Petisco de couveflor

Despois de facer hummus básico, hummus de lentella e tamén de cacaué, seguimos na nosa pesquisa de cousiñas gorentosas para petiscar ou tomar de entrante. Aínda que a cor non resulta moi atractiva, está moi rico e ademáis e lixeiro e doado de facer ;) Unha receita ideal para facer o día antes e levar de pique-nique.

Ingredientes (para 18 racións coma as da foto, aprox.)

250 gr de couveflor

100 gr de queixo crema

Unha culler de manteiga

Media culleriña de curri en po

Unha presa de noces ou de pasas (opcional, eu boteille noces)

1/4 dunha culleriña de sal

1/4 dunha culleriña de pementa moída

  1. Lavamos e cortamos a couveflor en anacos pequenos.
  2. Nunha tixola quecemos a manteiga a lume alto. Botamos a couveflor e baixamos o lume a intensidade media. Cocemos durante 5 minutos, remexendo de cando en vez cunha culler de pau, ata que a couveflor comece a dourar. Engadimos o sal, a pementa e o curri, cocemos un minuto máis. Retiramos e deixamos arrefriar.
  3. Nun bol poñemos o queixo crema e o contido da tixola  ou as noces ou pasas cortadas, esmagamos todo cunha espátula de silicona (ou se queredes que quede máis fino, pasádelle a batedora, foi o que fixen eu).
  4. Podemos poñer un pouco máis de curri ou de pemento doce para decoraren. Servimos acompañado de pan de pita, torradas, crudités...etc. Aguanta dous ou tres días na neveira.

Que aproveite!


Quiche vexetal con anacardios

Aínda que non son vexetariana (raro sería tendo un blogue que se chamase así) ultimamente ando a experimentar con pratos sen carne. Esta quiche é moi gustosa e sinxela de facer, sobre todo porque fixen trampa e comprei o follado xa feito, igual que na receita de palmeiriñas. En total levará pouco máis dunha hora.

Penso que é unha boa idea para facer logo do Entroido se quedades cansados do cocido. Ollo, que aínda que non leva carne si leva nata, polo que é bastante farturenta ;)

Ingredientes (4-5 porcións)

1 paquete de follado redondo

8 follas grandes de acelgas

4 cenouras

3 anacos de coliflor

Un feixe de anacardios (60 gr. aproximadamente)

150 ml. de nata para cociñar (a de 18% de materia graxa)

1 ovo grande

1/4 de culleriña de noz moscada

Sal

  1. Enchemos unha pota de auga, quentámola e botamos a coliflor a cocer. Cando leve 10 minutos, engadimos as acelgas limpas e sen talo e as cenouras cortadas en cachos pequenos.
  2. Escoamos as verduras e reservamos.
  3. Prequentamos o forno a 180º
  4. Nunha tixola botamos a nata e quentámola a lume medio xunto ca noz moscada.prep1
  5. Cortamos os anacardos en anacos pequenos
  6. Botamos as verduras e mailos anacardios na tixola, deixamolo estar a lume medio durante 10 minutos. prep4
  7. Batemos o ovo e botámolo na mestura.
  8. Estendemos o follado nun molde redondo. Para que non soba no forno, pinchámolo varias veces cun garfo:prep2
  9. Enchemos o follado co contido da tixola.
  10. Cocemos no forno durante 25 minutos, ou ata que estea ben dourado nas beiras e o recheo algo seco (callado). Depende moito do forno, tende conta disto.

Nota: Recomendo comelo no mesmo día, xa que o follado colle a humidade do recheo e ao día seguinte non está crocante.

Que aproveite!

quiche_vexetal3