Cheesecake con marmelada de níspero

Despois dun pequeno retraso (estas semanas xuntaseme moito traballo, e teño menos tempo para actualizar do que me gustaría), voltamos cunha sobremesa moi xeitosa: cheesecake con marmelada de nísperos! En realidade pode ser de calquera sabor, os máis parecidos a este serían a marmelada de ameixa ou a de albaricoque, pero se vos gusta experimentar, probade con laranxa amarga, ou cenoura, seguro que está boísima.

O queixo crema que useo foi o Philadelphia, pero podedes usar outro tipo, coma o mascarpone. Nas fotos a base sae un chisco esfarelada porque só estivo no frigorífico 6 horas, se a deixades toda a noite, evitaredes ese problema. Se queredes ver máis doces sen forno, pasádevos por esta receita de mousse de manga, ou esta torta de mousse de chocolate e café!

Ingredientes (para 8-10 racións, un molde de 24 cm de diámetro)

300 gr. de queixo crema

250 gr. de marmelada

200 ml de nata de bater (35% MG)

100 gr. de azucre

Zume de dous limóns

3 follas (ou medio sobre) de xelatina neutra

Para a base

200 gr de galletas tipo Dixestive

85 gr. de manteiga tépeda

50 gr. de améndoa moída

  1. Nunha trituradora, ou a man, picamos as galletas moi finiñas, mesturámolas ca améndoa e a manteiga.
  2. Colocamos papel de forno no molde desmontable e estendemos a masa do paso 1, apretando cunha culler ata que quede unha superficie lisiña. Gardamos no frigorífico.
  3. Disolvemos a xelatina en 60 ml de auga.
  4. Nunha tixola botamos dúas culleres de marmelada, a xelatina (se son láminas quitádelle a auga) e o zume de limón. Quecemos a lume alto ata que ferva, apagamos e deixamos arrefriar.
  5. Nun bol grande batemos a nata, tendo conta que non monte de todo, interésanos que quede un pouco solta.
  6. Noutro bol, mesturamos o queixo crema co contido da tixola. Remexemos a modiño ata formaren unha masa homoxenea.
  7. Engadimos a nata en dúas ou tres quendas, mentres batemos cunhas variñas.
  8. Sacamos o molde do frigorífico e estendemos o contido do bol alisándoo cunha culler por riba.
  9. Deixamos repousar a lo menos 8 h.
  10. Estendemos o resto da mermelada, e xa está listo para servir.

Que aproveite!

cheesecake-nisperos-1


Torta de queixo do Cebreiro

Os que ledes este blog dende o principio xa sabedes que eu son moito de meter cousas nos queiques e tamén moi fan do queixo do Cebreiro, así que era unha cuestión de tempo que se xuntaran as dúas cousas ;) Se non tendes este queixo, podédelo cambiar por requeixo ou algún outro queixo cremoso.

Esta torta é moi doada de facer (non está na sección "Especial badocas" por nada!) e ten un sabor moi suave que seguro que lle gusta ata a aqueles que non gustan do queixo. Podédela acompañar de mel, marmelada de froitos vermellos, marmelo ou noces. En calquera caso, está deliciosa!

Ingredientes (para 6 racións, aproximadamente)

3 ovos

150 gramos de queixo do Cebreiro

1 iogur grego

1 medida (de iogur) de azucre

1 medida e cuarto de fariña

2 medidas de leite gordo (enteiro)

Un belisco de sal

Un chisco de manteiga ou aceite de xirasol para engraxaren o molde

  1. Prequentamos o forno a 180º
  2. Quentamos un pouco o queixo no microondas, para que abrande, pero sen chegar a derreter.
  3. Nun bol batemos todos os ingredientes ata formaren unha crema homoxenea.
  4. Engraxamos o molde (eu usei un de 20 cm de diámetro e aínda sobrou un pouco para outro máis pequeno).
  5. Botamos a crema, deixando un par de centímetros de marxe co borde superior do molde. A masa ha subir bastante, e non queremos que saia polas beiras.
  6. Cocemos no forno ata que quede dourado/marrón polas beiras, e a parte do centro un pouco máis branda. Así queda máis cremosa: se vos gusta sequiña, deixádea un pouco máis no forno.
  7. Deixamos arrefriar, e cando estea completamente fría (ha baixar todo o que subiu no forno), servímola.

Que aproveite!

torta-queixo--1 torta-queixo-2 torta-queixo-3


Crema de ovo

A receita de hoxe é un clásico en moitos fogares e restaurantes de España: a medio camiño entre a crema pasteleira e o flan, a crema de ovo (coñecida pola maioría da xente coma natillas) é unha sobremesa moi saborosa e dixestiva, aporta moitas calorías para estes días de inverno e o ingredientes son ben doados de atopar ;)

Podedes cambiar as ramas de vainilla por unha de canela, e experimentar ca decoración: no canto de galletas eu usei biscoitos saboianos (ou de soletilla) pero teño pendente probar con cacao en po, noces moídas... e se tivese un soprete, tería feito crema catalá! Pero iso queda xa para outra vez...

Ingredientes (para 8 racións)

800 ml. de leite enteiro

8 xemas de ovo

300 gr. de azucre

3 culleres de Maizena

2 ramas de vainilla

Un belisco de sal

Canela e galletas para decorar

 

  1. Botamos o leite cas ramas de vainilla nunha pota. Quecemos ata ferver e retiramos do lume e deixamos arrefriar.
  2. Nunha pota máis grande batemos as xemas de ovo, a Maizena, o sal e o azucre ata facer unha pasta. Poñemola a cocer a lume medio.
  3. Retiramos as ramas de vainilla e botamos o leite a modiño na pota do paso dous, sen deixar de remexer.
  4. Cando a crema acade unha textura espesa, apagamos o lume e deixamos repousar un par de minutos.
  5. Colocamos a crema nos recipientes e deixamos arrefriar a temperatura ambiente.
  6. Servimos os vasos (ou cuncas) decorados con canela en po e unha galleta.

crema-de-ovo3 crema-de-ovo2 crema-de-ovo1


Queique de marmelo

Cando digo marmelo refírome á pasta, non á froita. Todo un clásico nos fogares galegos, faise en outono e dura case todo o ano: se se toma sempre con queixo pode chegar un punto de saturación...Igual que me pasou a min hai uns días.

Como resultado da investigación de receitas novas co marmelo saiu este queique. A súa textura é un pouco especial: a xelatina que contén o marmelo fai que non soba tanto coma outros queiques e quede máis denso e "areoso". É ideal para tomar cun té ou cun café, xa que o sabor non é demasiado intenso, e se lle sumamos o arrecendo a canela... está incrible!

Ingredientes (para un molde de 24 cm. de diámetro)

250 gr. de marmelo

3 ovos

180 gr de fariña

80 ml. de aceite de oliva

100 ml. de leite gordo (enteiro!)

Unhas pingas de zume de limón

9 gr de fermento (tipo "Royal")

Un belisco de sal

1/4 de culleriña de canela

Aceite de xirasol para engraxar o molde

Azucre glass ou améndoas para decoraren

  1. Prequentamos o forno a 180º
  2. Nun bol ou nunha pota, quentamos o marmelo co zume de limón: pode ser ao lume ou no microondas, con que estea tépedo abonda.
  3. Coa batedora de variñas, remexemos a pasta cos ovos, o aceite e o leite ata que quede un líquido uniforme.
  4. Mesturamos a fariña e o fermento nun prato fondo e engadímola aos poucos no líquido do paso 3.
  5. Engraxamos o molde e metémolo a cocer no forno durante  30 min., ou ata que estea ben dourado por riba e ao meter unha agulla de calcetar (ou coitelo) saia seca.
  6. Deixamos arrefriar antes de consumir.

Que aproveite!

queique_marmelo_2


Polo rebozado ao mel

Polo rebozado ao mel

Xa sabedes que o polo é unha das miñas carnes favoritas*: vai ben con case todo! Desta vez probei a facer unha combinación doce-salgado, ademáis de crocante, e quedou super ben! Os filetes están bos só co rebozado, pero o mollo fai un contraste delicioso: é adictivo!

Se vos sobra mollo, coma me pasou a min, podedes probalo con filetes de porco, ou incluso de pato. Ou máis sinxelo: como acompañamento para un arroz ou un puré de patacas.

A receita é unha adaptación desta, pero cunhas proporcións máis axeitadas á xente que non vive en Norteamérica (menos mollo, menos fariña e menos ovo :D)

Ingredientes (para 2 ou 3 racións):

400 gr. de filetes de peito de polo

150 gr. de fariña

1 ovo grande, batido

1 culleriña de tomiño

1 cullleriña de ourego

1/2 culleriña de pementón

Sal e pementa

300 ml de aceite de xirasol, pra fritir

Para o mollo:

100 ml. de mel

2 culleres de mollo de soia

1 dente de allo, picado todo o que poidades

1 culler de Maizena

  1. Botamos o mel, a soia e o allo nunha tixola. Quecemos a lume medio durante 15 minutos.
  2. Nun vaso con 50 ml. de auga disolvemos a Maizena e engadimos esta mestura á tixola. Remexemos un par de minutos e retirámola do lume.
  3. Nun prato fondo, mesturamos a fariña e as especias. O ovo ha de estar noutro prato fondo, a carón.
  4. Se os filetes son moi largos, cortámolos en tiras: así collerán máis rebozado. Botámoslles sale e pementa, pasámolos polo prato da fariña, polo do ovo batido e outra vez na fariña, premendo ben para que quede compacto.
  5. Quecemos o aceite de xirasol nunha tixola pequena, cando estea ben quente botamos a fritir o polo. Con 2 ou 3 minutos por cada lado é dabondo, non fai falla que quede marrón.
  6. Retirámolo a un prato cuberto con papel de cociña.
  7. Servimos nos pratos: podedes botar o mollo por riba ou poñelo nunha cunca, por se a alguén non lle gustase (hai xente pra todo).

Que aproveite!

polo-rebozado-3 polo-rebozado-1

*"Eu o que quero é polo" non quedaba moi ben coma nome, pero é así...