Ensalada de pasta con tomates secos

Os que seguides este blog sabedes que aquí non somos moito de ensaladas. Só puxemos unha receita, tamén moi de verán, dunha de garavanzos. Pero esta ensalada de pasta pasou o filtro, e de que xeito! Está ben boa, é barata e conservase ben para levar nun tuper á praia ou ao monte.

Os tomates secos aquí en realidade viñan xa hidratados nunha bolsa. Se non, comprádeos secos e hidratádeos con auga (cocéndoos en auga fervendo uns 15 min) ou meténdoos nun frasco tapadiños con aceite de oliva, así consérvanse hidratados para cando os queirades usar. Para un extra de sabor, podédeslles engadir tomiño ou caiena.

Ingredientes (para 2 ou 3 racións)

200 gr. de pasta curta: laciños, caracois, macarróns pequenos, etc.

125 gr de mozzarella fresca

100 de bonito en aceite de oliva

1 cogombro

4 ou 5 metades de tomates secos

4 culleres de aceite de oliva virxe extra

1/2 culleriña de sal

1/2 culleriña de tomiño (opcional)

  1. Cocemos a pasta al dente.
  2. Reservamos 50 ml da auga de cocer nun vaso. Escoamos a pasta.
  3. Na mesma pota, engadimos o bonito, a mozzarella e os tomates, ben picado todo.
  4. Engadimos a pasta e remexemos pouco a pouco mentres engadimos un pouco da auga de cocer. Isto axudará a que ligue mellor.
  5. Engadimos o cogombro, pelado e picado, o aceite o sal e o tomiño. Remexemos ben.
  6. Deixamos repousar a lo menos dúas horas, idealmente dun día para outro. Pódese tomar fría ou do tempo.

E a vós, gustánvos as ensaladas de pasta?

 

 


Gaspacho clásico

Logo de probar versións máis exóticas do gaspacho (este de amorodos e mazá, ou este de manga con polo), imos despedir esta temporada cunha receita cada vez máis popular: o gaspacho andaluz clásico. Nesta receita os ingredientes son moi importantes, canto mellor o tomate e as verduras, mellor o gaspacho! O aceite tamén é importante, paga a pena botarlle un de calidade. Como todas as sopas e guisos, está mello ao día seguinte de facelo.

Dicir clásico é un pouco arriscado, porque cada un ten unha receita distinta da súa casa: eu fixen un mix de varias que me deron tendo en conta que tanto o pemento e o allo crus repítenme, así que puxen pouco de cada un. Hai xente que o prefire sen cogombro, con cebola, etc. As posibilidades son infinitas, e aínda queda moito verán para facer experimentos!

Ingredientes (para 3-4 racións)

1 quilo de tomates maduros

1 pemento verde italiano

Medio cogombro pelado

Un dente de allo

Un anaco de pan reseso

Media culleriña de sal (é mellor botar pouco ao principio e corrixir ao final)

4 culleres de vinagre de viño branco

4  ou 5 culleres  de aceite de oliva virxe extra

Un belisco de comiño (opcional)

  1. Lavamos os tomates, quitámoslles o corazón (a parte do talo e maila parte blanca de dentro). Cortámolos en dadiños. Se non vos gusta a pel, podedes escaldalos en auga fervendo durante 1 minuto, despois sairá con moita facilidade.
  2. Lavamos e cortamos o cogombro en rodiñas ou dados
  3. Lavamos e cortamos o pemento, quitándolle as sementes.
  4. Cortamos o allo o máis picado que poidamos.
  5. Mollamos o miolo do pan reseso en auga fría (tiramos ca codia).
  6. Botamos todos os ingredientes nunha trituradora ou non bol de batedora e batemos ata que se mesture todo. Probamos e correximos o vinagre e o sal segundo o gusto de cada un.
  7. Gardámolo na neveira e servímolo frío, acompañado de panciños, tomate  e/ou cogombro cortado, e un pouco de aceite de oliva.

Que aproveite!

gaspacho_clasico1


Ensalada grega de garavanzos

"Da ensalada, dous bocados e deixala", eso di un refrán galego, pero seguro que se refería ás ensaladas tristeiras que se poñen para acompañar: un pouco de leituga e tomate asolagados en vinagre e aceite. Aínda que eu tampouco son moi fan das ensaladas en xeral, cada vez vou probando cousas novas e algunha delas fica no recetario, coma esta completa ensalada de inspiración grega, perfeta para un xantar de verán :). Se queredes ver outras receitas gregas, probade este pastel de allo porro, ou esta sopa fría de iogur e cogombro.

Aguanta un par de días no frigorífico, despois o cogombro e os tomates comezarán a esmorecer.

Ingredientes (para 4 racións)

200 gr. de garavanzos cocidos

Un cogombro grande

2 ou 3 tomates ben maduros

Un pemento roxo (opcional, que hai a quen lle repite)

100 gr. de queixo feta

80 gr. (media lata escoada) de olivas negras

Zume dun limón

Ourego (opcional)

Aceite de oliva virxe extra

Un belisco de sal

  1. Cortamos o cogombro en rodas finas, de medio centñimetro coma máximo, e despois as rodas en cuartos. Cortamos o tomate, o pemento e o queixo en dadiños; e as olivas en rodiñas finas.
  2. Nunha cunca grande botamos os garavanzos, o cogombro, as olivas, o queixo, o pemento (se houbere) e os tomates. Botamos o zume de limón mesturado cun pouco de aceite, o ourego e o sal. OLLO: as olivas e o queixo feta xa levan moito sal, así que andade con conta.
  3. Deixamos arrefriar na neveira durante a lo menos unha hora e servimos cun chisco máis de aceite de oliva por riba.

Que vos parece? Coñecedes máis receitas de ensaladas? Deixádeas nos comentarios!

master


Sopa fría de cogombro con iogur e ourego

Sopa fría de cogombro con iogur e ourego

Xa estamos en xullo e é tempo de sopas frías. Desta vez probamos un prato cunha leve inspiracion grega, a verdade é que non sei se é algo que se come alí normalmente ou non... pero está moi boa e refresca moitísimo. Coma outras sopas, está mellor se a deixades repusar dun día para outro.

Eu fíxena bastante espesa, pero se queredes que quede máis fina, engadide máis auga e xa está ;)

Ingredientes (para 2 ou 3 racións)

3 cogombros

1 iogur grego

5 culleres de aceite de oliva virxe extra, máis un chisco para a decoración

1 culleriña de ourego

Sal (botar pouco e logo ir corrixindo)

  1. Quitámoslle a codia aos cogombros e partímolos en rodas dun centímetro, aproximadamente.
  2. Na trituradora ou no bol da batedora ponemos os cogombros e o resto dos ingredientes. Trituramos ata facer unha pasta homoxénea. Deixamos repousar na neveira durante dúas horas.
  3. Servimos nun prato decorando cunhas pingas de aceite, como acompañamento podemos empregar pavo (coma na foto), salmón afumado, picatostes ou xamón!

Que aproveite!

Sopa fría de cogombro con iogur e ourego