Galletas de espelta, dátiles e améndoas

O trigo de espelta, tamén chamado trigo vermello, vén collendo moita sona nos últimos anos polas súas propiedades dixestivas: contén moitas vitaminas e provoca menos reacción alérxica có trigo común. Aínda así, os celíacos non poden comelo porque segue a ter glute.

Estas galletas foron un intento de facer repostería vegana, e estou moi contenta co resultado: non son moi doces, mais teñen un sabor moi intenso e unha textura moi crocante. Ademáis, son moi doadas de facer, non cómpre batedora sequera! A fariña de espelta véndena en tendas de alimentación natural e nalgunhas panaderías, o leite vexetal pode ser de soia ou de améndoa, atópase en case todos os supermercados ;)

Ingredientes (para 30 galletas pequenas, aproximadamente)

250 gr. de fariña de espelta

125 ml. de aceite de xirasol

80 gr de dátiles picados

80 gr. de azucre de caña

80 ml. de leite vexetal

50 gr. de améndoas laminadas

1 culleriña de bicarbonato sódico

1 chisquiño de sal

  1. Se tendes dátiles enteiros, poñédeos a remollo durante 30 minutos, para que sexan máis doados de picar.
  2. Prequecemos o forno a 180º.
  3. Nun bol mesturamos todos os ingredientes AGÁS o aceite, e remexemos ben.
  4. Engadimos o aceite e remexemos ben cunha culler, ata que quede unha pasta homoxénea. Mesturará de seguida, e aínda que pareza un pouco esfarelada, se toda ten a mesma cor, vale.
  5. Colocamos papel de forno nunha bandexa.
  6. Coa axuda da culler e coas mans, facemos bolas do tamaño dunha noz grande, esmagámolas un pouco e colocámolas na bandexa, deixando 3 cm de espacio entre elas.  Dá para dúas quendas de forno: máis ou menos caiben 15 galletas na bandexa.
  7. Cocemos no forno durante 15-20 minutos, ou ata que estean douradas polas beiras.

Que vos parecen? Fixestes algún intento de repostería vegana?

galletas_espelta2


Cous cous doce con te, dátiles e granada

Aquí vai unha alternativa para os que estades fartos do arroz con leite, un cous cous moi cargadiño, que ten un sabor e unha historia moi especial. Igual que o polo con granada, é unha receita andalusí. Esta recuperouse faise relativamente pouco, ao mover unha mesa para redecorar un restaurante en Granada: cando o moble levou un golpe seco, abriuse un compartimento onde había un manuscrito con receitas antigas. A esta sobremesa chamáronlle o "prato das tres relixións" por seren apto para musulmáns, xudeus e cristiáns.

Ingredientes (para catro racións)
200 gr de cous cous
200 ml. de leite enteiro
1 granada
50 gr. de manteiga
1 culler de azucre
30 gr de dátiles en anacos (pódense cambiar por pasas)
Amendóas e avelás ao gusto (tamén valen noces ou piñóns)
Pel de medio limón ou de media laranxa
1 bolsiña de te clásico
Canela e azucre glas para decorar

  1. Lavar e cortar os dátiles en anacos pequenos. Deixar cinco ou dez minutos en auga para que abranden.
  2. Nunha pota poñemos o leite a ferver o azucre ca pel do limón e a bolsa de te durante cinco minutos.
  3. Cando o leite estea morno, retiramos a pel do limón e a bolsa de te.
  4. Engadimos o cous cous xunto ca manteiga derretida, remexemos e tapamos a pota. Remexemos de cando en vez  ata que os grans chunchen todo o líquido.
  5. Deixamos tapado o cous cous, colocando un pano entre a tapa e a pota para que manteña a humidade.
  6. Cando estea completamente cocido (ver instruccións do paquete) engadimos os grans da granada, os dátiles e os froitos secos: neste caso son avelás e noces, pero podedes botar tamén améndoas torradas, piñóns, etcprep2 prep1
  7. Remexemos cunha culler e servimolo a temperatura ambente, decorado cun chisco de azucre glas e canela moída.

cous1

Podedes ler a historia completa e a receita orixinal (que eu modifiquei un chisco ao meu gusto) neste artigo.

Que aproveite!