Ensalada de outono

A segunda ensalada da historia do blog! Esta combinación probeina hai pouco e a verdade é que me convenceu totalmente! Coma case todas as ensaladas, admite variacións: os figos poden ser frescos ou pasos, o queixo pode ser de tetilla (ou de San Simón, se lle queredes dar un toque afumado), e as abelás torradas pódense cambiar por améndoas en láminas ou noces. O que vos vaia mellor ;)

Ingredientes (para dúas racións)

Unha bolsa de leituga tipo "folla de carballo"

Unha bola de queixo mozzarella

4 ou figos

Unha presa de abelás

Unha culler de vinagre de Módena ou de Xerez

Dúas culleres de aceite de oliva virxe

Unha culleriña de mel

Sal

  1. Poñemos a leituga nun bol.
  2. Cortamos a mozzarella en rodas ou dadiños, os figos en cuartos, engadímolos á leituga, xunto cas abelás.
  3. Mesturamos o vinagre co mel ata que sexa un líquido homoxeneo.
  4. Engadimos a mestura do paso 3, o aceite e o sal.

Servimos cun pouco de pan, e se queredes, unhas lonchas de xamón, delicioso!


Couves de Bruselas con mel e mostaza

As couves, coles ou coias de Bruxelas son unhas pequenas verduras da familia do brócoli e a coliflor. Teñen mala fama por teren un sabor un pouco amargo, e porque  soltan un cheiro fedorento ao cocelas. Pero nesta receita soluciónanse os dous problemas, xa que ao facelas á grella non cheiran, e vaiselle o amargor. Ainda por riba, o mollo de mel e mostaza complementa perfectamente ás couves, están deliciosas! A mostaza que usei é a de "ao xeito antigo", a de puntiños, xa que a outra é moi picante para esta receita.

A receita é tan sinxela que admite moitas variacións: cun pouco de panceta, con vinagreta de zume de limón, piñóns, etc. Se tendes máis ideas de adobos, deixádeas nos comentarios!

Ingredientes (para 2 racións)

Medio quilo de couves de Bruselas

2 culleriñas de mel

2 culleriñas de mostaza, estilo antigo

6 culleres de aceite de oliva

Un chisco de sal

  1. Lavamos as couves, quitámoslles as follas de fóra e a base dura, e partímolas pola metade ao longo.
  2. Nunha tixola grande quecemos a metade do aceite a lume medio.
  3. Cando estea quente, poñemos as couves ca parte lisa cara abaixo. Deixámolas a lume medio 7 ou 8 minutos, ata que estean un pouco churruscadas (ver foto).
  4. Dámoslle a volta, botamos o sal e churruscamolas polo outro lado. Reservamos.
  5. Repetimos a operación (porque no hai tixola onde caiban todas deste xeito).
  6. Mesturamos o mel e a mostaza nunha cunca.
  7. Poñemos todas as couves na tixola, como poidamos, e apagamos o lume.
  8. Botamos o mollo e remexemos ben, non importa se soltan algunhas follas, é normal.
  9. Servimos quente, que isto frío non vale nada!


Cinco cousas xeitosas que se poden facer no microondas

O microondas case sempre se usa para quentaren o leite ou as sobras do día antes, pero tamén pode facer avío noutras situacións. Velaiquí tendes unha pequena escolma de trucos.

Se vos gustan este tipo de artigos, lembrade os cinco trucos para facer tortilla de patacas, ou os cinco trucos para facer ben a pasta. E se sabedes algún truco máis co microondas, contádeo nos comentarios!

  1. Facerlle un remollo exprés aos garavanzos/lentellas ou fabas: Se esquecestes poñer os grans a remollo a noite antes, metédeos nun bol cubertos de auga e metédeos no microondas a potencia máxima durante 10 minutos. Despois deixádeo repousar 40 minutos máis dentro, e voilà! Listos para cocer!
  2. Asar patacas: se non tendes forno e queredes unhas patacas asadas que non costa nada de facer, botádelle un ollo a este artigo, do sempre recomendable blog de María Tesouro. Unha guanición de primeira!
  3. Pelar allos máis rápidamente: se metedes os dentes de allo durante 15 segundos a temperatura media, despois será moito máis doado quitarlles a pel.
  4. Arrenxar o mel "duro": cando leva un tempo no bote ou vai moito frío, o mel queda duro e pode ser difícil de estender. Para solucionalo, metémolo 30 segundos a temperatura media e voltará ao seu esplendor. Se aínda quedase duro, repetimos a operación. Vale o mesmo para a Nutella fría ou resesa.
  5. Facer un brownie nun minuto: só cómpre unha taza e os ingredientes, non poño receita porque Internet está cheo delas, coma por exemplo esta. Vai ideal cunha bola de xeado de vainilla, que derretirá co calorciño do brownie. Un consello: O mellor é comelo nada máis facelo, porque aguantar o que se di aguantar, non aguanta ben.

Macedonia vermella

Xa vai chegando o bo tempo (máis ou menos) e con el a tempada de amorodos. Os que ledes o blogue habitualmente xa sabedes que me gustan moito, xa fixen batidos, queiques e gazpachos con eles.

Esta receita fai moito avío para almorzar ou merendar... tamén coma sobremesa, pero entón gardade espazo durante o xantar! Se non tendes noz moída, podedes empregar améndoas (moídas ou en láminas), abelás ou pistachos, seguro que queda moi ben. Coma toda a froita, sabe mellor a temperatura ambiente: se sacades as cousas da neveira, deixade pasar unha hora polo menos.

Ingredientes (para dúas racións)

10-12 amorodos grandeiros

1 caixiña de framboesas

2 culleres de noz moída.

Mel ao gusto

Un feixe de piñóns

  1. Lavamos e cortamos os amorodos en dadiños , retirando a parte verde.
  2. Repartímolos en dúas cuncas, canda as framboesas e a noz.
  3. Remexemos un pouco cunha culler e botamos o mel por riba.
  4. Decoramos cos piñóns e servimos.

Que aproveite!

macedonia-1


Polo rebozado ao mel

Polo rebozado ao mel

Xa sabedes que o polo é unha das miñas carnes favoritas*: vai ben con case todo! Desta vez probei a facer unha combinación doce-salgado, ademáis de crocante, e quedou super ben! Os filetes están bos só co rebozado, pero o mollo fai un contraste delicioso: é adictivo!

Se vos sobra mollo, coma me pasou a min, podedes probalo con filetes de porco, ou incluso de pato. Ou máis sinxelo: como acompañamento para un arroz ou un puré de patacas.

A receita é unha adaptación desta, pero cunhas proporcións máis axeitadas á xente que non vive en Norteamérica (menos mollo, menos fariña e menos ovo :D)

Ingredientes (para 2 ou 3 racións):

400 gr. de filetes de peito de polo

150 gr. de fariña

1 ovo grande, batido

1 culleriña de tomiño

1 cullleriña de ourego

1/2 culleriña de pementón

Sal e pementa

300 ml de aceite de xirasol, pra fritir

Para o mollo:

100 ml. de mel

2 culleres de mollo de soia

1 dente de allo, picado todo o que poidades

1 culler de Maizena

  1. Botamos o mel, a soia e o allo nunha tixola. Quecemos a lume medio durante 15 minutos.
  2. Nun vaso con 50 ml. de auga disolvemos a Maizena e engadimos esta mestura á tixola. Remexemos un par de minutos e retirámola do lume.
  3. Nun prato fondo, mesturamos a fariña e as especias. O ovo ha de estar noutro prato fondo, a carón.
  4. Se os filetes son moi largos, cortámolos en tiras: así collerán máis rebozado. Botámoslles sale e pementa, pasámolos polo prato da fariña, polo do ovo batido e outra vez na fariña, premendo ben para que quede compacto.
  5. Quecemos o aceite de xirasol nunha tixola pequena, cando estea ben quente botamos a fritir o polo. Con 2 ou 3 minutos por cada lado é dabondo, non fai falla que quede marrón.
  6. Retirámolo a un prato cuberto con papel de cociña.
  7. Servimos nos pratos: podedes botar o mollo por riba ou poñelo nunha cunca, por se a alguén non lle gustase (hai xente pra todo).

Que aproveite!

polo-rebozado-3 polo-rebozado-1

*"Eu o que quero é polo" non quedaba moi ben coma nome, pero é así...