Cinco trucos para aforrar cartos na cociña

Esta semana temos un artigo un pouco distinto, pero que de seguro vos ha interesar: uns consellos para aforrar cartos (e enerxía) na nosa cociña. Se sabedes dalgún máis, por favor deixádeo nos comentarios ;)

  1. Merca produtos a granel e frescos de tempada: as tendas a granel adoitan ser máis baratas, e permiten comprar a cantidade axeitada para o que queiramos. O máis normla é mercar legumes, pero non vos esquezades da fariña e das especias. O tema da tempada é algo moi lóxico: ademáis de ser máis baratos, os frescos estarán no seu punto axeitado e terán máis sabor. para ver que froitas e verduras e as súas tempadas, podedes consultar este completo gráfico.
  2. Vixía a túa neveira: hai que evitar que estea preto de fontes de calor (luz solar, lavalouza, lavadora), limpala por detrás para que o lixo non obstrúa os condutos, e revisar que as xuntas de silicona estean en bo estado para que non escape o frío. Cobre todo os líquidos e agarda a que os pratos cociñados arrefrien completamente antes de metelos, para non traballe de máis. Lembra que a súa temperatura óptima é de 6-7º, e a do conxelador, -18º.
  3. Revisa a despensa: sempre hai cousas que quedan no fondo das baldas e nunca máis te lembras delas. As conservas e tetrabriks adoitan estar bos ben pasada a súa data de caducidade: comproba se a súa textura, cor e cheiro son os habituais. Se hai dúbida, entón mellor tiralos, pero dálles unha oportunidade.
  4. Compra moita carne e conxélaa en porcións: moitos supermercados e carnicerías teñen ofertas se levas un ou dous quilos, así que é boa idea compralos e ao chegar a casa, cortar anacos segundo o que pensemos cociñar e conxelalos. Lembrade que é mellor desconxelar no frigorífico ou no mesado que no microondas, e que a carne desconxelada non debería ser conxelada outra vez, xa que hai risco de que colla demasiadas bacterias no proceso.
  5. Aproveita todos os restos que poidas: o mellor para aforrar é cociñar segundo os ingredientes e non segundo receitas moi concretas. Se tomaches un polo asado, podes usar os ósos para facer un saboroso caldo de polo, ou eses tomates que xa non valen para facer ensalada ben poden valer para un mollo caseiro. Botalle imaxinación!

PD: non tiña ningunha foto propia, así que usei ista dunha radio canadiense.


Cinco trucos para facer cun limón

Os limóns son orixinarios de Asia, e aínda que eran coñecidos por gregos e romanos, a súa expansión pola península ibérica produciuse durante a dominación árabe. Unha das froitas máis utéis para condimentar pratos doces e salgados, ten moitos máis usos: velaiquí algúns deles ;)

  1. O zume de limón é un antiseptico, se queredes lavar ben as verduras sumerxídeas nun bol con auga e zume de limón, despois aclarádeas con auga da billa. Tamén serve para desinfectar feridas pequenas, se aguantades a dor...
  2. Se xuntades limóns con craveiras da India teredes un poderoso desodorante para o frigorífico: cortade os limós en dous e pinchade 5 ou 6 craveiras en cada metade: o cheiro reseso tan típico das neveiras desaparecerá.
  3. Podedes usar o zume de limón como abrillantador de lavalouzas: máis barato, e máis ecolóxico!
  4. Tamén o podedes empregar para rebaixar o sabor das cebolas crúas: Cortádeas en láminas en deixádeas repousar con zume de limón durante 15 ou 20 minutos. E xa non pican!
  5. Se polo que sexa non precisades moito zume e non queredes cortar o limón porque ha secar, podedes chunchalo mediante unha agulla de calcetar: simplemente pinchade nunha punta do limón e premede ata que saia o zume.

E vós, coñecedes máis trucos con esta marabillosa froita? Escríbideos nos comentarios, ou no Twitter!


Cinco trucos para facer ben a pasta

Un deses pratos que tanto avío fan e que poden mellorar moitísimo cuns pequenos trucos: Os macarróns foron unha das primeiras cousas que cociñei na vida, e durante moito tempo, a miña comida "boa-e-rápida" era pasta con tomate e atún. Como se trata dun ingrediente relativamente novo no nosa gastronomía, hai moitos mitos e falsas verdades ao respecto da forma de cociñala.

Despois do éxito dos trucos para facer tortilla, imos cunha pequena lista para que vos saian uns pratos de pasta...deliciosos! podédelos por en práctica facendo pasta con espinacas e mascarpone, ou spaghetti alle vongole! Xa contaredes que tal vos sae ;)

    • O primeiro é comprar unha boa pasta. As marcas brancas e a que empeza por Ga- e remata por -llo soen ser moi finas e quedan gomosas ao coceren. A diferencia de prezo pode ser máis do dobre, pero se tendes en conta que dun paquete saen 5 racións, a diferencia por prato pode ser de 15 ou 20 céntimos, e a diferencia no padal ben que se nota! As miñas recomendacións de marcas serían, sen orde de preferencia: Barilla, De Cecco e Garofalo, todas elas dispoñibles en supermercados grandes. Unha excepción das marcas brancas é o Lidl, que ten moi bos tallaríns e nidos da súa propia marca. Os gnocchi frescos son moi recomendables tamén!*

 

    • Para cocer a pasta só cómpre auga e sal. O de botarlle aceite e/ou loureiro non serve para nada, xa que a cocción é curta e non se vai absorber. Para que non se pegue hai que remexer unha ou dúas veces mentres o coce e...

 

    • Usar unha pota adecuada: ha de ser grande dabondo para que caiba un litro de agua por cada 100 gramos de pasta, e preferiblemente cunha base pequena e alta, para que a pasta coza mellor. Normalmete nos paquetes xa veñen instruccións de tempo para que que al dente ou suave, iso xa vai para gustos, pero calculade tamén que se lle engadides mollo quente e remexedes, vaise abrandar un chisco.

 

    • Ao escorrer a pasta non fai falta botarlle auga fría: só é útil se a ides gardar para o día seguiente ou para ensalada de pasta, porque serve para que a pasta non abrande máis. A miña recomendación e que a cozades al dente e usedes a pota para quentar o mollo antes de volver engadir a pasta e remexer durante un minuto, para que ligue ben e quede todo ben repartido.

 

    • Por último, só recordar que hai moitas combinacións ademáis que non inclúen nen tomate nen queixo relado. Podedes facer un rustrido, poñela con carme picada, pementa, salmón... as posibilidades son infinitas!

 

pasta4

Coñeces máis trucos ou recomendacións? Deixádeas nos comentarios ou no Twitter!

*PD: Non recibo pago ningún do Lidl, nen de outras marcas. Se chega o día que alguén me queira pagar por aparecer nos artigos, avisareino coma é debido :)

PD-2: A imaxe que ilustra o post é desta web