Hummus de faba e tomate seco

O hummus é un prato que fai moito avío, xa sexa para levar como entrante nunha comida ao aire libre, como cea lixeira ou como unto para os bocadillos. Esta versión ten un sabor e unha textura moir especial, xa que está feita de fabas. É un pouco máis pesado có de garavanzos ou có de lentellas, estades avisados ;)

Coñecedes máis variedades de hummus? Deixade ideas nos comentarios!

Ingredientes (para unhas 6 racións, aproximadamente)

400 gr de fabas blancas cocidas

6 ou 7 metades de tomates secos rehidratados

Zume de medio limón

80 ml de aceite de oliva virgen extra, máis un pouco para decoraren

Un dente de allo ben picado

1/2 culleriña de comiño moído

Pementón doce para a decoración

Un belisco de sal e outro de pementa negra moída.

50 ml de auga morna, para que quede máis lixeiro

  1. Nunha tixola grande botamos unha culler de aceite de oliva.
  2. Fritimos o allo ata que doure e engadimos as fabas, sen líquido, xunto co sal, a pementa e o comiño. Con 3 ou 4 minutos é dabondo.
  3. Retiramos a tixola e deixamos que arrefríe un pouco.
  4. Metemos todos os ingredientes nun recipiente e pasámolos pola batedora, ata que formen unha masa homoxénea. Se vos queda moi espeso, engadide un poco de auga e aceite.
  5. Servimos frío, con aceite de oliva e pementón, acompañado de pan (mellor se é crocante ou tipo pita).

 


Cogombros mariñados

Ola de novo! Esta semana vimos cunha receita moi orixinal para usar os cogombros como guarnición. Está inspirada vagamente nos kimchis coreanos, nos que se deixa fermental a col nun líquido durante varios días.

O resultado é que a textura cambia e queda máis suave, e o sabor mestírase co do mollo, unha delicia! Pódense comer sós para petiscar, usar de guarnición de carnes ou como ingrediente dun bocadillo. Eu quiteille sun pouco da pel porque me gustan máis así, tanto dá se lla deixalles ou se lla quitades toda. Hai que deixalos a lo menos 24 horas no frigorífico para que se lles nota o sabor

Aclaración: o mirin é un mollo xaponés a base de arroz. Ten un sabor doce e usase para facer o famoso mollo teriyaki. Pódese atopar en grandes superficies ou en comercios de alimentación asiática, igual que o vinagre de arroz. O mollo Worcestershire, ou Lea&Perrins si que o hai en case todos os super, vai moi ben para botarlle á carne das hamburguesas (un bote dura moitísimo, así que hai que ir buscándolle usos).

Se vos gustan os cogombros, mirade esta receita de sopa fría de iogur, ou esta ensalada tan de verán.

Ingredientes (para 5 ou 6 racións de acompañamento)

3 cogombros pequenos, cortados en rodas de 3 ou 4 mm.

60 ml. de mirin

6 culleres de vinagre de arroz

1 dente de allo ben picado, ou unha culleriña de allo seco

2 culleres de sal gorda

2 sementes de caiena (quitar a pel e deixar os grans)

1 culler de azucre

1 culleriña de mollo Worcestershire (opcional)

  1. Metemos os cogombros nun recipiente largo e pouco profundo e botamos o sal, remexendo para que se reparta ben. Deixámolo repousar 20 minutos.
  2. Aclaramos os cogombros con auga fría e escoamos. Colocámolos nunha rolla e secámolos un pouco, sen frotaren.
  3. Metemos os cogombros no recipiente e botamos todos os outros ingredientes, remexndo ben. Tápamos o bol con paper de prata ou film plástico, e deixamolo na neveira durante a noite.
  4. Conservase ben 4 días no frigorífico.


Couves de Bruselas con mel e mostaza

As couves, coles ou coias de Bruxelas son unhas pequenas verduras da familia do brócoli e a coliflor. Teñen mala fama por teren un sabor un pouco amargo, e porque  soltan un cheiro fedorento ao cocelas. Pero nesta receita soluciónanse os dous problemas, xa que ao facelas á grella non cheiran, e vaiselle o amargor. Ainda por riba, o mollo de mel e mostaza complementa perfectamente ás couves, están deliciosas! A mostaza que usei é a de "ao xeito antigo", a de puntiños, xa que a outra é moi picante para esta receita.

A receita é tan sinxela que admite moitas variacións: cun pouco de panceta, con vinagreta de zume de limón, piñóns, etc. Se tendes máis ideas de adobos, deixádeas nos comentarios!

Ingredientes (para 2 racións)

Medio quilo de couves de Bruselas

2 culleriñas de mel

2 culleriñas de mostaza, estilo antigo

6 culleres de aceite de oliva

Un chisco de sal

  1. Lavamos as couves, quitámoslles as follas de fóra e a base dura, e partímolas pola metade ao longo.
  2. Nunha tixola grande quecemos a metade do aceite a lume medio.
  3. Cando estea quente, poñemos as couves ca parte lisa cara abaixo. Deixámolas a lume medio 7 ou 8 minutos, ata que estean un pouco churruscadas (ver foto).
  4. Dámoslle a volta, botamos o sal e churruscamolas polo outro lado. Reservamos.
  5. Repetimos a operación (porque no hai tixola onde caiban todas deste xeito).
  6. Mesturamos o mel e a mostaza nunha cunca.
  7. Poñemos todas as couves na tixola, como poidamos, e apagamos o lume.
  8. Botamos o mollo e remexemos ben, non importa se soltan algunhas follas, é normal.
  9. Servimos quente, que isto frío non vale nada!


Gnocchi de ricotta e espinacas

Estes gnocchi son un pouco especiais, xa que en vez de estar feitos a base de pataca, son unhas boliñas rebozadas en fariña e logo cocidas estilo bolos do pote. Son típicos da rexión da Toscana, onde se coñecen coma "gnudis", que significa nus, xa que parecen o recheo dos raviolis, pero sen a pasta. É unha receita sinxela, pero leva bastante tempo, así que mellor deixala para a fin de semana ou días libres que teñades por aí.

Como nesta casa somos moi fans da comida italiana, xa temos un pequeno arquivo de receitas, se a vós tamén vos gusta, botádelle un ollo a estes arancinis de lacón e queixo, á pasta con grelos e salchichas ou a estes spaguetti á amatriciana.

Ingredientes (para 2 racións)

Medio quilo de espinacas frescas, ou un cuarto de conxeladas.

250 gr. de ricotta

1 ovo

50 de queixo "Parmiggiano"

15 gr. de manteiga

Un dente de allo

Un chisco de noz moscada moída.

Sal e pementa

Un prato de fariña "00" (a de facer pan)

Para acompañaren:

20 gr. de manteiga

Follas de salvia fresca, ou salvia seca

20 gr. de queixo relado

  1. Cocer as espinacas durante 5 minutos en auga fervendo con sal.
  2. Escoar todo o que se poida.
  3. Nunha tixola derretemos a manteiga e fritimos as espinacas durante 2 minutos. Deixamos arrefriar, e se sobra auga, escoámola. E importante que non quede líquido ningún.
  4. Cortamos as espinacas moi finas nunha táboa de madeira. Se aínda soltan líquido, apretádeas cas mans no fregadeiro.
  5. Nun cunco grande botamos as espinacas, o ovo, a ricotta, as especias e mailo queixo relado. Mesturamos ben para que todos os ingredientes queden repartidos.
  6. Preparamos un prato chan ca fariña, e outro sen fariña ao lado.
  7. Humedecemos as mans e facemos boliñas do tamaño dunha noz grandeira.
  8. Este paso require un chisco de paciencia: Rebozamos as boliñas na fariña e pasamolas ao prato limpo. Deixamolas repousar 10 min., volvémolas rebozar ca fariña e deixámolas no prato con fariña unha hora. Despois dámoslle unhas voltas sueves nas mans para que queden ben feitiñas e collan ben a fariña (ver foto de abaixo).
  9. Cocemos as boliñas en auga fervendo. En canto soban á superficie, retirámolas cunha escumadeira e botámolas nos pratos onde as imos servir.
  10. Derretemos a manteiga ca salvia e botámoslla por riba. Finalizamos co queixo relado!

Que aproveite!

 


Quinoa con rustrido de lentellas

A quinoa é un pseudo cereal (igual que o trigo mouro), moi típico da zona dos Andes. Os principais países produtores son Bolivia e Perú, onde é unha parte moi importante da súa alimentación. En Europa púxose de moda hai uns anos, grazas as súas propiedades nutritivas e a súa doada dixestión.

Para comprala podedes ir aos supermercados, onde venden paquetes preparados, ou nas tendas a granel que están a xurdir polas vilas e cidades, onde sae un pouco máis económica. Haina de tres tipos: branca, vermella e morada. A branca é a máis popular polo seu sabor neutro, as outras variedades teñen un sabor máis "terroso".

NOTA: É importante lavar a quinoa antes de cocela para quitarlle o sabor amargo.

Veredes que esta receita está no apartado vexetariano malia levar gambas, é porque son fácilmente substituíbles por pementos, alcaparras, caiena... o caso é experimentar!

Ingredientes (para catro racións, aproximadamente)

200 gr. de quinoa branca

200 gr. de lentellas cocidas

Dous tomates ben maduros (valen os pelados de lata)

Media cebola grande ou unha pequena

100 gr. de gambas peladas (ou pementos, alcaparras, etc.)

4 culleres de aceite de oliva virxe extra

Sal e pementa negra

  1. Nunha tixola grande botamos o aceite e quecémolo. Botamos a cebola cortada en tiras finiñas e baixamos o lume a intensidade media.
  2. Deixamos cocer 5 minutos e engadimos as gambas.
  3. Cocemos un par de minutos máis antes de botar o tomate cortado en dados, o sal e a pementa. Cocemos durante 5 minutos e botamos as lentellas.
  4. Cocemos 10 minutos máis, sempre a lume medio, apagamos e deixamos repousar.
  5. Para facer a quinoa hai que lavala antes con auga tépeda. Nunha tixola ou pota pequena botamos a quinoa, un chisco de sal e dúas partes (400 ml) de auga e cocemos a lume alto durante 20 minutos. Ao remataren, remexemos cunha culler de pau.
  6. Servimos a quinoa nun prato e botamos o rustrido por riba.

Que aproveite!

quinoa3