Hummus de cacaué

Nesta casa somos moi fans do hummus, e a verdade e que de todos os que fixen, atopo que este é o máis saboroso. Outro punto a favor é que non se pega tanto ao padal como o normal, aínda que hai xente que lle gusta iso, a min acábame cansando un pouco.

A receita é unha adaptación dunha de Nigella Lawson (está na listaxe fixa da dereita) e zafa moito para facer algo de picar ou unha cea rápida entre semana: unha torrada de pan, algo de verduras, e listo! Se queredes ver máis receitas de hummus, tendes unha básica, outra a base de lentellas e outra de fabas e tomates secos. Se vos gusta a manteiga de cacaué non deixedes de ler esta receita de madalenas con manteiga de cacaué.

Ingredientes (para 6 racións, aprox.)

400 gr de garavanzos cocidos

3 culleres de manteiga de cacaué

3 culleres de queixo crema

5 culleres de aceite de oliva

5 ou 6 cacaués torrados e pelados, máis uns poucos para decoraren

Zume de medio limón

Media culleriña de sal

Media culleriña de comiño en po

Un dente de allo picadiño (opcional)

  1. Botamos todo na trituradora e dámoslle unha boa volta, para que mesture ben.
  2. Se queda moi espeso, engadide máis zume de limón e/ou aceite, incluso un pouco de auga morna. O importante é ir a modiño e que non nos pasemos.
  3. Corrixir de sal, se fai falta.
  4. Servir cun pouco de aceite, pementón doce e uns cacaués esmagados.

Que aproveite!


Galletas de manteiga de cacahué

A manteiga de cacahué é un deses alimentos que teñen moi mala fama polo contido en graxa que teñen, pero que usada en cantidades pequenas dalle un sabor moi especial aos pratos. Aparte de usala para untar torradas ou comela a culleradas, serve para facer prebes tipo asiático (usase moito en Indonesia e Tailandia) ou estas deliciosas galletas, que de seguro triunfarán cos máis cativos.

PD: Xa sei que a normativa di que é "cacahuete", pero a min soame moito mellor o de cachué. É se a persoa di "as cacahués aínda mellor. Cousas de cada un.

Ingredientes:

200 gr de azucre, moreno a poder ser
110 gr. de manteiga temperada
130 gr. de manteiga de cacaué
1 ovo grandeiro
Media culleriña de extracto de vainilla
180 gr. de fariña
Media culleriña de bicarbonáto sódico
Media culleriña de sal
Azucre glass, chips de chocolate ou cacahués moídos para a cobertura

  1. Nun bol mesturamos a manteiga temperada, a de cacahué e o azucre. Batemos cunha batedora de variñas, ou con dous garfos, ata que teña unha textura lixeira.
  2. Engadimos o ovo e mailo extracto de vainilla e seguimos batendo.
  3. Botámoslle a fariña o sal e o bicarbonato, batemos todo.
  4. Tapamos o bol con film transparente e deixámolo repousar no frigorífico a lo menos unha hora. Pódese deixar toda a noite, por se tendes outras cousas que facer.
  5. Prequentamos o forno a 170º e poñemos papel de forno na bandexa lisa.
  6. Facemos boliñas do tamaño dunha noz, (teñen que quedar ben redondas) colocámolas a 5 cm unhas doutras (hanse expandir moito, así evitamos que queden pegadas) e esmagámolas un pouco cun garfo. Botámoslle a nosa cobertura favorita e cocemos no forno durante 10-12 min. pero non máis porque se non han quedar secas.
  7. Retirámolas e deixamos arrefriar para que queden crocantes por fóra.
  8. Hai que comelas preferentemente no mesmo día, porque se nón collerán humidade. Se queredes que duren uns días máis, gardádeas nun recipiente hermético.

Que aproveite!

galletas_cacahue3 galletas_cacahue2