Galletas de millo á moda brasileira

Estas galletas coñécense en Brasil coma "biscoitos de fubá", e son desas receitas tan típicas que teñen miles de versións. Para facelas cómpre fariña de millo, pero non da que se fai o pan de millo (cada vez máis difícil de atopar, por certo) senón a peneirada para repostería, que se vende na maioría de supermercados e tendas de alimentación (tamén se pode comprar en Portugal co nome de fariña de fubá).

Os que seguides este blogue xa sabedes que lle dámos moi forte o tema de queiques e galletas, os que acabades de chegar, podédesvos pasar por esta receita de galletas de millo con chocolate, este queique de millo e mascarpone, ou estas espectaculare galletas veganas.

Ingredientes (para 14-15 pezas coma as da foto do final do artigo)

375 gr de fariña de millo

125 gr de fariña de trigo

125 gr de azucre

125 gr de manteiga tépeda

4 xemas de ovo

2 culleres de leite gordo (enteiro)

Unha culleriña de extracto de anís (opcional)

Un belisco de sal

Un chisco de azucre glas e canela en po mesturados, para decoraren.

  1. Mesturamos os ingredientes nun bol grande e mesturamos coas mans. Se quedase tan seco que non despega das paeredes do bol, podemos engadir un chisco máis de leite.
  2. Deixamos repousar 15 minutos no frigorífico.
  3. Prequecemos o forno a 170º, por riba e por baixo.
  4. Colocamos papel de forno nunha bandexa
  5. Cun trebello de bolas de xeado (se non tendes, usade dúas culleres para coller unha cantidade algo máis pequena que unha pelota de golf) facemos bolas e colocámolas na bandexa a 4 ou 5 cm unhas doutras. Esmagámos un pouco cun garfo para aplanalas.
  6. Cocemos durante 10 ou 15 minutos, ata que comecen a dourar por riba. Retirámolas a unha bandexa de reixas para que lles dea o aire por baixo.
  7. Mentres están quentes e na reixa, esparexemos o azucre e a canela por riba, ao gusto.
  8. Gardámolas nun recipiente hermético, aguantan de 3 a 6 días en bo estado dependendo da humidade do lugar.

Que vos parece? Fixestes a proba? Deixa a túa experiencia no comentarios, ou no noso Twitter.


Mega-galleta de noces

Agora que vai frío e za esquecemos as enchentas de Nadal, toca unha larpeirada perfecta para facer un domingo pola tarde e ter doce para toda a semana. Como é tan doada, é ideal para facer cos cativos, que de seguro han disfrutar facéndoa e sobre todo, rachándoa logo para comela :)

Se sodes tan fans das galletas caseiras coma min, pode que vos interese a receita destas cookies de chocolate, ou de  pexego e noces de Macadamia. Ou de manteiga e vainilla. En todo caso, hai unha sección adicada a elas, só tendes que premer nesta ligazón. PD: Quero aproveitar para darlle as grazas á miña nai pola receita, e por facer a mostra que vedes nas fotos!

Ingredientes (para unha galleta do tamaño dunha bandexa pequena)

200 gr. de fariña (de trigo, normal)

200 gr. de azucre

200 gr. de manteiga

2 ovos

1 culleriña de fermento químico (tipo Royal)

Unha taza de noces peladas e picadas, (pero non moídas!)

Un belisco de sal

  1. Deixamos a manteiga a a temperatura ambiente e mesturámola co azucre.
  2. Engadimos os ovos enteiros, sen batilos antes. Remexemos cun garfo durante 1 minuto.
  3. Engadimos a fariña mesturada ca levadura e batimos un pouco máis co garfo. Por último, engadimos as noces-
  4. Prequecemos o forno a 180º, por arriba e por abaixo.
  5. Colocamos papel de prata, ou de forno, sobre unha bandexa negra de forno.
  6. Estedemos a masa coa axuda dunha culler, tendo conta para que non quede moi pegada aos bordes.
  7. Cocemos no forno a altura media, se torra moito por riba, baixamos a temperatura a 150º.
  8. Cando estea ben dourado por riba, sacámolo do forno e deixamos arrefriar nun mesado.
  9. Imos collendo anacos segundo apeteza.

Que aproveite!

galleta-noces

galleta-noces-2


Crumble de ameixas

O crumble é unha receita moi popular en Gran Bretaña, fíxose popular na Segunda Guerra Mundial, cando o racionamento: ao non haber fariña e leite suficiente para facer as tortas tradicionais empregábase unha sinxela cobertura feita de fariña, azucre e manteiga sobre unha base de froita.

É unha sobremesa moi sinxela, ideal para facer cos nenos, e admite moitas variacións. As froitas máis tradicionais para facelo son a mazá, as ameixas, os arandos, o pexego e os amorodos (teño pendente probar a mesturar varias). Para a cobertura tamén se poden engadir froitos secos moídos ou galletas esfareladas, e o punto máis lambón: acompañala de nata montada ou líquida.

Ingredientes (para 4 ou 5 racións)

3 ameixas grandes, ou 4 pequenas

1 culler rasa de fariña.

1 culleriña rasa de canela en po

1 culler rasa de azucre moreno

Para a cobertura:

100 gr. de fariña

70 gr. de manteiga

2 culleres de azucre branco

2 culleres de azucre moreno.

  1. Prequentamos o forno a 180º
  2. Lavamos as ameixas, quitámoslle a semente e cortámolas en anacos moi pequenos. Podemolas pasar pola batedora, pero sen facer puré.
  3. Mesturámolas ca fariña, canela e azucre, remexendo cas mans.prep2 Colocámolas nunha fonte de cerámica ou cristal.
  4. nun prato mesturamos todos os ingredientes de cobertura cas mans, ata que quede unha textura areosa, de boliñas.prep1
  5. Cubrimos as ameixas, remexendo un pouco cos dedos para que as farelas da cobertura se metan nos ocos que haxa.prep3
  6. Cocemos durante 30-40 minutos, ata que a cobertura estea dourada.

Que aproveite!

2_crumble 1_crumble

 


Rolos doces de batata, laranxa e noces

Un dos meus descubrimentos máis recentes é a batata. Ás veces tomase asada ou en crema, o que non coñecía é a súa utilidade para repostería, seica en inglés lle chaman sweet potato. Para facer a masa precisades fariña de forza, tamén chamada "de panadeiro" : fai que levede mellor e aguante mellor o amasado. Véndena en case todas as panaderías. O fermento seco véndeno nalgúns supermercados e en tendas especializadas en produtos naturais.

Estes rolos son unha das receitas máis complicadas ate o de agora, por iso puxen fotos de tódolos pasos importantes. Se seguides todos os pasos non ha ser difícil, pero tede en conta que levará unhas 3 horas polo menos. Mellor deixala para a fin de semana ;) Se queredes facer doces con froita máis doados, probade este queique de mazá, ou este de amorodos.

Ingredientes (para 12 pezas)

1 batata grande (250 gr.)

250 ml de leite 50 gr. de manteiga

2 culleradas rasas de azucre

Reladura dunha laranxa

Zume dunha laranxa

650 gr. de fariña de forza

1 culleriña de sal

4,5 gr. de fermento seco (medio sobre)

Aceite de xirasol para amasaren

Para o recheo:

100 gr. de noces peladas e picadas

100 gr. de azucre de caña

2 culleriñas de canela moída

Flocos de manteiga (fanse cun coitelo cando está fría)

  1. Pelamos a batata, cortámola en rodas finas e despois en anacos pequenos. Pasámola pola trituradora ata formaren unha pasta. Tamén podédela relar a man.rolos_boniato_prep1
  2. Quentamos o leite ata que estea a piques de ferver. Engadimos a pasta de batata, a manteiga, o azucre, a reladura e o zume da laranxa e remexemos.
  3. Deixamos repousar ata que estea a temperatura ambiente, engadimos o sal, o fermento e a fariña. Remexemos ben e deixamos repousar 10 minutos.
  4. Untamos o mesado co aceite de xirasol (mellor usade un pano de papel) e vertemos a masa. Amasámola a modiño durante 5 minutos e volvemos a metela no bol. Tapamos cun film transparente e deixamos repousar durante unha hora, remexendo unha ou dúas veces cunha culler de pau.rolos_boniato_prep2
  5. Limpamos o mesado de aceite e esparexemos fariña. Botamos a masa do bol e amasamos ata que despegue ben das mans.
  6. Estendemos a masa facendo un rectángulo dun centímetro de grosor.rolos_boniato_prep2b Botámos as noces, a canela, o azucre e mailos flocos de manteiga.rolos_boniato_prep3
  7. Indo con conta, enrolamos a masa ata facer un cilindro. Cortamos en 12 rodas e colocámolas nunha bandexa con papel de forno. Deixamos repousar unha hora máis.rolos_boniato_prep4
  8. Prequentamos o forno a 180º e metemos a bandexa durante 20 minutos, máis ou menos, ata que os rolos douen por riba. Eu puxéno un pouco máis quente, e por iso quedaron un pouco máis churruscados por riba. AVISO: cada forno é un mundo, así que vixiade os rolos mentres cocen!

Que vos parece a repostería con boniato ou pataca? Probaste máis receitas deste tipo?rolos3rolos4

 


Cookies de chocolate

Esta semana temos unha receita ben clásica, non das de toda a vida, pero si duns doces que se consomen bastante hoxe en día, sobre todo na súa versión industrial. As cookies adoitan diferenzarse das galletas (ou biscoitos) tradicionais no tamaño pero tamén na textura: son máis brandiñas e idealmente han de quedar crocantes polas beiras e tenras no centro. Hai tempo que fixen unhas de pexegos con noces de macadamia, pero estas teñen a masa perfecta.

A receita é unha adaptación desta do blog de Nigella, unha famosa cociñeira británica cunha páxina da que son totalmente fan. Se non tendes trituradora ou non vos apetece esmagar o chocolate, aproveitade para compraren chips de chocolate, véndenas na sección de repostería dos supermercados grandes. Podedes cambiar o chocolate por noces ou uvas pasas ha quedar boísimo tamén!

Ingredientes:

100 gramos de manteiga, temperada

220 gr de azucre

2 culleriñas de extracto de vainilla

1 ovo, frio

1 xema de ovo, fria

50 ml de leite frio

300 gr de fariña

Media culleriña de bicarbonato

1 tableta de 125 gr. chocolate negro, ou con leite

  1.  Esmagamos a tableta de chocolate ata que escache en anacos mais ou menos regulares. Despois pasámola pola tritura dora ata que sexan máis pequenos (algo menos de 0,5 cm).
  2. Prequecemos o forno a 170º, e colocamos papel de forno na bandexa negra.
  3. Nun bol poñemos a manteiga e o azucre, batemos ata ter unha pasta homoxenea.
  4. Engadimos o leite, o ovo, o extracto de vainilla e maila xema, seguemos a bater ata volver ter unha cobertura homoxénea.
  5. Botamos os anacos de chocolate e a fariña aos poucos, mentres batemos.
  6. Por último, engadimos o bicarbonat e batemos un pouco máis.
  7. Coa axuda de dúas culleres, facemos boliñas e colocámolas na bandexa deixando 5 cm de espacio entre elas.
  8. Cocemos no forno durante 12-15 minutos, ata que douren polas beiras. Sacámolas do forno e deixámolas repousar 5 minutos na bandexa de reixas. Aínda que parezan moi brandas, cando arrefríen quedarán ben.

Podémolas gardar nunha tarteira (mellor que sexa hermética) e durarán 3 ou 4 días. Que aproveite!

 

cookies_choco_1