Madalenas de castaña e vainilla

Agora que vai tanto frío apetece quedar na casa e que mellor plan que facer unhas madalenas que sirvan de agasallo ou que solucionen uns cantos almorzos. Como presta comelas con café quentiño! Esta receita é moi doada, tanto que a podedes facer con nenos, seguro que se divirten fozando cos moldes de papel e o azucre :)

Se queredes ver máis receitas de madalenas, visitade a de madalenas con nata e noces, a de madalenas de chocolate, ou estas ben saudabeis de plátano e avea.

Ingredientes (para 14 madalenas, aprox.)

110 gr. de fariña de castañas

100 gr. de fariña de trigo

170 ml. de aceite de xirasol

100 gr de azucre normal

75 gr de azucre avainillado

60 ml. de leite (mellor se é gordo)

2 ovos

9 gr. de fermento químico

Un belisco de sal

Un chisco de azucre, avanillado ou non, para botar por riba

Utensilios:

Batedora de variñas

Moldes de papel para madalenas.

Moldes ou bandexa para madalenas

  1. Nun bol grandeiro botamos os ovos e o azucre, batemos ca batedora ata que aclare e teña unha textura esponxosa.
  2. Engadimos o leite, seguimos batendo.
  3. Engadimos o aceite aos poucos, mentres continuamos a bater.
  4. Nun prato fondo mesturamos as fariñas, o fermento e o sal, mesturamos cunha culler.
  5. Imos engadindo a mestura "sólida" á líquida mentres batemos, tendo conta de que non queden grumos.
  6. Tapamos cun film transparente e deixamos no frigorífico unha hora.
  7. Prequecemos o forno a 150º, por riba e por baixo.
  8. Colocamos os moldes de papel dentro dos de silicona (ou de metal, os que teñades) e enchémolos ata os 3/4, deixando marxe para que a masa suba. Esparexemos un chisco de azucre en cada madalena, formando una capa moi fina, para que logo quede crocante.
  9. Deixámolas cocer no forno durante 15 minutos, vixiando que non se pasen.
  10. Deixamolas arrefriar no mesado, e cando estean frías gardámolas nun tupperware ou nunha bandexa tapada cunha rolla.

Que aproveite!

 


Polo con granada e castañas

Como tantas outras receitas, isto xurdiu de ter algo co que non sabía que facer. Primero foi ter a granada na casa, logo foi buscar pratos con ela que non fosen ensalada, e atopar esta receita contada polo que parece ser o cociñeiro menos motivado do mundo. Por último engadinlle castañas e noces, porque tamén me sobraban, e a verdade é que o resultado paga a pena: é unha mestura moi gustosa a das froitos secos e a frescor da granada.

Ingredientes (para 4 persoas):

4 filetes de peituga de polo (de mínimo 2 cm. de grosor)

2 granadas

15 castañas asadas ou cocidas

1 cebola grande

2 dentes de allo

150 ml. de aceite de oliva

3 follas de loureiro

1 culler de fariña

Pementa

Sal

100 de noces (opcionais)

  1. Quentar o aceite de oliva nunha tixola ben grande.
  2. Botar os filetes de peituga con sal e pementa, e fritir a lume baixo. Podedes usar tamén coxas ou contracoxas, que teñen máis graxa e saen máis tenras, pero tardan máis en cocer.
  3. Picar a cebola e o allo en rodas, canto máis finas mellor.
  4. Sacarlle os grans á granada. Un xeito moi doado é abrir varios cortes e bater nela cunha culler de pau, coma neste vídeo polo_makinof_2
  5. Dar a volta ao polo e engadir as castañas peladas, o loureiro, a cebola e o allo. Tapar e seguir cocendo a lume baixo.
  6. Cando a cebola comece a abrandar, engadir a metade da granada, remexer.polo_makinof
  7. Cando leve 20-30 minutos ao lume, retiramos as peitugas aos seus pratos, quitamos o loureiro e botamos o resto nun bol grande. Engadimos auga ao gusto e a culler de fariña (e noces, se queredes un extra de sabor) e batemos coa batidora. Quedarán pequenas sementes da granada, pódense comer sen problema, pero podedes pasar a mestura por un pasapurés para quitalas.
  8. Repartimos a salsa entre todos os pratos e decoramos coa granada restante.

Animadesvos a probala? Contade que tal vos foi nos comentarios!

polo2