Compota de pavías

É tempo de pavías! E de tomates, patacas, uvas, etc. O caso é que ás veces xúntanse moitas e hai que buscar un xeito diferente de cociñalas, coma esta compota con viño tinto: sinxela, barata e rápida! Se queredes máis receitas de compotas, tendes esta de mazá con cardamomo

E vós, que facedes cas pavías? As ideas son benvidas nos comentarios :)

Ingredientes (para 3 ou 4 racións)

500 gr. de pavías

250 ml. de viño

60 gr. de azucre

Un pauciño de canela

  1. Lavamos as pavías e metémolas en auga fervendo durante 3 minutos, para escaldalas e que a pel saia mellor.
  2. Retirámolas e secámolas.
  3. Na mesma pota, limpa, cocemos o viño co pau de canela a lume medio, durante 3 minutos, despois engadimos o azucre a modiño, mentres remexemos para que non se pegue. Deixámolo cocer 5 minutos, ata que espese. Retiramos
  4. Pelamos as pavías e cortámolas en anacos pequenos.
  5. Botámolas na pota e volvemos cocer a lume medio durante 5 minutos. Quitamos o pau de canela.
  6. Estará máis bo ao día seguinte, pódese tomar quente ou do tempo!

Compota de mazá con lima e cardamomo

Os lectores habituais xa sabedes que eu son moi fan das mázas nas tortas e biscoitos, e tamén coma acompañante das carnes, pero desta vez teño unha proposta diferente, unha variación bastante orixinal da compota de mazá. Pero antes de comezar, un par de anotacións sobre o cardamomo: é caro, e hai dous tipos.

Que o tema non precio non vos asuste, xa que para facer esta receita (e na maioría) só compre un chisco moi pequeno de cardadmomo verde, que é o que se adoita usar para os doces. Hai outro tipo, máis barato, que é o negro. Se o usades non vai pasar nada, pero o sabor será máis avinagrado e non quedará tan bo, xa que este tipo é máis axeitado para carnes ou arroces.

Ingredientes (para 4 racións, aprox.)

4 mazás grandes

Zume de 4 limas

6 sementes de cardamomo

2 ou 3 culleres de azucre (eu botei moreno, pero tanto ten)

Améndoas laminadas ou chocolate negro relado, para decoraren

  1. Colocamos as sementes nun mesado resistente, e cun obxecto pesado (tipo pota express) esmagámolas cun golpe sen que chegen a romper. O truco é abrir unha fenda para que liberen o arume, pero que logo sexan doadas de retirar.
  2. Nunha pota normal quecemos o zume das limas co azucre e as sementes do cardamomo, sen que chegue a ferver. Quecemos durante 5 minutos e despois deixamos repousar.
  3. Pelamos e cortamos as mazás en dadiños de 2x2 cm, máis ou menos. Botámolas na pota e cocemos a lume medio durante 25 minutos, ou ata que os anacos comecen a esfarelar.
  4. Quitmos as sementes e servimos en cuncas decorando cunhas améndoas, ou cun pouco de chocolate negro relado.

Que aproveite!

compota3