Polenta fritida con cebola

A polenta cocida é un prato tan típico do norte de Italia, que os do Sur chaman aos do Norte polentones. Outro uso para esta especie de fariña de millo, ademáis de biscoitos coma este, é facer petiscos coma o que hoxe nos ocupa, moi sinxelo e saboroso para acompañaren mollo de tomate caseiro, queixo fundido ou coma guarnición de peixes ou carnes.

A polenta é bastante habitual nos supermercados e hipermercados, fixádevos que veña precocida, porque senón leva moitísimo máis tempo. Eu boteille cebola crocante da que venden feita, pero podemos cambiala por noces, atún, anaquiños de xamón, etc.

Ingredientes (para 4 ou 5 racións)

Medio quilo de polenta

Unha culleriña rasa de sal

100 gr de cebola seca

Aceite de xirasol para a tixola

  1. Cocemos a polenta segundo as instruccións do fabricante.
  2. Engadimos a cebola e estendemos nunha fonte rectangular, procurando que quede lisa por cima e cun grosor de 3-4 cm.
  3. Deixamos arrefriar.
  4. Cortamos o contido da fonde en rectangúlo de 8-10 cm de longo e 2-3 cm de largo.
  5. Quecemos un par de culleres de aceite na tixola, e poñemos os pauciños a dourar. Se vedes que se pegan, botádelle máis aceite. Repetimos por todos os lados.
  6. Colocámolos nun prato cun pano de papel para que absorva o exceso de aceite e servimos coa guarnición que nos apeteza.


Risotto mariñeiro

Como presta facer risotto e tomalo de cea ou ao día seguinte! Con esta sinxelísima receita quedavos un delicioso. Se queredes experimentar, mirade tamén este de queixo de cabra ou este de queixo parmesano e viño branco (un dos nosos grandes ghits!)

Ingredientes (para 4 racións)

250 gr. de risotto

1 litro de caldo de peixe

200 gr de gambas (ou lagostinos, faragullas de peixe, etc.)

1 allo porro

10 ou 12 tomatiños cherry

100 gr. de manteiga

4 culleres de aceite de oliva

Dous beliscos de aneto

Queixo parmensano relado (opcional)

Sal

  1. Lavamos e cortamos o allo porro. Usamos só a parte branca, facendo rodas moi finas.
  2. Cortamos os tomates cherry pola metade.
  3. Nunha tixola, quecemos o aceite de oliva e botamos o porro e os tomatiños. Refogamos a lume medio ata que estean brandos. Botamos o sal e o aneto.
  4. Engadimos o arroz e remexemos, sempre a lume medio, ata que comece a estar traslúcido.
  5. Engadimos 200 ml. de caldo e remexemos cunha culler de pau ata que case non quede líquido.
  6. Repetimos a operación ata que non quede caldo. Sempre a lume medio.
  7. Apagamos o lume e botamos a manteiga cortada en anacos, remexendo ben para que derreta.
  8. Servimos quente, cun pouco de queixo relado.

Que vos parece?


Albóndegas de atún e piñóns con mollo de tomate

Despois dunha pausa por mor de non ter tempo para nada...estamos de volta! E con que receita, amig@s, unhas albóndegas que arrecenden e saben a gloria!

Este é un prato típico do Sur de Italia, pero non teño moita máis información, así que paso aos consellos: o atún pode ser conxelado en filetes deses, o que non pode ser é en conserva. E o queixo grana padano évos moi doado de atopar nos supermercados, é coma unha versión máis barata do parmesano que tamén o podedes usar, pero para mesturar con outras cousas non paga a pena pagar o prezo máis caro.

Se vos gustan as albóndegas, pasadevos por esta receita de carne e xamón, ou estas de carne mariñada. E as máis exitosas do blog: as de polo con ananás.

Ingredientes (para 4 racións, aproximadamente)

400 gr. de atún, fresco

100 gr. de pan relado

50 gr. de queixo "grana padano" relado

50 gr. de piñóns

2 ovos

4 ou 5 culleres de aceite de oliva virxe extra

Unha culleriña de ourego

Media culleriña de canela en po

O zume e a reladura dun limón

Un belisco de sal e outro de pementa negra

Aceite de xirasol para fritir

Para o mollo:

Unha cebola

2 dentes de allo

2 latas de tomates en conserva, en anaquiños

4 ou 5 culleres de aceite de oliva virxe extra

Unha culleriña de ourego

Unha culleriña de vinagre balsámico

Perixel (opcional)

  1. Primeiro preparamos o mollo quecendo o aceite nunha tixola grande e botando a cebola e o allo, cortados en rodas finas. Cociñamos a lume medio ata que a cebola estea semi-translúcida e branda.
  2. Engadimos o resto dos ingredientes do mollo e cocemos durante 15 minutos a lume medio, remexendo de cando en vez.
  3. Preparamos as albóndegas cortando o atún en dados pequenos, e fritíndoo co aceite nunha tixola ca canela e os piñóns.
  4. Engadimos o sal e a pementa e deixamolo estar 5 minutos.
  5. Botamos a mestura nun bol grandeiro e deixamos arrefriar.
  6. Botamos o pan, o ourego, o queixo relado, os ovos batidos, o zume e a reladura do limón dentro do bol.
  7. Esmagamos a mestura cun garfo e amasamos cas mans ata que se mesture todo ben.
  8. Facemos albóndegas do tamaño dunha noz grande, colocámolas nun prato para meter no frigorífico unha hora.
  9. Quecemos o aceite de xirasol na mesma tixola das albóndegas e fritímolas ata que estean douradas (ver foto inferior).
  10. Cando estean listas, imolas colocando nun prato forrado con papel de cociña para que absorba o exceso de aceite.
  11. Servimos co mollo e un pouco de perixel cortado: pódense comer con pan (recomendable para ir mollando) ou con pasta ou arroz branco.

Que aproveite!


Risotto de pemento e queixo de cabra

Os risottos son uns pratos que me gustan moito, e penso que non son tan populares como deberían. Pode ser que sexa porque moita xente pensa que é difícil, pero non é o caso, como xa demostramos con esta receita de risotto queixo e viño branco. Como tantas outras receitas, só precisa un chisco de paciencia.

Para facelos é recomendable usar un arroz especial, das variedades Arborio ou Carnaroli, podense atopar fácilmente en tendas a granel e grandes superficies. Son arroces de gran pequecho e que soltan moito almidón, o que contribúe á textura cremosa. Se non podedes compralo, usade un arroz normal de gran redondo, dos de paella ou arroz con leite.

Ingredientes (para 3 ou 4 racións)

250 gr de arroz arborio (ou arroz redondo)

Un litro de caldo de verduras

2 pementos vermellos

70 gr. de queixo rulo de cabra

Un allo porro grandeiro

Un dente de allo

4 culleres de aceite de oliva virxe

Media culleriña de tomiño

Unha semente de caiena (opcional)

Dous beliscos de sal

  1. Nunha tixola moi grande, ou nunha pota de base grande, quecemos o aceite de oliva e botamos o allo porro cortado moi finiño e os pementos cortados en dadiños pequenos. Cocemos a lume medio ata que comecen a estar translúcidos.
  2. Botamos o arroz e remexemos cunha culler de pau ata que comece a estar translúcido tamén. Engadimos o sal e o tomiño (e a caiena, se procede).
  3. Engadimos 200 ml de caldo e remexemos ben ca culler de pau. Cando absorba o líquido, engadimos máis.
  4. Repetirmos a operación ata que non quede caldo: levará uns 20-25 minutos.
  5. Apagamos o lume e botamos o queixo en faragullas, remexendo ben.
  6. Servímolo quente.

Que aproveite!

 


Gratín de cabaza con mozarella

Despois dunhas semanas moi apuradas e sen tempo de actualizar, volvemos cunha receita de cabaza,  que aínda se atopa de tempada! Este é un gratín moi doado de facer, unha receita de orixe italiana que atopei no marabilloso libro "Las verduras de mmuchas maneras" de Karen Leiz (que foi un súper agasallo de Nadal).

Para que sexa máis doado, recoméndovos que merquedes a parte superior da cabaza, a que ten máis carne e menos sementes, porque é mello para facer rodas do mesmo grosor. Lembrade quitarlle a pel, restos de semente, etc. Se vos gusta a cabaza (ou cabacú, como lle chaman nalgunhas zonas), botádelle un ollo a estas sopa de cabaza con ameixas ou a esta crema rubia de verduras.

Ingredientes (para 3 ou 4 racións)

600 gr de cabaza en rodas de 2 cm de grosor.

250 gr. (dous paquetes) de mozzarella

Dúas latas de tomates triturados

100 gr de queixo parmesán relado

1 cebola grande

4 ou 5 culleres de aceite de oliva

1 culleriña de azucre

Fariña

Tomiño

Aceite de xirasol para fritir

Sal e pementa negra moída

  1. Cortamos a cebola ben picada e sofritimola na tixola co aceite de oliva ata que comece a dourar.
  2. Engadimos os tomates triturados, un belisco de sal, o azucre e un pouco de pementa. Remexemos ben e deixamos cocer a lume medio 15 ou 20 minutos.
  3. Prequecemos o forno a 200º.
  4. Botar fariña nun prato fondo e pasar as rodas de cabaza por ela, sacundíndoas despois para que só quede unha capa fina.
  5. Quecemos o aceite de xirasol nunha tixola grande e fritimos a cabaza ata que comece a estar marrón (ollo, non negra). Retirámolas a un prato con papel absorbente e botámoslles un chisco de sal por riba.
  6. Untamos unha fonte para forno cunha culler de aceite de oliva. Nela colocamos a metade das rodas de cabaza, e botamos a metade do mollo de tomate.
  7. Estendemos a metade da mozzarella en láminas, engadindo tomiño por riba e un pouco do queixo parmesán relado. Repetimos a operación.
  8. Cocemos no forno durante 20 minutos, e servimos ben quente.

Que aproveite!