Mega-galleta de noces

Agora que vai frío e za esquecemos as enchentas de Nadal, toca unha larpeirada perfecta para facer un domingo pola tarde e ter doce para toda a semana. Como é tan doada, é ideal para facer cos cativos, que de seguro han disfrutar facéndoa e sobre todo, rachándoa logo para comela :)

Se sodes tan fans das galletas caseiras coma min, pode que vos interese a receita destas cookies de chocolate, ou de  pexego e noces de Macadamia. Ou de manteiga e vainilla. En todo caso, hai unha sección adicada a elas, só tendes que premer nesta ligazón. PD: Quero aproveitar para darlle as grazas á miña nai pola receita, e por facer a mostra que vedes nas fotos!

Ingredientes (para unha galleta do tamaño dunha bandexa pequena)

200 gr. de fariña (de trigo, normal)

200 gr. de azucre

200 gr. de manteiga

2 ovos

1 culleriña de fermento químico (tipo Royal)

Unha taza de noces peladas e picadas, (pero non moídas!)

Un belisco de sal

  1. Deixamos a manteiga a a temperatura ambiente e mesturámola co azucre.
  2. Engadimos os ovos enteiros, sen batilos antes. Remexemos cun garfo durante 1 minuto.
  3. Engadimos a fariña mesturada ca levadura e batimos un pouco máis co garfo. Por último, engadimos as noces-
  4. Prequecemos o forno a 180º, por arriba e por abaixo.
  5. Colocamos papel de prata, ou de forno, sobre unha bandexa negra de forno.
  6. Estedemos a masa coa axuda dunha culler, tendo conta para que non quede moi pegada aos bordes.
  7. Cocemos no forno a altura media, se torra moito por riba, baixamos a temperatura a 150º.
  8. Cando estea ben dourado por riba, sacámolo do forno e deixamos arrefriar nun mesado.
  9. Imos collendo anacos segundo apeteza.

Que aproveite!

galleta-noces

galleta-noces-2


Galletas de trigo mouro e noces

O trigo mouro, ou sarraceno, aínda non é moi coñecido pero pouco a pouco vai ocupando un oco no mercado, sobre todo porque non ten glute: semella un cereal pero en realidade non o é. É típico cultivalo en chans acedos e pobres, coma na Bretaña francesa (alí emprégase para facer as famosas galettes, unha especie de filloas salgadas) e por mor da dificultade para recollelo de xeito mecánico, o seu cultivo en Europa foi esmorecendo. Na actualidade véndese en tendas de alimentación natural, grandes superficies e nalgunhas panaderías. Ás veces vén etiquetado coma "harina de alforfón", un dos seus nomes en castelán.

Estas galletas son moi doadas de facer, se llas facedes a alguén celíaco hánvolo agradecer. Ao non levaren glute a masa non queda tan ligada, por iso hai que deixalas repousar a lo menos unha hora no frigorífico antes de cocer no forno. Tamén se pode deixar feita a masa para o día seguinte, o conxelala.

Ingredientes (para 12-14 galletas grandes)

180 gr. de fariña de trigo mouro

1 ovo

80 gr. de azucre de caña

80 gr. de manteiga, tépeda

80 gr. de noz moída

Media culleriña de bicarbonato sódico

Media culleriña de sal

Media culleriña de extracto de vainilla

Azucre glas, para a decoración

  1. Nun prato fondo mesturamos a fariña co sal e o bicarbonato.
  2. Nun bol poñemos a manteiga e mailo azucre e batemos ca batedora de varillas ata que claree e estea "esponxoso".
  3. Engadimos o ovo, a noz e o extracto de vainilla no bol, seguimos batendo e engadimos pouco a pouco a mestura do paso 1.
  4. Tapamos o bol con film transparente e deixámolo no frigorífico unha hora.
  5. Prequecemos o forno a 180º e colocamos papel de forno na bandexa negra.
  6. Cunha culler facemos bolas de 3 ou 4 cm de diámetro (non teñen que quedar redondas, han derreter) e colocámolas cunha distancia de 5 cm entre elas.
  7. Cocemos 12-15 minutos, ou ata que estean douradas polas beiras.
  8. Deixamos arrefriar, e as que sobren gardámolas nun recipiente hermético, durarán 4 ou 5 días.
  9. Decoramos cun chisco de azucre glas.

Probastes algunha vez o trigo mouro? Que vos parece?

galletas_trigo_mouro_2

galletas_trigo_mouro_1


Cookies de chocolate

Esta semana temos unha receita ben clásica, non das de toda a vida, pero si duns doces que se consomen bastante hoxe en día, sobre todo na súa versión industrial. As cookies adoitan diferenzarse das galletas (ou biscoitos) tradicionais no tamaño pero tamén na textura: son máis brandiñas e idealmente han de quedar crocantes polas beiras e tenras no centro. Hai tempo que fixen unhas de pexegos con noces de macadamia, pero estas teñen a masa perfecta.

A receita é unha adaptación desta do blog de Nigella, unha famosa cociñeira británica cunha páxina da que son totalmente fan. Se non tendes trituradora ou non vos apetece esmagar o chocolate, aproveitade para compraren chips de chocolate, véndenas na sección de repostería dos supermercados grandes. Podedes cambiar o chocolate por noces ou uvas pasas ha quedar boísimo tamén!

Ingredientes:

100 gramos de manteiga, temperada

220 gr de azucre

2 culleriñas de extracto de vainilla

1 ovo, frio

1 xema de ovo, fria

50 ml de leite frio

300 gr de fariña

Media culleriña de bicarbonato

1 tableta de 125 gr. chocolate negro, ou con leite

  1.  Esmagamos a tableta de chocolate ata que escache en anacos mais ou menos regulares. Despois pasámola pola tritura dora ata que sexan máis pequenos (algo menos de 0,5 cm).
  2. Prequecemos o forno a 170º, e colocamos papel de forno na bandexa negra.
  3. Nun bol poñemos a manteiga e o azucre, batemos ata ter unha pasta homoxenea.
  4. Engadimos o leite, o ovo, o extracto de vainilla e maila xema, seguemos a bater ata volver ter unha cobertura homoxénea.
  5. Botamos os anacos de chocolate e a fariña aos poucos, mentres batemos.
  6. Por último, engadimos o bicarbonat e batemos un pouco máis.
  7. Coa axuda de dúas culleres, facemos boliñas e colocámolas na bandexa deixando 5 cm de espacio entre elas.
  8. Cocemos no forno durante 12-15 minutos, ata que douren polas beiras. Sacámolas do forno e deixámolas repousar 5 minutos na bandexa de reixas. Aínda que parezan moi brandas, cando arrefríen quedarán ben.

Podémolas gardar nunha tarteira (mellor que sexa hermética) e durarán 3 ou 4 días. Que aproveite!

 

cookies_choco_1

 


Biscoitos de vainilla estilo vienés

Estes biscoitos (ou galletas) tan curriños son unha especialidade que se toma polo Nadal en Austria, Bohemia e o sur de Alemaña, pero en Viena teñen tanta sona que se toman todo o ano. O seu nome orixinal é Vanillekipferl e teñen a peculiaridade  e de deixar un arrecendo tan bo que ides querer patentalo para que a casa cheire sempre así ;)

Se queredes que queden un pouco máis consistentes podedes engadirlle á masa unha xema de ovo, e tamén noces ou avelás picadas. Como teñen tanta "materia graxa", aguantan ben nun tupper ben pechado durante un mes. Sen dúbida, un acompañamento ideal para os almorzos e merendas do inverno!

Ingredientes:

250 gr. de fariña

200 gr. de manteiga, tépeda 

100 de améndoas moídas

80 gr. de azucre

Un belisco de sal

Para a decoración

3 culleres de azucre glass

3 culleres de azucre avainillado

 

  1. Nun bol mesturamos todos os ingredientes da primeira sección, e batémolos ata formaren unha pasta homoxénea.
  2. Estendemos un film transparente no mesado, que teña polo menos 40 cm de longo. Colocamos a masa no medio, envolvemos e dámoslle forma de cilindro duns 4 cm de diámetro (dándolle voltas), ten que quedar coma na foto: vanillekipfeln_1
  3. Deixamos arrefriar o cilindro na neveira uns 30 minutos.
  4. Mentres, poñemos o azucre glass e o avainillado nunca cunca grande e mesturámolos cunha culler.
  5. Prequentamos o forno a 170º
  6. Retiramos o film e cortamos cun coitelo fino rodas de entre 1 e 2 cm. de largo (grosor) e despois dividímolas en dúas metades.
  7. Poñemos papel de forno nunha bandexa e colocamos as metades, torcéndoas un chisco polo medio para que parezan medias lúas.
  8. Cocemos no forno durante uns 20 min., cando comecen a dourar estarán listas.
  9. Deixamos arrefriar a bandexa 3 minutos e rebozámolos na cunca do azucre. É importante facelo rápido porque se non collerán o azucre. Se quedamos sen mestura, facemos máis rapidamente, se sobra, podémola gardar para a seguinte quenda!

Que aproveite!

vanillekipfeln_4 vanillekipfeln_5


Taralli sugna e pepe

Trenzas de unto e pementa negra - Taralli sugna e pepe

Os taralli son un petisco orixinario do sur de Italia. A súa versión máis coñecida é a que ven da rexión de Puglia: alí fanos con viño e forma redondeada. En Nápoles en cambio, non andan con brincadeiras e elabóranos grandes e con unto! A xente tomaos mentres bebe unha cervexa, e non é de estrañar, ca pementa e o sal é unha combinación ideal. Esta é unha adaptación, algo simplificada, desta receita.

Non é un petisco tan salgado coma pode parecer, está moi bo para merendar cunha cervexa ou un refresco. A verdade é que un pouco de sede si que dá, pero perdoaselle polo sabor tan adictivo que teñen.

Ingredientes (para 10-12 pezas)

400 gramos de fariña de pan, da que se merca na panadería.

100 ml de auga morna

150 gr. de unto (lardo)

1 cadrado de 25 gr de lévedo fresco

1 culleriña de sal

2 culleriñas de pementa negra

Améndoas peladas ao gusto

  1. Nun bol, botamos a fariña tamizándoa, para que non queden grumos despois. Engadimos o unto, o lévedo, o sal, a pementa e maila auga morna.
  2. Remexemos coas mans ata que se faga unha masa homoxénea.
  3. Colocámola nun mesado e seguimos amasando. Deixamola no bol outra vez para que fermente durante 30 minutos, aproximadamente. Se vai frío, deixádea estar unha hora.
  4. Arrincamos anacos da masa para facer tiras dun 1 cm de diámetro e 30 de lonxitude, aproximadamente. Non hai máis que frotar nas mans ata darlle unha forma homoxénea, como de regaliz gordiña.
  5. Prequentamos o frono a 150º.
  6. Cas tiras pódense facer trenzas ou roscos, como podedes ver nas fotos. Se facedes trenzas, cortádeas en anacos de 5 cm.
  7. Colocámos as amñendoas por riba. Eu empreguei as de tipo marcona, hainas de varias marcas e son as que máis me gustan.
  8. Cocemos no forno durante media hora, ou ata que estean douradas por riba.

Que aproveite!

taralli1

taralli2