Biscoito de claras e arandos

Un día tiña moitas claras de sobra despois de facer crema de ovo, e buscando que facer con elas decidín facer un biscoito e aproveitar tamén uns arandos que tiña na neveira. O resultado non puido sair mellor: o contraste entre a masa e os arandos é ben bonito, e o sabor é delicioso. Se vos gustan os biscoitos con froita, botádelle unha ollada a este de mazá con canela, a este de melón ou un de amorodos.

Esta é unha receita para un molde de 25 cm de diámetro. É máis practico usar un desmontable con papel de forno por abaixo, pero isto xa depende dos que teñades na casa. Un redondo ben engraxado tamén vale.

Ingredientes (para 8 racions, aprox)

250 gr. de arandos (frescos ou desconxelados)
250 gr de fariña de trigo, máis duas culleres extra para os arandos
100 gr fariña de centeo (podese substituir pola de trigo)
8 claras de ovo
Un iogur natural
120 ml de aceite de xirasol
8 gr. de fermento quimico (tipo Royal)
Media culleriña de extracto de vainilla
Un belisco de sal
Azucre glass para decoraren

  1. Prequecemos o forno a 180 gr e engraxamos o molde con manteiga ou aceite.
  2. Nun bol poñemos as claras, o iogur, o aceite e o extracto de vainilla. Batemos ben.
    Nun prato fondo mesturamos as fariñas, o fermento e o sal.
  3. Engadimos pouco a pouco a mestura do paso 2 no bol do paso 1, sen deixar de bater.
  4. Nun prato fondo ( pode ser o mesmo) botamos as dúas culleres extra de fariña e os arandos, lavados e secados. Rebozámolos con coidado e pasamolos por un escoador para retirar o exceso de fariña.
  5. Botamos 3/4 partes da masa no molde. Esparexemos a metade dos arandos por riba.
  6. Botamos a masa restante por riba e a outra metade dos arandos. Algúns afundirán, non pasa nada.
  7. Cocemos no forno durante 30-35 minutos. Metemos unha agulla de calcetar, se sae seca estará listo. Pode ser que qede pálido por riba, de ser así poñemos calor só por arriba e deixámolo 5 minutos máis.
  8. Deixamos arrefriar e decoramos con azucre glass. Se quedasen restos de fariña, vanse disimular así  ;)


Risotto mariñeiro

Como presta facer risotto e tomalo de cea ou ao día seguinte! Con esta sinxelísima receita quedavos un delicioso. Se queredes experimentar, mirade tamén este de queixo de cabra ou este de queixo parmesano e viño branco (un dos nosos grandes ghits!)

Ingredientes (para 4 racións)

250 gr. de risotto

1 litro de caldo de peixe

200 gr de gambas (ou lagostinos, faragullas de peixe, etc.)

1 allo porro

10 ou 12 tomatiños cherry

100 gr. de manteiga

4 culleres de aceite de oliva

Dous beliscos de aneto

Queixo parmensano relado (opcional)

Sal

  1. Lavamos e cortamos o allo porro. Usamos só a parte branca, facendo rodas moi finas.
  2. Cortamos os tomates cherry pola metade.
  3. Nunha tixola, quecemos o aceite de oliva e botamos o porro e os tomatiños. Refogamos a lume medio ata que estean brandos. Botamos o sal e o aneto.
  4. Engadimos o arroz e remexemos, sempre a lume medio, ata que comece a estar traslúcido.
  5. Engadimos 200 ml. de caldo e remexemos cunha culler de pau ata que case non quede líquido.
  6. Repetimos a operación ata que non quede caldo. Sempre a lume medio.
  7. Apagamos o lume e botamos a manteiga cortada en anacos, remexendo ben para que derreta.
  8. Servimos quente, cun pouco de queixo relado.

Que vos parece?


Torta de cenoura e avea

Unha desas receitas que se atopan por casualidade, buscando un uso para os flocos de avea que tiña abandonados pola cociña. Estaba eu a buscar tortas con avea, e din con esta receita, que despois eu modifiquei un chisco ao meu gusto.

Un par de cousas: se de normal os queiques están mellor ao día seguinte, este está mellor aos dous días, non esfarela tanto coma na foto (era o 1º día e esfarelaba todo) e o sabor do aceite de oliva notábase máis. Eu usei un da variedade hojiblanca con bastante acedume, dálle un sabor moi intenso. Se non sodes fans da intensidade do aceite, probade cun de oliva suave, ou incluso un de xirasol.

Ingredientes (para 8 racións, aprox, un molde de 25 cm. de diámetro)

3 ovos

120gr de azucre moreno de caña

150gr de cenoura relada

100gr de copos de avena + Unha présa para decoración

75gr de fariña de avea

75 gr. de fariña de trigo

90ml de aceite de oliva (ou de xirasol)

1/2 culleriña de canela en po

1/4 culleriña de noz moscada

15 gr. de fermento químico

Un belisco de sal

  1. Prequentamos o forno a 180º.
  2. Nun bol grande batemos os ovos co azucre, ata que clareen e formen unha pasta homoxenea.
  3. Engadimos a cenoura e o aceite, seguimos batendo.
  4. Engadimos a fariña, as especias, o fermento e o sal, batemos.
  5. Untamos un molde cun chisquiño de aceite e botamos a masa.
  6. Para que os flocos non afundan no queique, o truco é rebozalos con fariña de trigo, pódese facer cas mans, deixando caer a fariña que sobre. Estendémolos por riba da masa.
  7. Cocemos no forno durante 35-40 minutos, ata que estea ben dourado por riba.
  8. Deixamos no molde un día ou dous, servímolo de almorzo ou merenda!


Albóndegas de atún e piñóns con mollo de tomate

Despois dunha pausa por mor de non ter tempo para nada...estamos de volta! E con que receita, amig@s, unhas albóndegas que arrecenden e saben a gloria!

Este é un prato típico do Sur de Italia, pero non teño moita máis información, así que paso aos consellos: o atún pode ser conxelado en filetes deses, o que non pode ser é en conserva. E o queixo grana padano évos moi doado de atopar nos supermercados, é coma unha versión máis barata do parmesano que tamén o podedes usar, pero para mesturar con outras cousas non paga a pena pagar o prezo máis caro.

Se vos gustan as albóndegas, pasadevos por esta receita de carne e xamón, ou estas de carne mariñada. E as máis exitosas do blog: as de polo con ananás.

Ingredientes (para 4 racións, aproximadamente)

400 gr. de atún, fresco

100 gr. de pan relado

50 gr. de queixo "grana padano" relado

50 gr. de piñóns

2 ovos

4 ou 5 culleres de aceite de oliva virxe extra

Unha culleriña de ourego

Media culleriña de canela en po

O zume e a reladura dun limón

Un belisco de sal e outro de pementa negra

Aceite de xirasol para fritir

Para o mollo:

Unha cebola

2 dentes de allo

2 latas de tomates en conserva, en anaquiños

4 ou 5 culleres de aceite de oliva virxe extra

Unha culleriña de ourego

Unha culleriña de vinagre balsámico

Perixel (opcional)

  1. Primeiro preparamos o mollo quecendo o aceite nunha tixola grande e botando a cebola e o allo, cortados en rodas finas. Cociñamos a lume medio ata que a cebola estea semi-translúcida e branda.
  2. Engadimos o resto dos ingredientes do mollo e cocemos durante 15 minutos a lume medio, remexendo de cando en vez.
  3. Preparamos as albóndegas cortando o atún en dados pequenos, e fritíndoo co aceite nunha tixola ca canela e os piñóns.
  4. Engadimos o sal e a pementa e deixamolo estar 5 minutos.
  5. Botamos a mestura nun bol grandeiro e deixamos arrefriar.
  6. Botamos o pan, o ourego, o queixo relado, os ovos batidos, o zume e a reladura do limón dentro do bol.
  7. Esmagamos a mestura cun garfo e amasamos cas mans ata que se mesture todo ben.
  8. Facemos albóndegas do tamaño dunha noz grande, colocámolas nun prato para meter no frigorífico unha hora.
  9. Quecemos o aceite de xirasol na mesma tixola das albóndegas e fritímolas ata que estean douradas (ver foto inferior).
  10. Cando estean listas, imolas colocando nun prato forrado con papel de cociña para que absorba o exceso de aceite.
  11. Servimos co mollo e un pouco de perixel cortado: pódense comer con pan (recomendable para ir mollando) ou con pasta ou arroz branco.

Que aproveite!


Gratín de cabaza con mozarella

Despois dunhas semanas moi apuradas e sen tempo de actualizar, volvemos cunha receita de cabaza,  que aínda se atopa de tempada! Este é un gratín moi doado de facer, unha receita de orixe italiana que atopei no marabilloso libro "Las verduras de mmuchas maneras" de Karen Leiz (que foi un súper agasallo de Nadal).

Para que sexa máis doado, recoméndovos que merquedes a parte superior da cabaza, a que ten máis carne e menos sementes, porque é mello para facer rodas do mesmo grosor. Lembrade quitarlle a pel, restos de semente, etc. Se vos gusta a cabaza (ou cabacú, como lle chaman nalgunhas zonas), botádelle un ollo a estas sopa de cabaza con ameixas ou a esta crema rubia de verduras.

Ingredientes (para 3 ou 4 racións)

600 gr de cabaza en rodas de 2 cm de grosor.

250 gr. (dous paquetes) de mozzarella

Dúas latas de tomates triturados

100 gr de queixo parmesán relado

1 cebola grande

4 ou 5 culleres de aceite de oliva

1 culleriña de azucre

Fariña

Tomiño

Aceite de xirasol para fritir

Sal e pementa negra moída

  1. Cortamos a cebola ben picada e sofritimola na tixola co aceite de oliva ata que comece a dourar.
  2. Engadimos os tomates triturados, un belisco de sal, o azucre e un pouco de pementa. Remexemos ben e deixamos cocer a lume medio 15 ou 20 minutos.
  3. Prequecemos o forno a 200º.
  4. Botar fariña nun prato fondo e pasar as rodas de cabaza por ela, sacundíndoas despois para que só quede unha capa fina.
  5. Quecemos o aceite de xirasol nunha tixola grande e fritimos a cabaza ata que comece a estar marrón (ollo, non negra). Retirámolas a un prato con papel absorbente e botámoslles un chisco de sal por riba.
  6. Untamos unha fonte para forno cunha culler de aceite de oliva. Nela colocamos a metade das rodas de cabaza, e botamos a metade do mollo de tomate.
  7. Estendemos a metade da mozzarella en láminas, engadindo tomiño por riba e un pouco do queixo parmesán relado. Repetimos a operación.
  8. Cocemos no forno durante 20 minutos, e servimos ben quente.

Que aproveite!