos 30 minutos antes de cortala, senón ha romper e esparexer polos lados. Pódese comer quente ou fría.

Ingredientes (para 4-6 racións)

Un paquete de "masa brisa"

Un brócoli pequeno (ou medio grande)

150 gr. de lacón cortado

2 ovos

200 ml. de nata de 35% MG

100 ml. de leite gordo (enteiro)

Unha présa de cebola seca

Media culleriña de sal e un chisco de noz moscada

  1. Cortamos as pólas do brócoli e cocémolas en auga fervendo durante 3 ou 4 minutos. Quitámoslle a auga e deixamos arrefriar.
  2. Prequecemos o forno a 180º.
  3. Colocamos papel de forno molde redondo e desmontable. Colocamos a masa brisa no centro e pegamos as beiras cos dedos nas paredes do molde. Pinchamos varias veces cun garfo o centro da masa, para que non soba.
  4. Cortamos o lacón e o brócoli en anacos pequenos. Mesturamos e despois esparexémolos pola masa brisa, tendo conta de que non queden ocos grandes.
  5. Nun bol mesturamos a nata, o leite, os ovos, o sal e máis a noz moscada, batemos a man un par de minutos. Vertemos a mestura na masa brisa, ten que de tapar un chisco a coliflor e mailo brócoli.
  6. Botamos a cebola seca por riba e cocemos no forno durante 30 minutos, ou ata que as beiras estean ben douradas.

Que aproveite!

quiche_brocolo_1

quiche_brocoli_3


Pizza rápida de xamón e brócoli

Canto mais se cociña, máis se aprende a aroveitar ingredientes soltos que andan no frigorífico ou na despensa. A idea para esta pizza xurdiu de comer o brócoli que quedaba dun xeito mís apetitoso que cas patacas cocidas ou de guarnición, e o resultado foi delicioso... Se non tendes brócoli, probade a substituilo por acelgas, espinacas ou grelos, ha queda ben seguro!

O da pizza rápida, igual ca empanada, é un dicir, depende de con que o comparemos. Se é cunha pizza precociñada é moi lento, pero comparado a facer unha pizza con 24 horas de antelación para que fermente ben, entón si que parece rápido. Se vos dicidides a facer esta receita, contade unha hora e media de antelación para darlle tempo a levedar e preparar todos os ingredientes.

Ingredientes (para 3 ou 4 persoas)

300 gr. de fariña de forza, máis un chisco para amasar (para isto vale a triga normal)

200 ml de auga morna

20 gr. de fermento fresco

Media culleriña de sal

Unha culler de aceite de oliva

Para a cobertura

2 ou 3 culleres de mollo de tomate

Unha bola de mozzarella

2 ou 3 "pólas" de brócoli cocido

75 gr. de xamón serrano ou paletilla

Unha presa de queixo relado (tipo emmental, gouda, etc.)

Unha presa de cebola crocante (das que se usan para hot dogs, é opcional)

Un belisco de sal

  1. A masa de pizza é moi doada de facer: Nun bol  grande botamos a fariña e o sal, remexemos e facemos un oco no medio. Disolvemos o fermento na auga e metémolo no burato xunto co aceite.
  2. Remexemos cunha espátula ata formaren unha masa pegañenta pero que se separe das mans. Estendemos un pouco de fariña no mesado e amasamos. Colocamos a bola de volta no bol e tapamos cunha rolla ou film transparente.
  3. Deixamola estar nun sitio tépedo (a carón dun radiador, por exemplo) ata que doble o seu tamaño. Ha tardar unha hora, aproximadamente.
  4. Cortamos papel de forno para que teña a medida da bandexa e colocámolo no mesado. Estendemos a masa e ca axuda dun rodillo ou botella (ou cos dedos) facemos un rectángulo cun grosor máis ou menos homoxéneo.
  5. Prequentamos o forno a 250º
  6. Cortamos a mozarella en rodas finas, o brócoli en anaquiños pequenos e o xamón en tiras.
  7. Estendemos o mollo de tomate, colocamos a mozarella, o brócoli, o xamón, o queixo relado e a cebola, se a queredes. Que quede todo ben repartido, deixando unha marxe dun ou dous centímetros para que non desborde. Repartimos o sal por riba.
  8. Cocemola a altura media durante 15 minutos, ou ata que estea dourada polas beiras.

Que aproveite!

pizza-rapida-brocoli-3  pizza-rapida-brocoli1