Cinco trucos para facer unha boa tortilla de patacas

O caso da tortilla de patacas é ben curioso: cantas variantes saen con tan só tres ingredientes! Coma en todos os pratos tradicionais, cada un ten os seus trucos e preferencias, hoxe vouvos contar os meus. Coma unha imaxe vale máis que mil palabras, velaiquí tendes a miña opinión:

Así non:

tortilla_de_patacas_non

Para que as tortillas vos queden sequiñas polos lados e tenras por dentro recoméndovos seguir estes trucos:

  1. Cortar as patacas facendo anacos o máis irregulares que poidades. Deste xeito chucharán máis aceite e quedarán máis brandas. No canto de cortalas en rodas finas, clavade un coitelo pequeno e facede forza para arrincar un cacho pequeno da pataca, é o máis doado.
  2. Bater moito o ovo, para que colla aire. Isto fará que teña máis consistencia ao final.
  3. Engadirlle leite ao ovo: unha culler por cada un. É un truco para que quede máis tenra e suave: o leite fai que se fagan "membranas de coágulo" máis brandas e elásticas. Aquí explícano con máis detalle.
  4. Deixar repousar a mestura de pataca e cebola fritida no ovo durante 20 ou 30 minutos. Se queredes que os anacos de patacas se noten menos, aproveitade para esmagalos cun garfo nestre intre.
  5. Esto no ten que ver directamente coa textura pero HAI VIDA ALÉN DAS PATACAS. Que son a base, si, pero pódese experimentar engadindo cenoura relada, chícharos, bacallao desmigado, camaróns... e se só que queredes darlle un leve toque diferente, probade coas especias: dúas das que mellor combinan con este prato son o comiño e a noz moscada.

Preferides a tortilla "ovosa" ou seca? Tendes trucos ou consellos? Deixádeos nos comentarios!

Desta vez as fotos non son miñas: A segunda imaxe é unha montaxe cunha foto de Recetolandia e primeira está tirada dunha reportaxe sobre pinchos de Antena3


Scones salgados con queixo e mostaza

Nun principio esta receita ía ser doce, pero como ultimamente xa probamos madalenas e cous-cous doce decidinme por unha versión salgada, ideal para tomar de merenda con pavo ou xamón, ou para acompañar unhas cervexas. Ou as dúas cousas á vez!

Os scones son unha receita orixinaria de Escocia e son moi típicos no Reino Unido como parte do high tea: a merenda cea. Sérvense abertos pola metade e recheos de manteiga e marmelada. Estes son unha adaptación desta receita de Jamie Oliver.

Ingredientes (para 7 ou 8 pezas)

250 gr. de fariña

75 gr. de manteiga fría

1 ovo

2 culleres de leite + 2 para "barnizar"

3 fatias de queixo

1 culleriña ben chea de mostaza en gran

1/4 de culleriña de comiño - opcional

1/2 culleriña de sal

  1. Prequentamos o forno a 220º
  2. Cortamos a manteiga en dadiños. Nun bol botamos a fariña e a manteiga e amasamos cas mans ata que semelle pan relado. Non cómpre amasar moito tempo, a manteiga non ten que derretir por completo. Facemos un oco no medio.
  3. Nun prato fondo batemos o ovo co sal, a mostaza e o comiño.
  4. Botamos o líquido no oco do paso 1 e remexemos cas mans de novo ata formaren unha masa homoxénea que se despegue facilmente das paredes do bol.prep1
  5. Botamos un chisco de fariña nun mesado, colocamos a bola de masa e esmagámola para que quede con grosor uniforme de 2- 2,5 cm.
  6. Preparamos unha bandexa con papel de forno.
  7. Ca axuda dun vaso sacamos círculos de masa e colocámolos na bandexa ca parte lisa cara arriba.prep2
  8. Botamos dúas culleres de leite no vaso, e cun pincel (ou cos dedos) barnizamos a parte superior dos scones.prep3
  9. Cocemos no forno durante 10 minutos, ou ata que estean dourados por riba. Se queredes que queden máis crocantes, deixadeos repousar sen nada, se vos gustan máis tenros, tapádeos cun trapo de algodón nada máis sacar do forno.

Que aproveite!