Lasaña de berenxenas, mascarpone e alfábega

Pasou máis dun mes, e sigo co mesmo problema! As cousas diarias non me deixan moito tempo para escribir aquí e o que é peor: para cociñar :S Pero esta fin de semana puiden facer esta fantástica lasaña, que é vexetariana e ben doada de facer.

Levando tan poucos ingredientes, é importante que sexan de calidade: berenxenas ben frescas, pasta boa (se a podedes comprar seca e cocer aínda mellor que na receita), alfábega fresca (vendéna en case todas as grandes superficies e en moitas froiterías), tomate fritido con pouco azucre,  aceite de oliva virxe extra e queixo tipo emmental, parmesano ou manchego (ollo cos paquetes preparados que só poñen "gratinado" ou "mix horno", non pon queixo porque efectivamente non é queixo). A receita na que me inspirei (a miña é unha versión máis sinxela) levaba requeixo, pero eu non o puiden atopar cando precisaba, de todos os xeitos, o cambio por mascarpone foi moi satisfactorio.

Ingredientes (para 4 ou 5 racións)

2 berenxenas grandeiras

8 placas de lasaña pre-cocida

600 ml. de prebe de tomate fritido

350 gr de queixo mascarpone

20-30 follas de alfábega fresca

100 gr de queixo relado para gratinar

Aceite de oliva virxe extra

Sal

  1. Pelamos (eu optei por deixarlle un chisco de pel, isto vao ao gusto) e cortamos as berenxenas en rodas de 2 cm aproximadamente.
  2. Nunha tixola grande botamos unha culler de aceite de aceite de oliva, agardamos a que queza e imos colocando as rodas ata que douren. Dámoslle a volta e cando estean polo outro lado retiramos e repetimos a operación ata que non queden máis rodas.
  3. Prequecemos o forno a 180º, arriba e abaixo.
  4. Nunha fonte grande estendemos 3 culleres de tomate fritido e colocamos 4 placas de lasaña.
  5. Poñemos as rodas de berenxena, o mascarpone (é un pouco díficil de estender, paciencia), a metade das follas de alfábega, un pouco de aceite de oliva e sal, coma nesta foto:
  6. Engadimos tomate fritido por riba (4 ou 5 culleres) e repetimos o paso anterior e rematamos co resto do tomate e o queixo de gratinar.
  7. Cocemos no forno durante 30 ou 40 minutos, ata que o queixo estea un pouco torradiño.
  8. Deixamos repousar 20 minutos e servimos. Estará máis boa ao día seguinte: se podedes, agardade deixándoa no frigorífico.

Qué vos parece? Se queredes probar outras lasañas, temos esta receita de Lasaña rápida de grelos


Queique de millo e mascarpone

Coma tantas outras, esta receita naceu de aproveitar cousas que xa tiña na casa: unha vai comprando para facer outras receitas e logo quedan botes de todo a medio gastar. E así que cambiei a fariña de trigo pola de millo e no canto de usar aceite de xirasol ou manteiga coma noutros queiques, decidín probar o mascarpone: non sei por cal dos dous cambios é, pero a textura é moi especial, non se asemella en nada a outros queiques que probei.

Un aviso para os máis larpeiros: esta torta non queda moi doce de por si, pero podédela acompañar de máis mascarpone e mermelada, ou de mel, chocolate, etc.

Ingredientes (para 8-10 racións)

180 gr. de queixo mascarpone, morno

220 gr. de fariña de millo

150 gr. de azucre de caña

4 ovos

1 culler de lévedo químico

Un belisco de sal

Aceite de xirasol para o molde

Mascarpone e marmelada de arandos para acompañar

  1. Prequentamos o forno a 170º
  2. Separamos as xemas das claras, cadansúa nun bol.
  3. Batemos as claras co sal ata facer punto de neve.
  4. Engadimos o azucre e os mascarpone ás xemas e batemos ata formaren unha masa homoxénea.
  5. Mesturamos a fariña de millo co lévedo nun prato.
  6. Engadímola aos poucos á mestura das xemas.
  7. Engadimos as claras a punto de neve e batemos a man para que non baixen e quede o queique máis esponxoso.
  8. Aceitamos o molde. Se queda moito aceite, limpamos cun pano de papel.
  9. Cocemos no forno durante 30-40 minutos, ata que estea ben dourado. Para ver se coceu ben, metemos un coitelo ou unha agulla de calcetar, ao sacar ten que estar seco/a.

Que aproveite!queique-millo3queique-millo1queique-millo2


Vasiños de crema de mascarpone e cereixa

Xa levamos varias receitas con mascarpone nesta casa: o tiramisú e a pasta con espicanacas e mascarpone, pero a verdade e que por textura e sabor é un queixo moi versátil. A proposta desta semana e dunha sobremesa ben fresquiña, xa pensando nese verán que tanto está tardando :)

Ingredientes (para 8 vasos pequenos ou 5 normais)

250 gr. de cereixas sen óso

250 gr. de mascarpone

2 ovos

120 gr. de azucre

2 culleres de azucre avainillado (haino no Froiz, p.e.)

1 lámina de xelatina neutra

Un chisco de canela en po

10 galletas de manteiga tipo bretón (opcional, só se queremos unha base crocante)

 

  1. Se queredes unha base de galletas, esmagádeas coa trituradora, repartídeas nos vasiños aplastando cunha culler para que collan a forma.
  2. Lavar e escoar as cereixas, quitarlles o óso (é mellor usar un pauciño, coma xa explicara na torta de cereixas Twin Peaks). Reservar un feixe delas para decoraren ao final.
  3. Poñer a lámina de xelatina en remollo en auga fría durante 5 minutos.
  4. Meter as cereixas nunha pota coa lámina de xelatina (que ha derreter) a metade do azucre e maila canela. Cocer a lume medio durante 20-25 minutos. Pasar pola batidora para facer un puré. Deixar arrefriar.
  5. Romper os ovos separando as xemas das claras.
  6. Nun bol grande, bater as xemas co resto do azucre e o azucre avainillado. Cando estea mesturado, engadir o mascarpone aos poucos ata que a masa sexa homoxénea.
  7. Bater as claras ata que estean firmes, e ir engadindo a modiño á mestura do bol.
  8. Poñemos crema do mascarpone en cada vasiño ata a metade máis ou menos, engadimos por riba o puré de cereixa. Podemos decorar cas cereixas que queden enteiras (eu cominas polo camiño :D)
  9. Deixamos repousar no frigorífico unhas 6 horas coma mínimo.

Se non vos gustan as cereixas, podedes probar a facelo con amorodos, amoras ou incluso mango! Que aproveite!

vasinho_mascarpone4vasinho_mascarpone2vasinho_mascarpone5

 


Pasta con espinacas e mascarpone

Unha receita sinxela adicada a todos aqueles que están fartos de comer a pasta con tomate/boloñesa/atún... Ademáis, é bastante lixeira e apta para vexetarianos. É unha versión simplificada desta.

Normalmente escribo un pouco de historia sobre o prato, pero como non sei se isto é típico (dame que non) non ten complicación ninguna e as fotos falan por si soas, desta vez a introducción quedou ben breve :D

Ingredientes (para 2 racións)

200 gr de pasta

200 gr de espinacas frescas

150 gr de queixo mascarpone

4 culleres de aceite de oliva

Queixo parmesano ao gusto

Noz moscada

Sal e pementa

  1. Cocemos a pasta segundo as instruccións do fabricante. Escoamos, pero gardamos un vaso da auga coa que cocemos.
  2. Nunha tixola grande poñemos o aceite a quecer. Engadimos as espinacas, sal e pementa. Tapamos e cocemos durante 5 minutos. Cando estean oscuras, botamos o mascarpone e medio vaso da auga da pasta e remexemos para que se mesture cas espinacas. Ten que quedar cremoso pero non liquido.pasta2 pasta1
  3. Mesturamos a pasta e as espinacas na pota. Se queda seco (é dificil de remexer ca culler de pau) engadimos o outro medio vaso de auga da pasta.
  4. Servimos nun prato fondo co queixo parmesán por riba.

Gústavos a pasta con verduras? E con peixe? Ou sodes máis da clásico boloñesa?

pasta4