Xeado de iogur natural

Vai chegando a calor e con ela as ganas de facer larpeiradas frías. A desta semana é súper doada de facer: xa sei que digo isto a cotío pero desta vez é moi certo! Co que custa un frozen yoghurt dos que venden nos centros comerciais sae unha sobremesa para 5 ou 6.

Se preferides o xeado máis tradicional, podédeslle botar un ollo a este de vainilla e queixo Philadelphia, a este de cereixas e chocolate negro, ou a este de lima e alfábega, moi refrescante!

Ingredientes (para 600ml de iogur)

3 iogures naturais (non desnatados)

1 iogur grego

50 gr. de azucre

50 gr. de azucre de caña (pódese cambiar polo normal)

Zume de medio limón

Un belisco de sal

  1. Nun bol grandeiro, mesturar os iogures e o azucre ata que este disolva. Despois engadimos o zume e mailo sal:. Non vos preocupedes pola acidez: ao conxelaren, os sabores "acougan" e non se notan tanto.
  2. Metemos a mestura na máquina de facer xeados ata que saia unha textura cosistente. Normalmente tarda 45 min-1 hora, consultade as instruccións do fabricante. Se non tendes máquina, botade a mestura nun tupper pouco fondo e metédeo no conxelador. Despois dunha hora, remexede cunha culler de pau, así ata 3 ou 4 veces, para que a masa non cristalice.
  3. Cocolámolo nunha cunca 10 ou 15 minutos antes de servir, acompañado de marmelada ou confitura de froitos vermellos.

Que aproveite!!

frozen_yogourt3

frozen_yogourt2


Sopa fría de cogombro con iogur e ourego

Sopa fría de cogombro con iogur e ourego

Xa estamos en xullo e é tempo de sopas frías. Desta vez probamos un prato cunha leve inspiracion grega, a verdade é que non sei se é algo que se come alí normalmente ou non... pero está moi boa e refresca moitísimo. Coma outras sopas, está mellor se a deixades repusar dun día para outro.

Eu fíxena bastante espesa, pero se queredes que quede máis fina, engadide máis auga e xa está ;)

Ingredientes (para 2 ou 3 racións)

3 cogombros

1 iogur grego

5 culleres de aceite de oliva virxe extra, máis un chisco para a decoración

1 culleriña de ourego

Sal (botar pouco e logo ir corrixindo)

  1. Quitámoslle a codia aos cogombros e partímolos en rodas dun centímetro, aproximadamente.
  2. Na trituradora ou no bol da batedora ponemos os cogombros e o resto dos ingredientes. Trituramos ata facer unha pasta homoxénea. Deixamos repousar na neveira durante dúas horas.
  3. Servimos nun prato decorando cunhas pingas de aceite, como acompañamento podemos empregar pavo (coma na foto), salmón afumado, picatostes ou xamón!

Que aproveite!

Sopa fría de cogombro con iogur e ourego


Cheesecake de queixo de cabra e iogur grego

Hai tempo que quería probar a facer unha torta de queixo estilo americano na casa, pero querría probar algo un chisco distinto, así que fixen unha adaptación desta, pero engadindolle noces á base (idea que penso repetir, queda moito máis rica) e cambiando as galletas de vainilla polas de avea para que non quede tan doce. A verdade é que estou moi satisfeita co resultado: semella levar máis traballo, pero en 20 -30 minutos máis o tempo de cocción está lista, un triunfo asegurado!

Unha receita axeitada para aqueles que non moi larpeiros (hai xente para todo!), xa que se a tomades sen mel ten un regusto salgado moi agradable. Agora que comeza o bo tempo é moi boa idea levala coma sobremesa dun picnic ;)

Ingredientes (para un molde de 25 cm de diámetro) :

360 gr. (dous paquetes) de queixo rulo de cabra

125 gr. de queixo para untar

1 iogur grego 

2 ovos

75 gr. de azucre

Para a base

20 galletas de avea tipo "Digestive"

80 gr. de manteiga

Unha presa de noces peladas e picadas

Nota: esta torta é mellor facela nun molde desmontable.

 

  1. Esmagamos as galletas, derretemos a manteiga e triturámolo todo xunto cas noces ata formaren unha pasta homoxénea. Se vedes que queda moi seca, engadide unhas pingas de auga para que estenda mellor.
  2. Prequentamos o forno a 180º.
  3. Quitámoslle a codia aos rulos de cabra e cortámolos en rodas de 2-3 cm.
  4. Metemos as rodas nun bol xunto co queixo para untar e quentámolos no microondas a potencia media para que abranden.
  5. No bol dos queixos botamos o azucre e batemos ca batedora. Cando estea ben mesturando engadimos os ovos, un de cada vez.
  6. Colocamos papel de forno no molde desmontable. Estendemos a pasta base esmagándoa ben cunha culler.
  7. Vertemos a pasta de queixo a modiño, alisamos a superficie para que non quede burbullas.
  8. Cocemos a torta no forno durante 45 aproximadamente. Se vos gusta cremosa, sacádea antes: aínda que o centro estea líquido callará pouco a pouco. Se vos gusta más compacta, deixadea ata que saian manchas na superficie, como fixen eu.
  9. Deixamos repousar 6 horas, coma mínimo.
  10. Decoramos con mel e servimos.

Que aproveite!

cheesecake-cabra1cheesecake-cabra3