Madalenas de plátano, avea e manteiga de cacaué

Voltamos ás madalenas, desta vez cunha receita moi orixinal a base de plátano e avea: son aptas para celíacos e tamén para vegan@s! Además, ao non levaren case azucre, son un almorzo moi san e completo, desde que enchen para toda a mañá!

OLLO: non saben moi doces, así que se queredes darlle máis sabor podedes botarlle agún condimento (eu usei granola con canela). Se queredes facer máis madalenas, tendes unha receita de nata e noces, e outra máis clásicas coma estas de chocolate.

Ingredientes (para 7 ou 8 madalenas)

225 gr. de flocos de avea

2 plátanos ben maduros

180 ml. de leite de avea

60 gr. de manteiga de cacaué

Un chisco de azucre de caña

Unha culleriña e media de bicarbonato sódico

Un belisco de sal

Chips de chocolate, noces, granola... (opcional)

  1. Prequecemos o forno a 170º.
  2. Picamos a avea na trituradora, ata que quede como unha fariña. Retíramola a un bol, mesturándoa co sal e o bicarbonato.
  3. Rompemos o plátano en anacos e metémolo na trituradora ca manteiga e o leite de avea. Batemos ata obtermos unha textura homoxenea.
  4. Mesturamos todo no bol e engadimos o "complemento opcional"  que queiramos.
  5. Botamos o azucre por riba e cocemos no forno durante 20 minutos, ou ata que estean ben douradas pola parte de arriba. Para saber se están feitas por dentro, podemos pinchalas cunha agulla de calceta, se sae seca é que está lista.
  6. Deixamos arrefríar e gardamos nun tupper hermético.

Que aproveite!

madalena_avea_platano_3

madalena_avea_platano


Queique de limón

Os que ledes a páxina a cotío xa vos decatastes de que teño unha especie de fixación cos queiques e galletas. Desta vez probei unha receita un pouco distinta, pola súa textura e por ir empapada en zume e quedei encantadísima.

A receita é unha adaptación desta de Jamie Oliver, pero facéndoa con fariña normal e quitándolle un pouco de manteiga. Teño que dicir que a cobertura quedou moito menos branca que na foto e a consitencia era moi líquida, o que fixo que tivese que limpar o mesado despois da operación :D A pesares da desfeita, pagou a pena: dalle un toque acedo e intenso o queique que é moi adictivo.

Se queredes probar máis queiques, recoméndovos este de améndoas, laranxas e mandarina, ou agora que xa estamos na primavera, este de amorodos.

Ingredientes (para 10-12 racións)

250 gr. de manteiga (ou margarina) tépeda

270 gr. de fariña triga, máis un chisco para o molde

270 gr. de azucre

4 ovos grandes

3 limóns

2 laranxas

2 culleriñas de fermento químico (tipo Royal)

100 de azucre glass para a cobertura

Un belisco de sal

  1. Prequecemos o forno a 190º.
  2. Cun pouco da manteiga untamos o molde e botámoslle un chisco de fariña espolvoreada por riba.
  3. Nun bol grande batemos a manteiga e o azucre durante cinco minutos, ata que estea mes mesturada e teña aclarado un pouco a súa cor.
  4. Engadimos os ovos e a reladura dunha laranxa e dous limóns, seguimos batendo.
  5. Engadimos a fariña, o sal e o fermento, tamizados.
  6. Engadimos o zume dun limón e media laranxa, mesturamos ata que a masa estea homoxénea.
  7. Metemos no forno e cocémos o queique durante 40 minutos, ou ata que este dourado por riba e ao meterlle un pincho (ou coitelo) saia limpo.
  8. Deixamos arrefriar 5 minutos, desmoldamos e despois deixámolo nunha bandexa de rexas, para que lle dea o aire por baixo tamén, ata que estea completamente frío.
  9. Facemos a cobertura: mesturamos o azucre glass coa reladura e o zume de medio limón e un cuarto de laranxa. Botámolo por riba e servimos.

Que aproveite!

queique_1


Galletas de millo e chocolate negro

Voltamos á carga cunha larpeirada ben boa! Estas galletas son moi fáciles de facer, igual que a mega galleta de noces que publicamos hai uns días. A súa orixe é italiana e en principio levan pasas molladas en ron (podedes ver a receita orixinal nesta ligazón) pero eu cambieina por chocolate porque penso que é un acompañamento ideal para o millo, igual que cando tomaba pan de millo con nocilla para merendar: que delicia! Tamén podedes cambialo por noces, améndoas, arandos... Seguro que ha quedar boísimo!

Ingredientes (para 15 galletas aprox.)

100 gr. de fariña triga

105 gr. de fariña milla

50 gr. de azucre, máis un chisco para a decoración

75 gr. de manteiga sen sal, tépeda

50 gr. de chocolate negro, picado

2 xemas de ovo

2 culleres de leite gordo (enteiro)

Media culleriña de fermento químico (tipo Royal)

1 belisco de sal

  1. Nun bol grande mesturamos as fariñas, o chocolate, o fermento e o sal e remexemos ben.
  2. Cunha culler, formamos un oco no medio e botamos as xemas de ovo, o leite e a manteiga. Amasamos ben ata formarmos unha pasta homoxénea. Debe ser flexible e non deixar restos nas mans. Se vedes que esfarela é que está un pouco seca: a solución é botarlle un pouco máis de leite.
  3. Coa axuda dun film transparente, facemos un cilindro de 4-5 cm. de diámetro, enroscando as puntas coma se fose un chourizo.
  4. Deixamos na neveira a lo menos unha hora.
  5. Prequecemos o forno a 160º.
  6. Cun coitelo ben afilado, facemos rodas dun centímetro de grosor. Botamos un pouco de azucre nun prato e rebozámolas un chisco polos dous lados.
  7. Cocemos no forno a altura media ata que douren, aproximadamente uns 15 minutos, pero depende do forno, andade con conta.
  8. Deixamos arrefriar, estarán máis boas logo dunhas horas de repouso.

Que aproveite!

galleta-millo-chocolate_3

galleta-millo-chocolate_4


Mega-galleta de noces

Agora que vai frío e za esquecemos as enchentas de Nadal, toca unha larpeirada perfecta para facer un domingo pola tarde e ter doce para toda a semana. Como é tan doada, é ideal para facer cos cativos, que de seguro han disfrutar facéndoa e sobre todo, rachándoa logo para comela :)

Se sodes tan fans das galletas caseiras coma min, pode que vos interese a receita destas cookies de chocolate, ou de  pexego e noces de Macadamia. Ou de manteiga e vainilla. En todo caso, hai unha sección adicada a elas, só tendes que premer nesta ligazón. PD: Quero aproveitar para darlle as grazas á miña nai pola receita, e por facer a mostra que vedes nas fotos!

Ingredientes (para unha galleta do tamaño dunha bandexa pequena)

200 gr. de fariña (de trigo, normal)

200 gr. de azucre

200 gr. de manteiga

2 ovos

1 culleriña de fermento químico (tipo Royal)

Unha taza de noces peladas e picadas, (pero non moídas!)

Un belisco de sal

  1. Deixamos a manteiga a a temperatura ambiente e mesturámola co azucre.
  2. Engadimos os ovos enteiros, sen batilos antes. Remexemos cun garfo durante 1 minuto.
  3. Engadimos a fariña mesturada ca levadura e batimos un pouco máis co garfo. Por último, engadimos as noces-
  4. Prequecemos o forno a 180º, por arriba e por abaixo.
  5. Colocamos papel de prata, ou de forno, sobre unha bandexa negra de forno.
  6. Estedemos a masa coa axuda dunha culler, tendo conta para que non quede moi pegada aos bordes.
  7. Cocemos no forno a altura media, se torra moito por riba, baixamos a temperatura a 150º.
  8. Cando estea ben dourado por riba, sacámolo do forno e deixamos arrefriar nun mesado.
  9. Imos collendo anacos segundo apeteza.

Que aproveite!

galleta-noces

galleta-noces-2


Mousse de limón

Esta sobremesa é unha ledicia, especialmente despois dunha boa paparota! A mousse é dixestiva e lixeira, ideal para facer nestas festas; esta ten un sabor a limón intensísimo: tanto, que se non vos gusta así e queredes que quede máis suave, probade a botarlle un limón no canto de dous. A receita é unha adaptación desta outra.

A miña recomendación é que a deixedes repousar no frigorífico toda a noite, se non tendes tempo, polo menos dúas horas. Se sobra, pode gardarse ben na neveira dous ou tres días. Se vos gustan as mousses, botádelle un ollo a esta de manga, ou a esta torta de mousse de chocolate e café. Se por casualidade tendes limóns de sobra na casa, pode que vos interese este artigo: Cinco trucos para facer cun limón.

Ingredientes (para 4-6 racións)

3 ovos grandeiros

2 limóns

200 ml de nata para bater

200 gr. de azucre

6 culleres de auga

10 gr. ( un sobre, ou 6 láminas) de xelatina neutra

Un belisco de sal

Aménodas picadas, para a decoración

  1. Relamos os limóns e facemos zume deles.
  2. Separamos os ovos en claras e xemas.
  3. Nun bol grande botamos as xemas, o azucre, o zume e o relado de limón. Batemos todo ata que aclare a cor e teña unha consistencia homoxénea.
  4. Quecemos a auga nun prato fondo, no microondas. Cando estea quente, pero non fervendo, botamos a xelatina e remexemos ben cunha culler, mellor de metal.
  5. Batemos a nata nun bol ata que faga "piquiños" na superficie. Lembrade que cando máis fría estea de antes, mellor vai subir.
  6. Xuntamos a xelatina ca nata, tendo conta que non queden grumos. O mellor é bater a man cunha batedora de variñas, a modiño.
  7. Botamos esta mestura no bol do paso 3, repetimos o procedemento.
  8. Batemos as claras e mailo sal a punto de neve.
  9. Repetimos o paso 6, batendo con movementos amplos para non estragar demasiado o punto de neve.
  10. Botamos nuns vasos de cristal, tapámolos e deixamos repousar alomenos dúas horas.
  11. Decoramos con reladura de limón, améndoas, noces, etc.

Que aproveite!

mousse_limon_4