Crema de plátano e manga, con noces

Unha sobremesa espectacular e barata! Esta crema de plátano e manga tamén serve de merenda ou de almozo, que rica está! A base é a da crema de ovo, pero cun toque fresco pola fruta e crocante pola decoración de noces.

Se vos gustan as cremas e mousses, botádelle un ollo a esta mousse de limón, a esta de manga, ou a esta lambetada máxima que é a torta de mousse de café e chocolate. E se vos sobran claras, podedes facer este biscoito de arandos, un éxito asegurado!

Ingredientes (para 5-6 racións)

3 plátanos ben maduros

Media manga grande, ben madura

400 ml. de leite

200 ml. de nata para bater

100 gr. de azucre

4 xemas de ovo

100 gr. de fariña

2 culleres de manteiga tépeda (opcional)

40 gr. de Maizena

Un belisco de sal

Noces ou froitos secos para a decoración

  1. Pelamos e cortamos os plátanos, pasámolos pola batedora xunto ca manga (tamén cortada) ata faceren un puré.
  2. Nunha pota mediana, a lume medio, botamos o leite, a nata, 50 gr de azucre, a Maizena e a fariña (tamizada cun escoador se tivese grumos) e o sal.
  3. Remexemos cunha culler de pau ata que comece a ferver e espesar. Retiramos do lume.
  4. Engadimos o puré do paso 1, as xemas e manteiga (para darse un toque extra-cremoso, é opcional). Volvemos quecer a lume medio, sen deixar de remexer, durante 5 minutos.
  5. Botamos a masa nun bol, e colocámolo nunha bandexa ou bol máis grande con auga ben fría. Remexemos un pouco, ata que a mestura estea fría.
  6. Dividimos a crema en vasiños, tapámolos con film transparente e deixamos no frigorífico a lo menos 4 horas, aunque o ideal sería deixalo un día enteiro.
  7. Decoramos cas noces partidas (ou avelás torradas, améndoas, etc.) e servimos.

Que aproveite!

 


Crema de ovo

A receita de hoxe é un clásico en moitos fogares e restaurantes de España: a medio camiño entre a crema pasteleira e o flan, a crema de ovo (coñecida pola maioría da xente coma natillas) é unha sobremesa moi saborosa e dixestiva, aporta moitas calorías para estes días de inverno e o ingredientes son ben doados de atopar ;)

Podedes cambiar as ramas de vainilla por unha de canela, e experimentar ca decoración: no canto de galletas eu usei biscoitos saboianos (ou de soletilla) pero teño pendente probar con cacao en po, noces moídas... e se tivese un soprete, tería feito crema catalá! Pero iso queda xa para outra vez...

Ingredientes (para 8 racións)

800 ml. de leite enteiro

8 xemas de ovo

300 gr. de azucre

3 culleres de Maizena

2 ramas de vainilla

Un belisco de sal

Canela e galletas para decorar

 

  1. Botamos o leite cas ramas de vainilla nunha pota. Quecemos ata ferver e retiramos do lume e deixamos arrefriar.
  2. Nunha pota máis grande batemos as xemas de ovo, a Maizena, o sal e o azucre ata facer unha pasta. Poñemola a cocer a lume medio.
  3. Retiramos as ramas de vainilla e botamos o leite a modiño na pota do paso dous, sen deixar de remexer.
  4. Cando a crema acade unha textura espesa, apagamos o lume e deixamos repousar un par de minutos.
  5. Colocamos a crema nos recipientes e deixamos arrefriar a temperatura ambiente.
  6. Servimos os vasos (ou cuncas) decorados con canela en po e unha galleta.

crema-de-ovo3 crema-de-ovo2 crema-de-ovo1