Hummus de cacaué

Nesta casa somos moi fans do hummus, e a verdade e que de todos os que fixen, atopo que este é o máis saboroso. Outro punto a favor é que non se pega tanto ao padal como o normal, aínda que hai xente que lle gusta iso, a min acábame cansando un pouco.

A receita é unha adaptación dunha de Nigella Lawson (está na listaxe fixa da dereita) e zafa moito para facer algo de picar ou unha cea rápida entre semana: unha torrada de pan, algo de verduras, e listo! Se queredes ver máis receitas de hummus, tendes unha básica, outra a base de lentellas e outra de fabas e tomates secos. Se vos gusta a manteiga de cacaué non deixedes de ler esta receita de madalenas con manteiga de cacaué.

Ingredientes (para 6 racións, aprox.)

400 gr de garavanzos cocidos

3 culleres de manteiga de cacaué

3 culleres de queixo crema

5 culleres de aceite de oliva

5 ou 6 cacaués torrados e pelados, máis uns poucos para decoraren

Zume de medio limón

Media culleriña de sal

Media culleriña de comiño en po

Un dente de allo picadiño (opcional)

  1. Botamos todo na trituradora e dámoslle unha boa volta, para que mesture ben.
  2. Se queda moi espeso, engadide máis zume de limón e/ou aceite, incluso un pouco de auga morna. O importante é ir a modiño e que non nos pasemos.
  3. Corrixir de sal, se fai falta.
  4. Servir cun pouco de aceite, pementón doce e uns cacaués esmagados.

Que aproveite!


Hummus de faba e tomate seco

O hummus é un prato que fai moito avío, xa sexa para levar como entrante nunha comida ao aire libre, como cea lixeira ou como unto para os bocadillos. Esta versión ten un sabor e unha textura moir especial, xa que está feita de fabas. É un pouco máis pesado có de garavanzos ou có de lentellas, estades avisados ;)

Coñecedes máis variedades de hummus? Deixade ideas nos comentarios!

Ingredientes (para unhas 6 racións, aproximadamente)

400 gr de fabas blancas cocidas

6 ou 7 metades de tomates secos rehidratados

Zume de medio limón

80 ml de aceite de oliva virgen extra, máis un pouco para decoraren

Un dente de allo ben picado

1/2 culleriña de comiño moído

Pementón doce para a decoración

Un belisco de sal e outro de pementa negra moída.

50 ml de auga morna, para que quede máis lixeiro

  1. Nunha tixola grande botamos unha culler de aceite de oliva.
  2. Fritimos o allo ata que doure e engadimos as fabas, sen líquido, xunto co sal, a pementa e o comiño. Con 3 ou 4 minutos é dabondo.
  3. Retiramos a tixola e deixamos que arrefríe un pouco.
  4. Metemos todos os ingredientes nun recipiente e pasámolos pola batedora, ata que formen unha masa homoxénea. Se vos queda moi espeso, engadide un poco de auga e aceite.
  5. Servimos frío, con aceite de oliva e pementón, acompañado de pan (mellor se é crocante ou tipo pita).

 


Hummus de lentellas

Este hummus é adictivo! Quedades avisados... Son moi fan do hummus "normal" pero unha vez que probei este nun restaurante, fiquei ca idea de repetilo na casa, e que bo resultado! Para facelo usei lentellas pardinas, pero calquera outro tipo valerá: tendeo en conta para o tempo de cocción!

Se aínda non probastes o hummus de garabanzos, botádelle un ollo a esta receita, máis doada imposible!

Ingredientes (para 6-8 racións)

200 gr de lentellas

Unha culler de tahini

Zume de medio limón

6 culleres de aceite de oliva

Un belisco de sal

1/4 culleriña de comiño

Media pastilla de caldo de polo ou verduras

Unha folla de laurel

Unha caiena (opcional)

Un dente de allo picado (opcional)

Pementón doce

  1. Nunha tixola grande botamos as lentellas, o caldo e a folla de loureiro. Engadimos 700 ml. de auga e quecemos a lume alto ata que ferva. Despois baixámolo a medio e deixamos cocer ata que case non quede auga (uns 40 minutos, aproximadamente).
  2. Botamos o loureiro ao lixo e metemos as lentellas nun triturador ou robot de cociña xunto co resto dos ingredientes.
  3. Batemos ata formaren unha pasta e deixamos repousar unhas horiñas no frigorífico. OLLO: esta pasta seca máis cá de garabanzos, así que é boa idea engadir un pouco máis de aceite por riba antes de gardalo.
  4. Servímolo con pan torrado, de pita, ou galletas salgadas tipo Mariñeiras. Botámoslle unhas pingas de aceite e pementón doce para decoraren.

Que aproveite!

hummus-lentellas-3