Compota de mazá con lima e cardamomo

Os lectores habituais xa sabedes que eu son moi fan das mázas nas tortas e biscoitos, e tamén coma acompañante das carnes, pero desta vez teño unha proposta diferente, unha variación bastante orixinal da compota de mazá. Pero antes de comezar, un par de anotacións sobre o cardamomo: é caro, e hai dous tipos.

Que o tema non precio non vos asuste, xa que para facer esta receita (e na maioría) só compre un chisco moi pequeno de cardadmomo verde, que é o que se adoita usar para os doces. Hai outro tipo, máis barato, que é o negro. Se o usades non vai pasar nada, pero o sabor será máis avinagrado e non quedará tan bo, xa que este tipo é máis axeitado para carnes ou arroces.

Ingredientes (para 4 racións, aprox.)

4 mazás grandes

Zume de 4 limas

6 sementes de cardamomo

2 ou 3 culleres de azucre (eu botei moreno, pero tanto ten)

Améndoas laminadas ou chocolate negro relado, para decoraren

  1. Colocamos as sementes nun mesado resistente, e cun obxecto pesado (tipo pota express) esmagámolas cun golpe sen que chegen a romper. O truco é abrir unha fenda para que liberen o arume, pero que logo sexan doadas de retirar.
  2. Nunha pota normal quecemos o zume das limas co azucre e as sementes do cardamomo, sen que chegue a ferver. Quecemos durante 5 minutos e despois deixamos repousar.
  3. Pelamos e cortamos as mazás en dadiños de 2x2 cm, máis ou menos. Botámolas na pota e cocemos a lume medio durante 25 minutos, ou ata que os anacos comecen a esfarelar.
  4. Quitmos as sementes e servimos en cuncas decorando cunhas améndoas, ou cun pouco de chocolate negro relado.

Que aproveite!

compota3


Xeado de lima (e alfábega)

Este verán aínda non usara moito a xeadeira, e andaba a darlle voltas a que sabores podía facer na casa. Lembrei que unha vez probara a combinación de lima e alfábega nunha xeadería e non podo estar máis contenta co resultado! Unha crema refrescante e non moi doce, perfecta para o verán! A cor beis que ten é porque usei azucre de caña, se usades o normal ha quedar branca coma a neve.

Se non tendes alfábega (ou parécevos  moi atrevido o meter prantas nun xeado) podédelo deixar de lima soa, ou engadirlle raspas de limón ou de chocolate negro. Se vos gusta o sabor desta froita, botádelle un ollo a esta gorentosa torta fría.

Ingredientes (para 5-6 racións)

200 ml. de nata para bater (35% MG)

150 ml. de leite enteiro

160 gr. de azucre

Zume e pel relada dunha lima

6 ou 7 follas de alfábega

1 culler de mel (opcional)

  1. Mesturamos todos os ingredientes agás a alfábega nun bol, e deixamos arrefriar na neveira.
  2. Imos introducindo a mestura aos poucos na xeladeira. Despois engadimos a alfábega en anacos, que se mesture, pero que non rompa demáis. Se non tendes máquina xeladeira metédeo nun recipiente no conxelados e remexede cada 30 min, para que non cristalice.
  3. Servimos decorado cunha folla de alfábega. Se sobra, aínda aguantará dous ou tres días no conxelador.

Que aproveite!

xeado_lima1

 


Torta fría de lima

Unha torta que, contra o que pode parecer, non é moi doce, e resulta ideal para o verán. A súa dificultade é mínima, só cómpre un molde desmontable, así que se tendes festas ou aniversarios, facédea e quedaredes como reis/raíñas ;)

Ingredientes:

Para a base

300 gr. de galletas tipo Digestive

70 gr. de manteiga

1 culler de cacao en pó

Para a crema

1 bote pequeno de leite condensado

2 limas

300ml de "crème fraîche", dispoñible na sección de lácteos

Dúas onzas de chocolate negro

  1. Nun bol profundo, rompemos as galletas o máis que poidamos, botamos a manteiga morna e o cacao e máis unhas pingas de auga. Batemos coa batidora con coidado (sen apretar moito) ata que sexa unha pasta de textura areosa.
  2. Estendemos a pasta no molde, procurando que quede lisa e sen bultos. Metemos no frigorífico.
  3. Raiamos a casca das limas e gardámola nunha taciña tapada con film para despois.
  4. Noutro bol, botamos o leite condensado e o zume das limas. Batemos. Despois engadimos a crème fraîche e seguimos batendo ata que sexa unha pasta homoxénea.
  5. Vertemos con coidado por riba da pasta base, estendendo para que quede liso. Deixámolo repousar un mínimo de catro horas no frigorífico.
  6. Antes de servir, esparexer a raiadura de lima por riba e engadir tamén raspiñas do chocolate negro. Sendo unha torta tán pálida, faráa destacar moito máis.
Torta "espida" antes de lle engadir as raiaduras de lima e chocolate
Torta "espida" antes de lle engadir as raiaduras de lima e chocolate

No caso de que sobre, durará tres ou catro días no frigorífico. Que aproveite!