Brócoli con cous-cous, pasas e noces

O brócoli nunca foi unha verdura que me gustase moito ata hai un par de anos, pero agora non podo parar de argallar receitas con el! Penso que o problema é que sempre o cocía de máis, e así perdía moito do seu sabor. Refogado nunha tixola está delicioso, e desta vez aproveiteino para facer un cous-cous vexetariano que será a ledicia de estudantes e todos aqueles que queiran preparar unha cea rápida.

Para ver cómo se fai una pizza con brócoli, aquí vai unha ligazón. Se pola contra o que vos interesa é o cous-cous, ide mellor a esta receita on polo e verduras.

Recomendación: se vos gusta o queixo azul intenso-pero-non-moito, non deixedes de probar o de Sara&Lara, está riquísimo!

Ingredientes (para 4 racións, aproximadamente)

Un brócoli pequeno

250 gr. de cous-cous

250 ml. de auga

75 gr. de uvas pasas

75 gr. de noces

75 gr. de queixo azul

25 gr. de manteiga

Un tercio de pastilla de caldo

Sal e pementa

  1. Lavamos e cortamos o brócoli, quitándolle todas as pólas.
  2. Disolvemos a pastilla de caldo na auga.
  3. Nunha tixola grande derretemos a manteiga a lume medio. Cociñamos o brócoli (ben partido en anacos) durante 3 ou 4 minutos, ca tapa posta.
  4. Botamos as pasas, o sal e a pementa e a auga, deixámolo cocer un par de minutos máis e engadimos o cous cous. Apagamos o lume e deixámolo tapado un minuto.
  5. Engadimos o queixo en anacos e as noces, remexemos. Se quedase un pouco seco, podemos engadir un pouco máis de manteiga, ou un chisco de aceite de oliva.
  6. Estará mellor ao día seguinte, e aguanta dous ou tres días máis gardado na neveira.

Que aproveite!

brocoli_2

brocoli_1


cous-cous

Cous cous con polo e verduras

Cando comecei a cociñar máis "en serio" o que facía era apuntar unha receita, comprar tódolos ingredientes e facela. Ao final sempre sobraba algo e co tempo aprendín a improvisar receitas con ingredientes soltos, que resulta moito máis proveitoso.

Esta receita xurdiu para aproveitar carne de polo e un tomate, ao que lle engadín porro cortado, e tamén patacas fritidas para un efecto döner kebab :D A verdade é que é unha receita moi fácil e queda moi boa.

En Marrocos o xeito tradicional de presentar o cous cous é facendo unha piramide e colocando o resto do prato arredor. Probei a moldealo cun molde de repostería de silicona, de aí que lle quedasen eses furaquiños. Tamén se pode facer media esfera cunha cunca grande, igual que o arroz tapado.

Ingredientes (para dúas racións)

250 gr. de cous cous

250 ml. de caldo de polo

1 filete grande de peituga de polo

1 porro

1 tomate pequeno

1 pataca pequena

1 culler de manteiga

Un chisco de aneto

3 culleres de aceite de oliva

Sal e pementa

  1. Poñemos a unha tixola ao lume cunha culler de aceite de oliva.
  2. Cortamos o porro en rodas finas e botámolo na tixola. Dourámolo a lume medio. Cortamos o tomate en dados e engadímolo á tixola.
  3. Pelamos e cortamos a pataca en láminas moi finas. Apartamos a verdura a un lado da tixola, botamos dúas culleres de aceite no outro, e cando estea quente, douramos as patacas (teñen que estar cortadas moi finas).prep1
  4. Cortamos o polo en anacos pequenos, botámoslle o sal e a pementa e pasámolo pola tixola co resto dos ingredientes. Cando estea cocido, retiramos todo a un prato.prep2
  5. Sen lavar a tixola (para aproveitar o sabor) poñemos o caldo de polo a ferver. Cando estea, retirámos a tixola do lume e botamos o cous cous ca manteiga e o aneto. Remexemos un chisco e deixamos estar 3 minutos, ata que dobre o seu tamaño.
  6. Nun bol ou molde facemos una forma co cous cous. Colocámola no centro dun prato e decoramos co rustrido arredor.couscous1

Que aproveite!


Cous cous doce con te, dátiles e granada

Aquí vai unha alternativa para os que estades fartos do arroz con leite, un cous cous moi cargadiño, que ten un sabor e unha historia moi especial. Igual que o polo con granada, é unha receita andalusí. Esta recuperouse faise relativamente pouco, ao mover unha mesa para redecorar un restaurante en Granada: cando o moble levou un golpe seco, abriuse un compartimento onde había un manuscrito con receitas antigas. A esta sobremesa chamáronlle o "prato das tres relixións" por seren apto para musulmáns, xudeus e cristiáns.

Ingredientes (para catro racións)
200 gr de cous cous
200 ml. de leite enteiro
1 granada
50 gr. de manteiga
1 culler de azucre
30 gr de dátiles en anacos (pódense cambiar por pasas)
Amendóas e avelás ao gusto (tamén valen noces ou piñóns)
Pel de medio limón ou de media laranxa
1 bolsiña de te clásico
Canela e azucre glas para decorar

  1. Lavar e cortar os dátiles en anacos pequenos. Deixar cinco ou dez minutos en auga para que abranden.
  2. Nunha pota poñemos o leite a ferver o azucre ca pel do limón e a bolsa de te durante cinco minutos.
  3. Cando o leite estea morno, retiramos a pel do limón e a bolsa de te.
  4. Engadimos o cous cous xunto ca manteiga derretida, remexemos e tapamos a pota. Remexemos de cando en vez  ata que os grans chunchen todo o líquido.
  5. Deixamos tapado o cous cous, colocando un pano entre a tapa e a pota para que manteña a humidade.
  6. Cando estea completamente cocido (ver instruccións do paquete) engadimos os grans da granada, os dátiles e os froitos secos: neste caso son avelás e noces, pero podedes botar tamén améndoas torradas, piñóns, etcprep2 prep1
  7. Remexemos cunha culler e servimolo a temperatura ambente, decorado cun chisco de azucre glas e canela moída.

cous1

Podedes ler a historia completa e a receita orixinal (que eu modifiquei un chisco ao meu gusto) neste artigo.

Que aproveite!