Polo con mollo de soia e noces

Esta receita é orixinaria de Corea, seica alí se toma como primeiro prato, ou para picar (non sei o nome orixinal, deuma un amigo e non dou con ela en Google...). Leva moito ingrediente pero é moi doada de facer, ten tres pasos! Hai que deixala enfriar, está máis boa ao día seguinte.

Avísovos que é unha vez que se empeza a comer, e ALTAMENTE ADICTIVO.

Ingredientes (para catro ou cinco persoas):

500gr. de peituga de polo cortada en dadiños de 3x3 cm.

2 culleres de fariña

Sal

Para o mollo

1-2 culleres de manteiga

2 culleres de ketchup

4 culleres de salsa de soia

6 culleres de auga

3 culleres de azucre

1 culleriña de pasta de chile - se non dades con ela podedes usar tabasco

2 culleres ben cheas de trociños de noces

Un chisco de pementón doce

  1. Enfariñar o polo, botarlle sal e fritir ata que estea dourado. Retirar nun prato.
  2. Nunha tixola, poñer os ingredientes do mollo todos xuntos, quentar a lume baixo e remexer ata que a salsa quede un pouco espesa. Apagar o lume.
  3. Botar o polo na tixola e remexer ben ata que colla todo o mollo. Pódese servir frío coma entrante, ou morno acompañado de arroz ou cachelos. en todos os casos, vai ser aditivo!

Que aproveite!

NOTA: Esta receita foi publicada orixinalmente en xullo de 2013, está ñe unha versión revisada, e con novas fotos.

polo-soia-3

polo-soia-2


Crema de mazá e apio

Esta semana traemos unha deliciosa crema de verduras e froita, moi lixeiriña para ir abrindo boca de verán. Podese tomar morna ou fría e unha vez feita, aguanta tres ou catro días no frigorífico. Ao levar apio, ten un sabor moi intenso por iso puxen un chisco de nata de cociña coma opcional, para rebaixar o sabor no caso de que vos resulte demasiado "apioso".

Se queredes botar un ollo a máis cremas de verén, podedes visitar este artigo de gaspacho de manga con polo, ou estoutro de crema de cogombros e iogur estilo grego.

Ingredientes (para 4 ou 5 racións)

1 feixe pequeno de apio

2 mazás, a poder ser das vermellas

1 cebola

6 culleres de aceite de oliva

Un belisco de tomiño

Media pastilla de caldo de polo ou de verduras

Sal

Un chisco de nata líquida (opcional)

  1. Pelamos e cortamos a cebola e o apio en anacos pequenos.
  2. Quecemos tres culleres de aceite nunha pota, e botamos a cebola. Cociñamos a lume medio ata que estean un pouco transparentes.
  3. Engadimos as mazás sen rabiño e sen pébedas (non cómpre pelalas, iso vai ao voso gusto), o caldo, o sal e o tomiño. Botamos auga ata que cubra os sólidos e cocemos durante 20-25 minutos.
  4. Deixamos arrefriar un pouco, engadimos o resto de aceite e maila nata e batemos ata obter unha textura homoxenea.
  5. Servimos acompañado dos froitos secos e un pouco de tomiño.

Que aproveite!

crema-maza-apio3


Crema de porro e pataca

Esta crema é moi típica en Gran Bretaña, e non é de estrañar, xa que ten un gusto moi agradecido e (como case todas as receitas que publicamos) é moi doada de facer.

Se queredes ver máis receitas con porros, podedes probar a facer este pastel grego. Se pola contra o que queredes son cremas de verduras das que tanto avío fan no inverno, botádelle un ollo a esta de cenoura e batata, ou a esta crema rubia de verduras.

Ingredientes (para 4 racións, aprox.)

2 porros grandes

2 patacas grandes, peladas.

1 pastilla de caldo concentrado de polo (ou de verduras)

2 culleres de aceite de oliva virxe extra

Pementa negra e nata líquida (18% MG) para decoraren

  1. Quitamos a parte verde dos porros, lavámolos e cortámolos en rodas de 2 cm.
  2. Nunha pota grande, quecemos o aceite e sofritimos os porros durante 5-10 minutos, ata que comecen a dourar.
  3. Botamos as patacas cortadas en rodas finas e o caldo e cubrimos con auga. Normalmente este xa ten moito sal, así que non cómpre botarlle máis.
  4. Cocemos durante 20 minutos, ata que as patacas queden brandas e comecen a desfacerse.
  5. Deixamos repousar un chisco e pasámolo todo pola batedora.
  6. Servimos decorado coa nata líquida e a pementa.

Que aproveite!

crema_porro_pataca


Albóndegas de carne mariñada con mostaza

Pódense comer frías como entrante, ou servir quentes con arroz ou puré de patacas. Mentres escribo, tamén se me ocorre metelas nun bocadillo con queixo e quentalo un pouco á prancha. Mhmmmm...

En todo caso, fan moito avío, xa que aguantan ben dous ou tres días no frigorífico, saben mellor ao día seguinte de facelas e son ideais para levar de picnic.

Ingredientes (para catro persoas, saen 18-20 albóndegas):

500 gr. de carne picada de vacún (tamén pode ser de porco, pero non queda tan ben)

40 gr. de pan (unha rebanda grande de molde, ou un anaco de 4 dedos dunha barra)

100 ml. (medio vaso) de leite

Un ovo grande

Media cebola

Unha culler de mostaza de Dijon.

Unha culler de prebe Perrins.

8-10 pingas de tabasco ou piri-piri

100 gr. de fariña

Aceite de oliva

Sal

  1. Quentamos o leite nun bol e botamos o pan. Deixamos reposar ata que chunche todo o líquido.
  2. Cortamos a cebola en anacos moi finos, o máis que poidamos.
  3. Salamos a carne e botámola nun bol, engadimos o pan co leite, o ovo, a cebola, a mostaza e as salsas.
  4. Batimos con dous garfos, esmagando ben a masa ata que que mesture ben. Leva un ratiño...Pódese usar a batidora, pero con coidado, non queremos que saia puré.
  5. Cas mans, facemos bolas pequenas e redondas (as grandes non frien ben, o tamaño ideal é un chisco máis grande que unha noz).
  6. Botamos a fariña nun prato e rebozamos as bolas nela.
  7. Quentamos o aceite nunha tixola, enchéndoa ata un pouco máis da metade. Cando estea moi quente, botamos as albóndegas. Cando estean douradas por unha metade, damoslle a volta. Non deben estar máis de 40 segundos: mellor que queden pouco feitas por dentro
  8. Retirámolas a un prato cun papel para que absorba o aceite sobrante. Deixamos enfriar.

albondega3

Que vos parecen? Alguén vai facer a proba?


Guacamole!

Algúns alimentos preparados e envasados están bastante ben (a salsa pesto...) pero hai outros que non teñen xeito ningún. O guacamole de bote NUNCA está bo, e co doada que é a receita, paga a pena a facelo un mesmo.

Hai mil millóns de receitas de guacamole, e non sei se esta será moi ortodoxa, pero é a que ten ingredientes que máis facilmente se atopan. Se queredes levar un entrante para unha cea ou un picnic, triunfades seguro.

Ingredientes (para un bol mediano, pican tres ou catro persoas):

2 aguacates maduros - a punta ten que estar un pouco fofa.

1 tomate pequeno, maduro

Media cebola

Un chisco de coandro

Unha culleriña de mel

Zume de medio limón

Sal

6 - 8 pingas de salsa tabasco

  1. Abrir os aguacates pola metade, retirar a semente e quitar a polpa cunha culler. Trocear e botar no bol.
  2. Picar os tomates en dadiños e a cebola moi fina. Botar ao bol xunto co coandro, o mel, o zume, o tabasco e un chisco do sal.
  3. Bater ca batidora ata que quede uniforme pero con algúns cachiños. Se vos gusta con anacos gordos, en vez de usar a batidora podedes esmagar todo cun garfo.
  4. Se queda moi acedo, podedes botarlle máis mel ou un pouquiño de azucre. Ás veces hai que correxir a cantidade de sal tamén.
  5. No caso de que non o consumades inmediatamente, metede a semente no medio do guacamole, medio fundida, e tapade con film de plástico (tocando a superficie do guacamole). Así evitaredes que oxide e saque unha cor marrón bastante desagradable.

Que aproveite!