Gaspacho de manga con polo adobado

Xa chega a calor e con ela as sopas frías, entre elas o popular gaspacho. Esta receita é unha adaptación desta do Comidista, que atopei por casualidade e non podo estar máis contenta con ela: a sopa é refrescante e cun punto doce e o polo (ou as gambas da orixinal) adobado fai un contraste de sabor marabilloso. O gaspacho pode gardarse no frigorífico un par de días, así podedes experimentar con diferentes guarnicións.

Se queredes probar máis sopas frías, botádelle un ollo a esta de cogombro e iogur, ou a estoutro gaspacho de amorodos e mazá, un dos pratos que máis éxito tivo o ano pasado ;) E se o que vso gusta é a manga, probade esta mousse, unha lambonada perfecta!

Ingredientes (para dúas ou tres racións)

400 gr. de tomates ben maduros

Unha manga ben madura

Unha cebola tenra pequena

75 ml. de aceite de oliva virxe extra

2 culleres de vinagre branco

Un (o dous) vasos de auga fría

Sal ao gusto

Para o polo

2 filetes finiños de peituga de polo

2 beliscos de xenxibre en po

3 ou 4 culleradas de aceite picante (ou normal, segundo o gusto)

Sal e pementa negra

 

  1. Lavamos os tomates e cortámolos en anacos pequenos.
  2. Facemos o mesmo coa manga e a cebola tenra, esta última canto máis fina mellor.
  3. Botamos todo na trituradora xunto o resto dos ingredientese triturámolo ata que estea ben mesturado. É mello botar un só vaso de auga ao comezaren, e corrixir a textura polo camiño. Ao final probamos e corrixirmos o sal se fose necesario. Deixamos no frigorífico polo menos unha hora.
  4. Cortamos o polo en tiras de 2 cm de largo e botamoslle o xenxibre, a pementa e o sal. Quecemos o aceite na tixola e fritimos ata que estea ben dourado e un chisco crocante nas puntas.
  5. Servimos o gaspacho no prato e decoramos cun pouco de aceite e cas tiras. Ou poñémolas nun prato aparte, como vos guste.

Que vos aprece a idea? Gústavos a combinación de froita con cousas salgadas?

gaspacho-manga-2 gaspacho-manga-1

 


Mousse de manga

Voltamos cunha crema fría das que tanto me gustan! Os que seguides o blogue dende os comezos lembraredes a panna cota... esta é unha variante con mango e aínda máis sinxela de facer. Para que saia ben boa o mango ha de estar ben maduro, hai un xeito de cortalo e pelalo moi rápido, podeédelo ver nesta ligazón.

Para decorar os vasiños podedes usar raspiñas de chocolate negro, como fixen eu, pero tamén de chocolate branco, améndoas picadas ou canela. Ao gusto de cada si!

Ingredientes (para 6 vasiños)

400 ml. de nata para bater

1 manga grande

2 culleres de azucre

4 láminas de xelatina

Chocolate negro relado, para decoraren

  1. Botamos a nata nunha tixola grande e quecemola a lume medio co azucre.
  2. Pasamos a manga cortada e pelada pola batedora, ata facer unha polpa.
  3. Engadímoslle as láminas de xelatina á nata e remexemos ben. Retiramos do lume e engadimos a polpa de manga, tendo conta de que se mesture dun xeito homoxeneo.
  4. Repartímola nos vasiños e metémola no frigorífico polo menos seis horas. É mellor tapar os vasiños con film transparente para que non collar olores.
  5. Sacamos os vasiños e decorámolos antes de servir.

Que aproveite!

mousse_mango1 mousse_mango3


Espeto de porco, albaricoque e touciño entrefebrado

Tiña ganas xa dende hai tempo de probar un espeto de carne, e un día atopei de casualidade esta receita que fixen sen moitos cambios (e tan sinxela, que non dá para máis!). No canto de ameixas usei albaricoques deses pequeniños, pero penso repetila cas ameixas moradas, as miñas favoritas. A mestura de carne e doce non sempre é do gusto de todo o mundo, sempre podedes facer probas con outras froitas (o mango iríalle ben) ou facelas con touciño só, pero así perderían un pouco de gracia...

Moi recomendable para leva preparada a unha barbacoa, ou para facer nunha tixola-grella que teñades por casa. Eu só teño unha tixola normal, e tiven que recortan un chisco as puntas do espeto para que caibesen: ollo con iso, comprobádeo antes de insertar a carne.

Ingredientes (para catro espetos)

250 gr. de paleta de porco en dadiños de 2x2 cm.

5 albaricoques pequenos

8 tiras de touciño entrefebrado

Sal e pementa

Un chisco de aceite - só se usades unha tixola

  1. Botamoslle o sal e a pementa á carne.
  2. Lavamos os alabaricoques e cortámolos pola metade. Quitámoslles o óso.
  3. Cunha tira cada unha (ou media, se e moi larga) envoltamos as metades dos albaricoques.
  4. Metemos un anaco de carne, medio albaricoque e así sucesivamente ata que o espeto quede case cheo, deixando un espacio para collelo cas mans.
  5. Quentamos a tixola (grella, barbacoa, etc.) e cociñamos ata que o porco estea ben feito e o touciño crocante.
  6. Servimos axiña, que frío non vale nada!

Nota: Un truco para que os espetos non rachen é mercalos de bambú. Son máis caros pero tamén máis resistentes. Se non, collede uns "de toda a vida" e deixadeos en remollo vinte minutos antes de usalos, así quedarán máis elásticos.

Que aproveite!espeto5 espeto4 espeto2