Arepas fritidas recheas de lacón e grelos

As arepas son un prato moi popular en Colombia, Panamá e Venezuela, o típico prato que causa infinidade de leas sobre cal é a máis aunténtica, cal está máis rica, etc. :D Pódense facer de catro xeitos: asadas, á grella, fervidas ou fritidas. Son moi doadas de facer, e pódense gardar dun día para outro.

Co gallo do amistoso da selección galega de fútbol contra Venezuela, aproveitamos para facer unha mestura de receitas das que me gustan a mín, coma os arancinis de lacón, ou a pizza de queixo Cebreiro. Para facer as arepas utlicei a fariña PAN amarela, moi doada de atopar nos supermercados (e que serve tamén para rebozar filetes, con fantásticos e crocantes resultados!) e para que fosen máis cremosas, boteille queixo en crema San Simón, que podedes substituir por calquera queixo cremoso graxo, tipo Camembert. A cantidade vai ao gusto de cada un.

Ingredientes (para 8 arepas, aproximadamente)

180 de fariña de millo PAN

250 ml de auga morna

1 culleriña rasa de sal

Aceite de xirasol para fritir

Para o recheo

200 gr. de lascas de lacón

150 gr. de grelos en conserva

Queixo San Simón (ou outra variedade) en crema

  1. Nun bol ou cunca grande mesturamos a fariña, a auga e o sal. Remexemos cas mans ata formaren unha pasta da consitencia da plastilina. OLLO: esta fariña tarda un pouco en absorber a auga, ide botándoa aos poucos, para asegurar que quede ca consistencia correcta. Pode ser que teñades que engadir un chisco de auga ou de fariña, o caso é que non se peque nas mans e non esfarele. Deixamos repousar 5 minutos.
  2. Quecemos o aceite nunha tixola grande, que chegue ata un pouco máis arriba da metade, para que cubra as arepas.
  3. Facemos cas mans bólas do tamaño de 4 cm de diámetro, aproximadamente.
  4. Aplastámolas cas mans ata formar unha torta de 8 -10 cm. de diámetro e 1,5 cm. de grosor, pinchámolas no medio cunha agulla de calcelar ou un coitelo afiado. O burato ten que atravesar a arepa, para que pase o aceite.
  5. Frímolas na tixola dándolle voltas ata que queden ben douradas. Retíramolas nun prato con panos de papal para que solten o exceso de graxa e deixamos arrefriar durante 10- 15 min. OLLO: saen moi quentes.
  6. Abrímolas pola metade e enchémolas co queixo en crema, grelos e lacón.

Que aproveite!

arepas_lacon_1

arepas_lacon_2


Pasta con grelos e salchichas

Os grelos son un dos clásicos do inverno, e despois de facer a receita dunha lasaña, continuamos a "italianizar" este ingrediente tan galego.

Aínda que é bastante coñecido que os grelos se usan noutros lugares para alimentar o gando, hai moitos sitios onde a xente tamén os come, entre eles , Nápoles. Alí chámanos friarelli e cómense refogados en aceite e allo, na pizza ou con pasta, coma nesta receita, que é unha adaptación doutra que atopei por Internet (normalmente poño a ligazón, pero desta vez non me lembro). Para facelo usei orecchiette, que son  típicos do sur de Italia, pero calquera pasta curta valerá: laciños, tiburóns, etc

Se queredes facer máis pratos de inspiración italiana, podedes probar esta receita de aracinis de lacón e queixo, ou esta outra de pasta con espinacas e mascarpone. E de sobremesa, un infalible tiramisú.

Ingredientes (para dúas racións grandeiras)

400 de grelos frescos

160 gr. de pasta

2 salchichas frescas

1 dente de allo

1 cápsula de caiena (opcional)

Sal e pementa negra

3 ou 4 culleres de aceite de oliva virxe extra

Queixo parmesán

  1. Lavamos os grelos e cortámoslles o tallo e retiramos as follas amarelas, se as houbese.
  2. Cocemolos en auga fervendo durante 10 minutos. Escoámolos gardando a auga nun recipiente, ímola usar para cocer a pasta.
  3. Cocemos a pasta segundo as instruccións, deixando que quede "al dente", xa que despois ímola cocer un pouco máis.
  4. Nunha tixola grande botamos o aceite a quecer. Pelamos e cortamos o allo en láminas e fritímolo ata que quede dourado. Engadimos as salchichas cortadas en anaquiños e as sementes que haxa na guindilla de caiena e cociñamos durante 5 minutos  a lume medio.
  5. Cando as salchichas estean feitas, engadimos  os grelos, remexendo ben para que  se mesture todo. Despois botamos a pasta, mesturamos todo e servimos ben quente cun pouco de queixo por riba.

Que aproveite!

pasta_grelos_2


Lasaña rápida de grelos

Hoxe temos unha receita para todos aqueles que non gustan de cociñar! Esta lasaña está feita a base de precociñados, podería estar no blog de Falsarius chef (moi recomendable, por certo). É tan doada esta receita que pouco se me ocorre que contarvos aparte de que nunca probara os grelos en conserva, están super bos!

Para isto empreguei unha lata de 800 gr. de A Rosaleira, vendéna en moitos supermercados e imaxino que haberá máis marcas con formatos similares. O bechamel podédelo comprar feito, pero está máis bo caseiro, e tendes xa uns trucos para facelo.

Ingredientes (para 5 ou 6 racións)

9 placas de lasaña precocida

750 ml de bechamel

Unha lata de 800 gr. de grelos 

8 culleres de tomate fritido con cebola, de bote.

150 gr. de queixo relado (emmental, cheddar, etc.)

Unha presa de cebola fritida de bote

  1. Escoamos os grelos para retirar o exceso de líquido, pero sen esmagar.
  2. Prequecemos o forno a 180º, por riba e por baixo.
  3. Colocamos 3 placas de lasaña cubrindo a base da fonte e untámolas ca metade do tomate fritido. Botamos a metade dos grelos e a cebola seca por riba, cubrimos todo co bechamel.
  4. Repetimos o paso 3.
  5. Cubrimos cas 3 últimas placas. Botamos o bechamel que quede e por riba, tendo conta para que non quede nengún recuncho seco  e despois o queixo relado.
  6. Cocemos no forno a altura media durante 30-40 minutos, ata que estea dourado.

Que aproveite!

lasaña_1

lasaña_2

lasaña_3