Vieiras ao forno con xamón

Esta receita é un clásico na miña casa, e vén sendo unha mestura entre dúas receitas de vieiras do libro "Cocina gallega" de Álvaro Cunqueiro e Araceli Filgueira. Como podedes ver, non ten complicación ningunha, o máis difícil é lavar as vieiras, pero se as comprades conxeladas xa non fai falla.

Xa contaredes que tal vos sae!

Ingredientes (para 6 vieiras):

6 vieiras - frescas ou conxeladas

100 gr. de xamón en taquiños

100 ml. de aceite de oliva

1 cebola grande picada moi finiña

100 gr. de pan relado

Medio vaso de viño branco (opcional)

Sal

  1. Se as vieiras son frescas, abrímolas cun coitelo, despegándoas da cuncha plana e deixándoas na cóncava. Quitámoslle uns flecos que teñen e lavámolas cun chorro de auga fría. Escóase a auga e sazónanse con sal.
  2. Se son conxeladas, colocámolas nunhas cunchas, para decoraren. Isto é o que fixen eu.
  3. Quentamos o aceite nunha tixola e facemos un rustrido ca cebola e o xamón, a lume medio. Podemos engadir o viño branco neste paso, deixándoo cocer un chisco máis.
  4. Cubrir as vieiras co rustrido e bótarlle o pan relado por riba.
  5. Cocer no forno a 180º durante 15 minutos, ata que o pan comece a dourar.

Que aproveite!

vieiras1


Scones salgados con queixo e mostaza

Nun principio esta receita ía ser doce, pero como ultimamente xa probamos madalenas e cous-cous doce decidinme por unha versión salgada, ideal para tomar de merenda con pavo ou xamón, ou para acompañar unhas cervexas. Ou as dúas cousas á vez!

Os scones son unha receita orixinaria de Escocia e son moi típicos no Reino Unido como parte do high tea: a merenda cea. Sérvense abertos pola metade e recheos de manteiga e marmelada. Estes son unha adaptación desta receita de Jamie Oliver.

Ingredientes (para 7 ou 8 pezas)

250 gr. de fariña

75 gr. de manteiga fría

1 ovo

2 culleres de leite + 2 para "barnizar"

3 fatias de queixo

1 culleriña ben chea de mostaza en gran

1/4 de culleriña de comiño - opcional

1/2 culleriña de sal

  1. Prequentamos o forno a 220º
  2. Cortamos a manteiga en dadiños. Nun bol botamos a fariña e a manteiga e amasamos cas mans ata que semelle pan relado. Non cómpre amasar moito tempo, a manteiga non ten que derretir por completo. Facemos un oco no medio.
  3. Nun prato fondo batemos o ovo co sal, a mostaza e o comiño.
  4. Botamos o líquido no oco do paso 1 e remexemos cas mans de novo ata formaren unha masa homoxénea que se despegue facilmente das paredes do bol.prep1
  5. Botamos un chisco de fariña nun mesado, colocamos a bola de masa e esmagámola para que quede con grosor uniforme de 2- 2,5 cm.
  6. Preparamos unha bandexa con papel de forno.
  7. Ca axuda dun vaso sacamos círculos de masa e colocámolos na bandexa ca parte lisa cara arriba.prep2
  8. Botamos dúas culleres de leite no vaso, e cun pincel (ou cos dedos) barnizamos a parte superior dos scones.prep3
  9. Cocemos no forno durante 10 minutos, ou ata que estean dourados por riba. Se queredes que queden máis crocantes, deixadeos repousar sen nada, se vos gustan máis tenros, tapádeos cun trapo de algodón nada máis sacar do forno.

Que aproveite!

 


Madalenas de nata e noces

Un almorzo ou merenda ben calórico para estes días de frío. Non se me ocorre que dicir para presentalas, se as facedes, o sabor fala por sí mesmo! Só engadir un par de anotacións:

  • Con esta receita as madalenas non van subir como as que están feitas con aceite de oliva.
  • Ás veces recomendo cousas que me gustan moito (por gusto, non é que cobre de ninguén!) e desta vez son os moldes de silicona. Ao principio dábanme grima porque pensaba que non aguantarían ben, pero resisten todo, incluído o lavalouza.

Ingredientes (para 15 madalenas, aproximadamente):

3 ovos

225 gr. de fariña

125 de azucre de caña

200 ml. de nata de montar (35% MG)

1/2 sobre de lévedo químico

100 gr de noces

Un chisco de sal

Moldes de silicona; ou moldes de papel+unha bandexa par madalenas

 madalenas3

 

 

 

 

 

  1. Nun bol grande, batemos ben os ovos para que collan aire.
  2. Engadimos o azucre e seguimos batendo.
  3. Repetimos o proceso coa nata e coa fariña e o lévedo.
  4. Deixamos reposar a masa no frigorífico durante 20-30 minutos. O contraste entre o frío e a calor do forno fara que a masa soba máis.
  5. Prequentamos o forno a 170º, enchemos os molde masa ata a metade: tede conta con isto, que se vos pasades desbordan.
  6. Cocemos as madalenas no forno durante 15 minutos. Recoméndovos poñer a bandexa no medio, para que non queimen por riba. Cando estean redondiñas pola parte de arriba e esta estea dourada, sacámolas e deixámolas repousar. O tempo de cocción é orientativo, varía dependendo do forno, prestádelle atención por se acaso: se o deixades demáis (aínda que non queimen), baixa a masa e non quedan tan boas.

madalenas2

Fixestes madalenas na casa? Como foi  experiencia? Contádeo nos comentarios, ou no Twitter


Berenxena rechea de carne e queixo feta

Esta receita é unha versión das típicas berenxenas ao forno que tanto se comen en Cataluña e Levante, pero aproveitando un par de cousas que tiña de sobra: ceboliñas e queixo feta. É un prato moi doado de facer, e aguanta ben dous ou tres días no frigorífico unha vez cociñado. Como se pode deducir das fotos, están tremendas!

Ingredientes (para dúas persoas):

1 berenxena grande

2 ceboliñas

150 gr. de picada de vacún

100 gr. de queixo feta

3 culleres de pan relado

5 culleres de aceite de oliva

Sal

Pementa

  1. Cortamos a berenxena pola metade, baleirámola cunha navalla ata que só quede a polpa que está xusto pegada á pel. Nota: para que sexa máis doado, podemos quentar a berenxena enteira 5 minutos no microondas para que abrande a polpa.
  2. Botamos tres culleres de aceite nunha tixola grande e quentamos.
  3. Cortamos as ceboliñas en rodas moi finas, botámolas na tixola e cocemos a lume baixo.
  4. Picamos a polpa da berenxena e engadimos á tixola.
  5. Cando comece a abrandar, botamos a carne salpementada.
  6. Cando a carne estea un pouco feita, engadimos unha culler de pan relado e o queixo feta en dadiños. Remexemos ca culler de pau.
  7. Enchemos as berenxenas co rustrido, cubrímolo co resto de pan relado e botamos unha culler de aceite polos ocos que queden pegados á pel.berenxena2
  8. Co forno xa quente, cocémolas a 170º durante 20 minutos, ou ata que douren por riba.

Que aproveite!

berenxena1


Timbal siciliano de pasta, carne e bechamel

Como xa sabedes algúns, gustame moito a cociña italiana, e en especial a siciliana. Tamén os postres, claro. Un día paseando por Madrid din unha tenda de produtos italianos onde, ademáis das miñas adoradas galletas Mulino Bianco (lembrades isto?) merquei unha bolsa de anelli, sen saber moi ben para qué.

Como eran tan finos e non me convencían para facer con tomate ou boloñesa, busquei unha receita e din con esta, que adapto para que sexa un chisco máis sinxela. OLLO: Esta é a historia de por qué fixen a receita, pero non cómpren os anelli, uns spaghettis farán o papel igualmente.

Coma case todas as tortas e pasteis, esta máis rica ao día seguinte, e se sodes usuarios de tupper ou tendes perguiza de cociñar pola semana, aguanta varios días.

Ingredientes (para 6 boas racións):

400 gr de anelli ou spaguetti, ou outra pasta fina pequena, por exemplo esta ou esta.

250 gr. de carne picada de vacún

250 gr. de carne picada de porco

1 cabaciña ou berenxena grande

1 cebola

1 cenoria

1 rama de apio

200 gr. de chícharos (valen conxelados)

150 gr. de queixo parmesano relado

Medio vaso de viño branco

2 follas de loureiro

200 ml. de tomate concentrado (se non tendes probade con salsa de tomate normal e botade 300 ml. aprox)

3 ou 4 culleres de aceite de oliva

Perixel

Sal

Para o bechamel:

50 gr. de manteiga

50 gr. de fariña

4 ou 5 tazas de leite ben frío

Noz moscada

Pementa negra

 

  1. Quentar o aceite de oliva nunha tixola ben grande e sofritir a cebola, a cenoria e o apio.
  2. Baixar o lume e engadir a carne picada aos poucos, xunto co sal, o perixel e máis o loureiro. Remexer cunha culler de pau para que vaia cocendo por todos os lados e botar o viño branco. Deixar cocer a lume baixo durante 20-30 minutos.
  3. Desconxelar os chícharos e engadilos á tixola xunto co tomate. Deixar cocer a lume baixo media hora máis. Retirar o loureiro.
  4. Cocer a pasta, escoar e retirar.
  5. Facemos o bechamel: noutra tixola quentamos a manteiga ata que derreta, botamos a fariña e a noz moscada tamizando co escoador mentres remexemos para que non faga grumos. Cando estea disolta, botamos o leite a modiño, sen deixar de remexer, ata que teña quede unha consistencia cremosa e homoxénea.
  6. Cortamos a cabaciña ou a berenxena en tiras longas de medio centímetro de grosor aproximadamente. Untamos un molde desmontable con aceite, e colocamos as tiras forrando o molde.
  7. Prequentamos o forno a 180º
  8. Mesturamos a pasta co sofritido e case toda o bechamel, deixando un chisco para o final. Enchemos o molde, botamos o bechamel que quede estendéndoo por riba e esparexemos o queixo parmesano.
  9. Cocemos no forno na balda do medio ata que o quieixo doure e quede un pouco seco. Dependendo do forno, levará 30 ou 40 minutos.
  10. Para servir, cortamos con coidado para non romper demasiado as "paredes" de verdura.

timbal5

timbal2