Torta de queixo do Cebreiro

Os que ledes este blog dende o principio xa sabedes que eu son moito de meter cousas nos queiques e tamén moi fan do queixo do Cebreiro, así que era unha cuestión de tempo que se xuntaran as dúas cousas ;) Se non tendes este queixo, podédelo cambiar por requeixo ou algún outro queixo cremoso.

Esta torta é moi doada de facer (non está na sección "Especial badocas" por nada!) e ten un sabor moi suave que seguro que lle gusta ata a aqueles que non gustan do queixo. Podédela acompañar de mel, marmelada de froitos vermellos, marmelo ou noces. En calquera caso, está deliciosa!

Ingredientes (para 6 racións, aproximadamente)

3 ovos

150 gramos de queixo do Cebreiro

1 iogur grego

1 medida (de iogur) de azucre

1 medida e cuarto de fariña

2 medidas de leite gordo (enteiro)

Un belisco de sal

Un chisco de manteiga ou aceite de xirasol para engraxaren o molde

  1. Prequentamos o forno a 180º
  2. Quentamos un pouco o queixo no microondas, para que abrande, pero sen chegar a derreter.
  3. Nun bol batemos todos os ingredientes ata formaren unha crema homoxenea.
  4. Engraxamos o molde (eu usei un de 20 cm de diámetro e aínda sobrou un pouco para outro máis pequeno).
  5. Botamos a crema, deixando un par de centímetros de marxe co borde superior do molde. A masa ha subir bastante, e non queremos que saia polas beiras.
  6. Cocemos no forno ata que quede dourado/marrón polas beiras, e a parte do centro un pouco máis branda. Así queda máis cremosa: se vos gusta sequiña, deixádea un pouco máis no forno.
  7. Deixamos arrefriar, e cando estea completamente fría (ha baixar todo o que subiu no forno), servímola.

Que aproveite!

torta-queixo--1 torta-queixo-2 torta-queixo-3


Sopa de fideo seco con queixo do Cebreiro

Unha desas cousas que se atopan de casualidade: buscando receitas novas para facer vin na conta de Twitter de @Gastrogram (moi recomendable se queredes devecer con fotos de comida) un concurso que se estaba a celebrar no DF de sopa de fideos secos. Puxenme a indagar e resultou ser un prato semellante á fideuá, que non ten nada que ver cos pratos máis coñecidos de México.

Polo que polo que lin por Internet, é un clásico entre os cativos mexicanos e non me estraña, porque é delicioso. Eu fixen a miña versión enxebre engadindo queixo do Cebreiro, pero válevos ben outros que derretan fácil, coma a mozarella ou incluso a ricotta. Tamén se lle pode engadir aguacate en láminas.

Nota: a min gústanme od fideos gordiños e para esta receita comprei os de calibre nº 4. Isto vai por gustos! Tamén usei cebola morada, porque era a que tiña na casa :D

Ingredientes (para dúas ou tres racións)

300 gr. de fideos

2 tomates medianos

1/3 dunha cebola mediana

1 dente de allo

2 racións de caldo de polo tipo Avecrem (tamén pode ser de verduras)

2 vasos de auga

3 culleres de aceite de oliva

Sal ao gusto

100 gr. de queixo do Cebreiro para acompañaren

  1. Pelamos os tomates, o dente de allo e cortamos a cebola en rodas finas.
  2. Disolvemos o Avecrem nos vasos de auga (mellor se está quente)
  3. Metémolos na batedora ou trituradora ata facer un liquído homoxéneo (non hai que engadir auga, co líquido dos tomates será dabondo).prep1
  4. Botámos dúas culleres do aceite nunha tixola, quentamos e botamos os fideos nela. Remexemos durante 5 minutos ata que douren por fóra. Andade con conta porque torran moi rápido!prep3
  5. Retiramos os fideos a un prato.
  6. Botamos unha culler de aceite na mesma tixola e coamos o líquido do paso 1 para quitarlle as sementes e durezas. Deixamos cocer o líquido dos tomates a lume medio, ata que espese.prep2
  7. Engadimos os fideos e remexemos. Despois engadimos a auga co Avecrem e deixamos ferver (hai que subir o lume) durante 10 minutos, aproximadamente. Retiramos do lume cando deixe de parecer unha sopa e semelle máis unha fideuá.
  8. Servimos en pratos (eu empreguei un molde para que ficasen máis bonitiños) e engadimos o queixo esfarelado por riba, para decorar.

sopaseca3