Crónica gastronómica - A lareira da Alén

Cun pouco de retraso (estiven hai máis de 3 semanas), pero ca tranquilidade de que con este tempo de m***a aínda hai ganas de cocido, veño contarvos a miña experiencia na asociación gastronómica A lareira da Alén, cada vez máis coñecida en Ourense e contorna.

Non se trata dun restaurante senón dunha asociación sen ánimo de lucro que recupera receitas e formas de comer tradicionais. Isto implica que só traballan con reservas, e a partires de dúas persoas. Está situada nunha casa señorial nas aforas de Viduedo, no camiño de Ourense a San Cristovo de Cea: está un pouco agochado, hai que prestar atención aos carteis na estrada porque é moi fácil pasarse.

A casa é moi grande e está en proceso de restauración, na pranta baixa hai unha lareira e unha barra, ademáis de varios salons para eventos. Na pranta de arriba é onde se come: hai unha habitación que ten u mesado moi grande onde deixan as potas do cocido e a louza para servirse (xa que non é un restaurante). Os prezos son moi económicos, tendo en conta a cantidade e calidade da comida.

Neste caso reservara un cocido para catro, que consta de:

  • 1 mini lacón artesán de 1,5 quilos
  • Media cachucha
  • 2 quilos de falda de terneira
  • 1  quilo de ósos da soá
  • 4 chourizos
  • 2 quilos de repolo
  • 4 quilos de patacas
  • Garavanzos (unha chea deles)
  • Sopa
  • Moletes de pan de Cea (cóbranse a parte)

Como podedes imaxinar, sobra un montón de comida, que se pode levar en tupperwares que venden eles  (ou nos teus, se te lembras de levalos). Nós comimos alí e todavía deu para dous xantares máis na casa: aínda estaba máis bo ao día seguinte!

Había outra xente que pedira carne asada ou chuletóns e todo tiña moi boa pinta. Sen dúbida, unha experiencia diferente para ir comer con amigos ou familia. Os donos, moi amables, dixéronnos que tiñan un proxeto de cocido para levar en Quintela de Canedo: O restorán da Alén, que pronto abrirá as súas portas. Haberá que estar atentos!


Cinco sitios onde comer en Ourense

Como din por aí, non están todos os que son, pero son todos os que están. Velaiquí unha escolma dos meus restaurantes favoritos da miña cidade: Procurei que sexan todos do centro por temas prácticos pero se hai demanda outro día fágoo dos arredores. Non tiven en conta as franquicias, e van ordenados de máis barato a máis caro, para que vos sexa máis doado escoller onde papar na cidade das Burgas:

  • Solinas (Rúa Greco, O Couto): un clásico entre a rapazada ourensá polos seus prezos populares, coñecido polas súas hamburguesas e pola mala hostia do servicio. Podedes comer unha hambuerguesa ou bocadillo e  por 6€. Recoméndovos o bocadillo de xamón asado, e tamén que pidades o adubo "salsa Solinas". Se tendes sorte podedes presenciar un arrouto do cociñeiro, tipo "Os vais ir comer hamburguesas a casa de Cristo!". Avisados estades.
  • La Romántica (Rúa Curros Enriquez 43, case no barrio das Lagoas): outro dos restaurantes coñecidos pola abundancia das súas racións, La Romántica é tan popular que se non ides cedo haberá unha cola considerable. O seu prato máis coñecido é a lasaña (seica o cociñeiro aprendeu a receita cando estaba emigrado en Suíza, no cantón italiano). Tamén é moi recomendable a carne, se non tendes moita fame pedide medias racións. Os doces non son destacables AGÁS o flan caseiro, que está boísimo. Adoitan convidar ao café, o normal é gastar 12-15€, se pedides viño.
  • Cocotte Café Bistro (Rúa Doutor Temes 20, As Lagoas): unha das recentes incorporacións á hostalería ourensá, que está collendo unha merecida fama. Ten menús para xantar e cear, os prezos oscilan entre os 9€ do mediodía aos 12-15€ da cea, dependendo das opcións que elixades. Todo o que probei alí está boísimo, destaco as costelas adobadas, os pratos gregos (a moussaka está riquísima) e as sobremesas, estupendas. O servicio é moi amable e atento.cocotte1
  • Vila Real (Rúa Vila Real, 7, O Couto): relación calidade prezo/excelente e un servicio de 10. Encántame ir ao Vilareal porque adoita estar tranquilo e todo o que fan está riquísimo. A súa carta inclúe escolmas de embutidos, pasta, peixe e carne e sempre hai pratos do día que paga a pena probar. A destacar tamén a súa carta de viños. Eu estou namorada das súas sobremesas de tamaño xigante (mellor pedir para compartir), especialmente do sorbete de mojito, a mousse de chocolate e o flan de améndoas.
  • Nova (Rua Valle Inclán 5, centro) O  único restaurante de Ourense cunha estrela Michelín, o Nova é un sitio que nunca deixo de recomendar porque é unha experencia incrible. O local é súper tranquilo (e céntrico!), o servizo impecable e a comida, excelente. Teñen tres menús, eu só probei o curto, e aínda así quedei chea. Por 29€ dan dous entrantes, un prato con ovo, peixe e carne (ver fotos de abaixo), dúas sobremesas e petit-fours. O único é que é un menú pechado, así poden ofrecer ese precio tan asequible. Un sitio para ir con amigos e familia a desfrutar sen parar!

nova1nova2

Coñeces algún sitio máis en Ourense que queiras recomendar? Escríbeo nos comentarios, ou no Twitter: @queroxamon

PD: A foto que ilustra o artigo é de turismo de Ourense, mais non estou patrocinada por eles, esta foi inha iniciativa propia :D

 


As Galeguesas de Facenda O Agro

Hai unhas semanas pasei por Celanova e tiven a oportunidade de ir visitar a facenda O Agro. Trátase dunha explotación agraria que leva varios anos criando gando nos montes de Santiago de Amoroce dun xeito extensivo: as vacas viven libres pacendo herba e así o monte está coidado e non arde, o que fai desta facenda un proxecto moi especial.

primavera3
O monte na primavera

 

vacas1
O monte en setembro

O responsable da facenda é Roberto Álvarez. Despois de estar varios anos emigrado en Madrid e de facer un curso de elaboración de queixo en Euskadi, decidiu voltar a súa vila para comezar este proxecto agrario. Despois de conseguir o arrendamento dos montes comunais e facer a limpeza e o mantemento, os primeiros becerros chegaron no ano 2007: agora hai en total trescentas vacas, cento cincuenta da raza Salers, orixinaria do centro de Francia, e 150 cachenas raza autóctona, máis adecuada para as costas pronunciadas dos montes da Baixa Limia. Entre o coidado do monte e a carnicería da praza da abastos traballan seis persoas.

vacas3

Además da herba, as vacas son alimentadas con millo, cebada e trigo. Como vos podedes imaxinar, a carne é moi saborosa: as súas hamburguesas galeguesas - feitas con pan raiado e un adobo especial de especias- están a coller cada vez máis fama. Tamén traballan xarrete, solombo, entrecote... Véndese a restaurantes, en feiras, en comercios minoristas e na praza de abastos de Celanova, onde teñen unha sala de despece.

sala2

Además da herba, as vacas son alimentadas con millo, cebada e trigo. Como vos podedes imaxinar, a carne é moi saborosa: as súas hamburguesas galeguesas - feitas con pan raiado e un adobo especial de especias- están a coller cada vez máis fama. Tamén traballan xarrete, solombo, entrecote... Véndese a restaurantes, en feiras, en comercios minoristas e na praza de abastos de Celanova, onde teñen unha sala de despece. As galeguesas pódense atopar en tendas como O gran colmado, en Ourense, e tamén en Compostela, Ribadeo, Lugo e Vigo. Se sabedes de máis sitios, por favor avisade nos comentarios!

primavera4

Un dos obxectivos da facenda é evitar que o monte arda. Se as terras están coidadas e teñen uso productivo é moi difícil que prendan grandes incendios e asolaguen o monte. Dende fai anos, nas terras de Amoroce non houbo lumes de importancia. Os terreos que ocupan as vacas do Agro abranguen 800 hectáreas, e Roberto ten intención de traballar con máis proxectos da comarca, cedendo unha parte do monte a asociación cultural Arraianos, que traballa en terapias con animais para nenos con problemas. Ademáis, nestes terreos construirase un centro veciñal para a aldea de Santiago de Amoroce, que aínda non dispón dun.

O que da de si o monte!

primavera1toxos2

As fotos máis verdes (de primavera) foron cedidas por Facenda O Agro, o resto son mmiñas :)