Pastel de allo porro, queixo de San Simón e noces

Gustaríame actualizar máis a cotío, pero ultimamente cando teño tempo non teño gañas de me poñer co ordenador e viceversa... Esta semana imos cunha receita ben sinxela que fai moito avío eses días que non nos queremos complicar moito a vida. É importante que o allo porro vaia cortado moi fino, do contrario tarda moito en cocer e pode repetir despois de comelo. A masa de follado póde facerse a man, pero é moi traballoso así que a mellor opción é comprala na sección de refrixerados. Unha moi recomendable é a do Lidl.

O das noces é unha combinación bastante obvia que se me ocorreu despois do allo porro, pero tamén se poden cambiar por outros tipos de queixo, touciño entrefebrado, atún, uviñas pasas, etc. Se queredes ler máis ideas de pratos sinxelos con masas, tendes esta quiche de brócoli, lacón e cebola seca, ou este saboroso calzone de pera, queixo gorgonzola e touciño

Ingredientes para 2 racións (para facermos prato único, se vai de entrante saen 4)

Un paquete de masa de follado rectangular

Un allo porro mediano

90 gr de queixo San Simón relado

Unha presa de noces

3 culleres de aceite de oliva virxe extra

Un belisco de sal

  1. Prequecemos o forno a 180º.
  2. Sacamos o follado da neveira para que quede a temperatura ambiente.
  3. Lavamos e cortamos o allo porro en rodas o máis finas que poidamos. O verde pódese gardar para facer un caldo e con el unha crema de verduras.
  4. Estendemos o follado co seu papel e pinchámolo todo cun garfo agás as beiras (que quede un ou dous cm. de "marco")
  5. Estendemos uniformemente o allo porro cas mans. Botamos dúas culleres de aceite de oliva.
  6. Botamos o queixo San Simón, as noces o sal e o resto do aceite.
  7. Cocemos no forno (co calor enriba e abaixo) durante 20 min, ou ata que estea ben dourado polo marco.
  8. Servimos quente ou gardámolo para o día seguinte :)

Que aproveite!


Galletas de figos e noces

Estaba eu buscando como aproveitar os figos que me sobraran de facer a ensalada de outono e vin estas gorentosas galletas por Internet adiante. Ao final acabei improvisando algunhas cousas e o resultado foi moi bo: non son moi crocantes pero teñen un sabor e un arrecendo fantástico. Coma é lóxico, os figos pódense cambiar por outra cousa "pasa" que non estea moi seca e as noces por améndoas ou abelás.

Se, coma min, sodes  de facer galletas na casa, tamén podedes ver estas de dátiles, estas de vainilla ao estilo vienés ou voltar ás clásicas de pébedas de chocolate. Cales son as vosas galletas favoritas?

Ingredientes (para unhas 14 galletas coma a da foto)

200 gr de fariña triga

100 gr de noces, peladas e picadas

100 ml de aceite de xirasol

70 gr de azucre

4 figos pasos, grandes e cortados en anaquiños

Un ovo

Media culleriña de fermento químico, tipo Royal

Media culleriña de extracto de vainilla

Un belisco de sal

  1. Quecemos o forno a 170º, arriba e abaixo.
  2. Nun bol, mesturamos todos os ingredientes agás a fariña.
  3. Remexemos e imos engadindo a fariña pouco a pouco.
  4. Dámoslle forma cas mans ou cunha culler. Para que teñades unha referencia, vai ben coller anacos de masa do tamaño dunha pelota de ping-pong.
  5. Colocámolas nunha bandexa con papel de forno, deixando espacio dabondo entre elas para cando suban.
  6. Aplastamos un chisco a superficie e cocémolas no forno durante 15 ou 20 minutos, ata que estean douradas por riba.
  7. Deixamos o papel de forno cas galletas por riba dunha bandexa de rellas. Unha vez frías, gardámolas nun recipiente hermético, onde poden quedar 3 ou 4 días.

Que aproveite!

 

 


Crema de plátano e manga, con noces

Unha sobremesa espectacular e barata! Esta crema de plátano e manga tamén serve de merenda ou de almozo, que rica está! A base é a da crema de ovo, pero cun toque fresco pola fruta e crocante pola decoración de noces.

Se vos gustan as cremas e mousses, botádelle un ollo a esta mousse de limón, a esta de manga, ou a esta lambetada máxima que é a torta de mousse de café e chocolate. E se vos sobran claras, podedes facer este biscoito de arandos, un éxito asegurado!

Ingredientes (para 5-6 racións)

3 plátanos ben maduros

Media manga grande, ben madura

400 ml. de leite

200 ml. de nata para bater

100 gr. de azucre

4 xemas de ovo

100 gr. de fariña

2 culleres de manteiga tépeda (opcional)

40 gr. de Maizena

Un belisco de sal

Noces ou froitos secos para a decoración

  1. Pelamos e cortamos os plátanos, pasámolos pola batedora xunto ca manga (tamén cortada) ata faceren un puré.
  2. Nunha pota mediana, a lume medio, botamos o leite, a nata, 50 gr de azucre, a Maizena e a fariña (tamizada cun escoador se tivese grumos) e o sal.
  3. Remexemos cunha culler de pau ata que comece a ferver e espesar. Retiramos do lume.
  4. Engadimos o puré do paso 1, as xemas e manteiga (para darse un toque extra-cremoso, é opcional). Volvemos quecer a lume medio, sen deixar de remexer, durante 5 minutos.
  5. Botamos a masa nun bol, e colocámolo nunha bandexa ou bol máis grande con auga ben fría. Remexemos un pouco, ata que a mestura estea fría.
  6. Dividimos a crema en vasiños, tapámolos con film transparente e deixamos no frigorífico a lo menos 4 horas, aunque o ideal sería deixalo un día enteiro.
  7. Decoramos cas noces partidas (ou avelás torradas, améndoas, etc.) e servimos.

Que aproveite!

 


Cadradiños de chocolate (sen forno)

Esta receita é unha das máis sinxelas que levamos publicado, está pensada para facer con cativos ou para aqueles que non teñen forno na casa. Bueno, en realidade é para calquera que giste do chocolate. Se estades nese grupo, mirade tamén esta receita de torta de mousse de chocolate e café ou esta de cookies de chocolate: lambiscadas para todos!

Unha vez feita pódese gardar varios días na neveira ou incluso no conxelador.

Ingredientes (para 9 ou 12 cadrados, dependendo do molde e as porcións)

300 gr. de chocolate de fundir

180 ml. de leite condensado

100 gr. de galletas

80 de noces

30 gr. de cacau en po

  1. Picamos as galletas nunha trituradora ata que se fagan po.
  2. Nun bol de cerámica botamos 100 gr. de chocolate e fundímolos no microondas. A mellor opción é poñelo en modo "Desconxelar" e facer intervalos de 30 segundos, revisando e remexendo cada vez.
  3. Nun bol grande mesturamos o po do paso 1, o cacau, o leite condensado, as noces picadas e o chocolate derretido, remexendo cunha culler de pau.
  4. Nun molde cadrado ou rectangular estendemos a masa e aplastámola ca culler de pau ata que quede lisa e uniforme. Deixamos arrefriar.
  5. Derretermos o resto do chocolate repatindo o paso 2, estendémolo por riba usando unha culler normal, ata que quede liso. Deixamos arrefriar fóra e logo metémolo no frigorífico, deixándoo repousar a lo menos dúas horas. Ao día seguinte aínda estará mellor.

Que vos parece? Ídelo facer na casa?

cadradinhos_chocolate_1


Brócoli con cous-cous, pasas e noces

O brócoli nunca foi unha verdura que me gustase moito ata hai un par de anos, pero agora non podo parar de argallar receitas con el! Penso que o problema é que sempre o cocía de máis, e así perdía moito do seu sabor. Refogado nunha tixola está delicioso, e desta vez aproveiteino para facer un cous-cous vexetariano que será a ledicia de estudantes e todos aqueles que queiran preparar unha cea rápida.

Para ver cómo se fai una pizza con brócoli, aquí vai unha ligazón. Se pola contra o que vos interesa é o cous-cous, ide mellor a esta receita on polo e verduras.

Recomendación: se vos gusta o queixo azul intenso-pero-non-moito, non deixedes de probar o de Sara&Lara, está riquísimo!

Ingredientes (para 4 racións, aproximadamente)

Un brócoli pequeno

250 gr. de cous-cous

250 ml. de auga

75 gr. de uvas pasas

75 gr. de noces

75 gr. de queixo azul

25 gr. de manteiga

Un tercio de pastilla de caldo

Sal e pementa

  1. Lavamos e cortamos o brócoli, quitándolle todas as pólas.
  2. Disolvemos a pastilla de caldo na auga.
  3. Nunha tixola grande derretemos a manteiga a lume medio. Cociñamos o brócoli (ben partido en anacos) durante 3 ou 4 minutos, ca tapa posta.
  4. Botamos as pasas, o sal e a pementa e a auga, deixámolo cocer un par de minutos máis e engadimos o cous cous. Apagamos o lume e deixámolo tapado un minuto.
  5. Engadimos o queixo en anacos e as noces, remexemos. Se quedase un pouco seco, podemos engadir un pouco máis de manteiga, ou un chisco de aceite de oliva.
  6. Estará mellor ao día seguinte, e aguanta dous ou tres días máis gardado na neveira.

Que aproveite!

brocoli_2

brocoli_1