Cebiche de lagostinos, manga e aguacate

Xa tiña ganas de facer un cebiche hai tempo, pero ata hoxe non o din feito, co sinxelo que é! Un prato moi xeitoso para o verán, cando non apetece acender a cociña, e é ademáis moi saboroso e lixeiro.

A receita orixinal é de Cocinando entre olivos, mais eu modifiqueina para facela máis doada e para menos racións! Podedes cambiar os lagostinos por gambas ou polbo, se vos gusta isto, lembrade ler esta receita de polbo mariñado!

Ingredientes (para 3 ou 4 racións)

400 gr. de lagostinos

1 aguacate pequeno

Zume dun limón grande ou 2 limas

Media manga

Media cebola morada

1 culleriña de mostaza

1 semente de caiena

Un chisco de sal e aceite de oliva

Coandro ou perixel, para decoraren

  1. Poñemos os lagostinos nun bol ca cebola pelada, lavada e cortada en anaquiños.
  2. Engaimos a pel relada do limón ou as limas, despois botámoslle o zume.
  3. Engadimos a mostaza, remexendo.
  4. Por último, engadimos o sal e a caiena e metémolo no frigorífico, deixándoo repousar uns 45 minutos.
  5. Cortamos a manga e o aguacate en dadiños e botámolo á mestura ao sacala do frigorífico. Decoramos con aceite de oliva e un pouco de coandro ou perixel.
  6. Servimos frío.

Probastes algunha vezo cebiche? Tendes algunha recomendación? Deixádea nos comentarios ;)

cebiche_lagostino_manga


Porco guisado con ameixas

Este guiso é típico da zona sur de Portugal, o Alentejo, sendo coñecida noutras zonas do país coma "porco á alentejana". Ten unha elaboración bastante longa, hai que mariñar a carne o día antes, pero queda un sabor tan especial que ben paga a pena. A carne de porco pode ser de varios cortes, pero queda mellor un que teña graxa, tipo paleta.

Este é un deses pratos com moitos sabores: eu son das que gustan deles, pero hai xente que prefire sabores máis sinxelos, hai queda o aviso :) O mesmo acontece co coandro, a mín gústame: desta vez non lle puxen porque non tiña, pero á maioría da xente que coñezo dalle noxo... ¿a vós gústavos? Contade as vosas vicisitudes co coandro nos comentarios ou no noso Twitter!

Ingredientes

500 gr. carne de porco
1 kg ameixas
2 cebolas
2 culleres de massa de pementão
4 tomates
2 culleres de unto (lardo)
1 vaso de viño branco
1 folla de loureiro
2 craveiras
Coandro fresco (opcional)
Sal e pementa ao gusto de cada un
2 dentes de allo

  1. Cortamos a carne en anacos pequenos.
  2. Xuntamos o pementón, o viño branco, o loureiro, as craveiras, un dente de allo picado, o sal e pimenta. Remexemos e deixamos mariñar dun día para o outro.porco-ameixas4
  3. Ao día seguinte cortamos as cebolas en rodas, o outro dente de allo e o tomate sen pel nen anacos duros, e levámolo todo ao lume cunha culler de unto.
  4. Deixamos refogar ata que o tomate e as cebolas estean cocidos.
    Engadimos as ameixas, previamente lavadas varias veces.
  5. Logo de que as ameixas abran, salpementamos e deixamos ferver 1 minuto máis.
  6. Retiramos do lume. Noutro recipiente fritimos a carne co resto do unto.
  7. Engadímoslle 2 culleres do líquido da mariñada e deixamos cocer durante uns 5 minutos.
  8. Xuntamos as ameixas e a carne, servimos con cachelos ou patacas fritas en cubos, todo esparexido con coando fresco picado.

porco-ameixas3

porco-ameixas1


Vieiras ao forno con xamón

Esta receita é un clásico na miña casa, e vén sendo unha mestura entre dúas receitas de vieiras do libro "Cocina gallega" de Álvaro Cunqueiro e Araceli Filgueira. Como podedes ver, non ten complicación ningunha, o máis difícil é lavar as vieiras, pero se as comprades conxeladas xa non fai falla.

Xa contaredes que tal vos sae!

Ingredientes (para 6 vieiras):

6 vieiras - frescas ou conxeladas

100 gr. de xamón en taquiños

100 ml. de aceite de oliva

1 cebola grande picada moi finiña

100 gr. de pan relado

Medio vaso de viño branco (opcional)

Sal

  1. Se as vieiras son frescas, abrímolas cun coitelo, despegándoas da cuncha plana e deixándoas na cóncava. Quitámoslle uns flecos que teñen e lavámolas cun chorro de auga fría. Escóase a auga e sazónanse con sal.
  2. Se son conxeladas, colocámolas nunhas cunchas, para decoraren. Isto é o que fixen eu.
  3. Quentamos o aceite nunha tixola e facemos un rustrido ca cebola e o xamón, a lume medio. Podemos engadir o viño branco neste paso, deixándoo cocer un chisco máis.
  4. Cubrir as vieiras co rustrido e bótarlle o pan relado por riba.
  5. Cocer no forno a 180º durante 15 minutos, ata que o pan comece a dourar.

Que aproveite!

vieiras1


Spaghetti alle vongole (con ameixas)

Cando era pequena alguén aprendeume que a pasta non se tomaba con peixe nen con marisco, e tardei moitos anos en superar esa manía, non sei por qué. A pasta vai ben con case calquera cousa! Eu non fixen a proba, mais penso que tamén saberá ben con croques ou mexillóns.

Esta receita é típica en italia, sobretodo na rexión de Nápoles: moi sinxela e bastante lixeira, fai moito avío como prato post-festas de Nadal :D

Ingredientes (para 4 racións)

400 gr. de spaguetti

1 kilo de ameixas

150 ml. de viño branco seco

150 gr. de tomatiños cherry

1 dente de allo, picado

4 culleres de aceite de oliva

1 chile (opcional)

Sal, pementa ao gusto.

  1. Nunha pota botamos o viño e as ameixas. Co lume medio, tapamos a pota e deixamos que as ameixas abran co vapor do viño. Cando estean todas abertas, retiramos e deixamos enfriar un pouco.
  2. Botamos a cocer os spaghettis segundo as instruccións do fabricante.
  3. Escoamos o líquido do paso 1 tendo conta de que non quede area. Sacamos as ameixas das conchas, deixando algunha enteira para decorar.
  4. Nunha tixola grande quentamos o aceite e botamos: o allo, o sal, a pementa, os tomatiños abertos pola metade (e o chile, se vos gusta picante). Deixamos cocer 5 minutos e esmagamos os tomates cunha culler de pau para que solten a polpa. Engadimos as ameixas e o viño.
  5. Escoamos a pasta e botamola na tixola, remexendo ben.
  6. Colocamos a mestura no prato e decoramos cas ameixas enteiras.

Nota: Non fai falla botarlle queixo, o prato xa ten un sabor moi intenso de seu. Que aproveite!

spaguetti_vongole2