Biscoito de claras e arandos

Un día tiña moitas claras de sobra despois de facer crema de ovo, e buscando que facer con elas decidín facer un biscoito e aproveitar tamén uns arandos que tiña na neveira. O resultado non puido sair mellor: o contraste entre a masa e os arandos é ben bonito, e o sabor é delicioso. Se vos gustan os biscoitos con froita, botádelle unha ollada a este de mazá con canela, a este de melón ou un de amorodos.

Esta é unha receita para un molde de 25 cm de diámetro. É máis practico usar un desmontable con papel de forno por abaixo, pero isto xa depende dos que teñades na casa. Un redondo ben engraxado tamén vale.

Ingredientes (para 8 racions, aprox)

250 gr. de arandos (frescos ou desconxelados)
250 gr de fariña de trigo, máis duas culleres extra para os arandos
100 gr fariña de centeo (podese substituir pola de trigo)
8 claras de ovo
Un iogur natural
120 ml de aceite de xirasol
8 gr. de fermento quimico (tipo Royal)
Media culleriña de extracto de vainilla
Un belisco de sal
Azucre glass para decoraren

  1. Prequecemos o forno a 180 gr e engraxamos o molde con manteiga ou aceite.
  2. Nun bol poñemos as claras, o iogur, o aceite e o extracto de vainilla. Batemos ben.
    Nun prato fondo mesturamos as fariñas, o fermento e o sal.
  3. Engadimos pouco a pouco a mestura do paso 2 no bol do paso 1, sen deixar de bater.
  4. Nun prato fondo ( pode ser o mesmo) botamos as dúas culleres extra de fariña e os arandos, lavados e secados. Rebozámolos con coidado e pasamolos por un escoador para retirar o exceso de fariña.
  5. Botamos 3/4 partes da masa no molde. Esparexemos a metade dos arandos por riba.
  6. Botamos a masa restante por riba e a outra metade dos arandos. Algúns afundirán, non pasa nada.
  7. Cocemos no forno durante 30-35 minutos. Metemos unha agulla de calcetar, se sae seca estará listo. Pode ser que qede pálido por riba, de ser así poñemos calor só por arriba e deixámolo 5 minutos máis.
  8. Deixamos arrefriar e decoramos con azucre glass. Se quedasen restos de fariña, vanse disimular así  ;)


Chulas de cabaciña

As chulas son un dos xeitos máis saborosos de aproveitar sobras ou comida da que non temos moita cantidade. Estas son especialmente doadas de facer, e moi lixeiras!

Se queredes máis receitas con cabaciñas, (que cada vez están presentes en máis hortas do país), velaiquí tendes unha receita de pasta con cabaciñas, ou esta gorentosa coca con salchichas. Kukinhas moitas receitas con elas, a mín gustoume especialmente esta para facer unha torta salgada de cabaciñas.

Ingredientes (para 14-16 chulas)

650 gr. de cabaciñas

85 gr. de fariña de trigo

Unha cebola tenra (ca parte blanca e a verde)

2 ovos

2 culleres de queixo parmesán relado (opcional)

Crema agria para decoraren (opcional)

Aceite de oliva ou de xirasol

Sal e pementa negra ao gusto

  1. Lavamos e relamos a cabaciña nos ocos grandes do relador. Botámola nun escoados por riba dun bol con dous beliscos de sal, remexemos e deixamos repousar 10 minutos.
  2. Escoamos a cabaciñas cas mans, apretando para que saia líquido.
  3. Tiramos o líquido do bol e batemos os ovos cun chisco de pementa negra e sal. Neste punto podedes engadir o queixo parmensán.
  4. Botamos a cabaciña, a cebola cortada moi finiña e a fariña, mesturamos ben para que non queden grumos.
  5. Preparamos a tixola co aceite (a cantidade dependerá do graxosas que as queirades, pero con 4 ou 5 culleres é dabondo).
  6. Facemos as chulas poñendo 3 culleres da masa e aplastando, tendo conta de deixar espacio entre elas. Deixamolas cocer 2 ou 3 minutos por cada cara, ata que estean ben douradas.
  7. Botámolas nun prato cuberto de papel de cociña, engadímoslle un pouco de sal por riba e servímolas quentiñas, con ou sen crema agria.

Que aproveite!

chulas_cabacinha2

chulas_cabacinha1


Empanadiñas de chícharos e atún

Xa estamos en temporada de chícharos, así que aquí vai unha receita que atopei por casualidade e me pareceu moi orixinal: unhas empanadiñas típicas valencianas recheas de chícharos! Coma todas as receitas tradicionais, hai moitas versións, e facelas con masa industrial será probablemente un sacrilexio, pero quedan boas e así aforramos moito tempo!

Podedes facer unha versión vexetariana cambiando o atún por pementos fritidos ou de Piquillo. Se non tendes a man chícharos frescos, valen os de lata ou conxelados, pero tede conta de que seva pequenos, así será máis doado repartir o recheo. Esta versión é feita no forno, pero tamén podedes fritilas, seguindo as instruccións do fabricante.

Ingredientes (para 16 empanadiñas)

Un paquete de masa de empanadiñas

300 gr. de chícharos

100 gr. de atún en lata

Unha cebola pequena

2 ovos cocidos

Un ovo fresco

4 culleres de aceite de oliva virxe extra

Sal e pementa negra ao gusto

  1. Pelamos e cortamos a cebola en anacos moi pequeniños.
  2. Quecemos o aceite nunha tixola grande e douramos a cebola ata que estea un pouco translúcida.
  3. Escoamos os chícharos (se son de lata) e botámolos na tixola co sal e a pementa. Remexemos 3 ou 4 minutos e engadimos o atún. Deixamos repousar.
  4. Prequecemos o forno (por riba e por baixo) e colocamos papel de forno na bandexa negra.
  5. Enchemos as obleas de masa co recheo, ttendo conta de que se poidan pechar ben co garfo (non queremos que estoupen!). Batemos o ovo e píntamolas por riba.
  6. Cocemos durante 10 ou 15 minutos, sen dexar de vixiar, xa que poden queimar de seguida.
  7. Deixamos arrefríar 5 minutos e servímolas cun pouco de ensalada.

Que aproveite!

empanadinha_4empanadinha_3


Cheesecake de queixo de cabra e iogur grego

Hai tempo que quería probar a facer unha torta de queixo estilo americano na casa, pero querría probar algo un chisco distinto, así que fixen unha adaptación desta, pero engadindolle noces á base (idea que penso repetir, queda moito máis rica) e cambiando as galletas de vainilla polas de avea para que non quede tan doce. A verdade é que estou moi satisfeita co resultado: semella levar máis traballo, pero en 20 -30 minutos máis o tempo de cocción está lista, un triunfo asegurado!

Unha receita axeitada para aqueles que non moi larpeiros (hai xente para todo!), xa que se a tomades sen mel ten un regusto salgado moi agradable. Agora que comeza o bo tempo é moi boa idea levala coma sobremesa dun picnic ;)

Ingredientes (para un molde de 25 cm de diámetro) :

360 gr. (dous paquetes) de queixo rulo de cabra

125 gr. de queixo para untar

1 iogur grego 

2 ovos

75 gr. de azucre

Para a base

20 galletas de avea tipo "Digestive"

80 gr. de manteiga

Unha presa de noces peladas e picadas

Nota: esta torta é mellor facela nun molde desmontable.

 

  1. Esmagamos as galletas, derretemos a manteiga e triturámolo todo xunto cas noces ata formaren unha pasta homoxénea. Se vedes que queda moi seca, engadide unhas pingas de auga para que estenda mellor.
  2. Prequentamos o forno a 180º.
  3. Quitámoslle a codia aos rulos de cabra e cortámolos en rodas de 2-3 cm.
  4. Metemos as rodas nun bol xunto co queixo para untar e quentámolos no microondas a potencia media para que abranden.
  5. No bol dos queixos botamos o azucre e batemos ca batedora. Cando estea ben mesturando engadimos os ovos, un de cada vez.
  6. Colocamos papel de forno no molde desmontable. Estendemos a pasta base esmagándoa ben cunha culler.
  7. Vertemos a pasta de queixo a modiño, alisamos a superficie para que non quede burbullas.
  8. Cocemos a torta no forno durante 45 aproximadamente. Se vos gusta cremosa, sacádea antes: aínda que o centro estea líquido callará pouco a pouco. Se vos gusta más compacta, deixadea ata que saian manchas na superficie, como fixen eu.
  9. Deixamos repousar 6 horas, coma mínimo.
  10. Decoramos con mel e servimos.

Que aproveite!

cheesecake-cabra1cheesecake-cabra3


Tiramisú

As orixes do tiramisú son incertas: hai que di que se inventou nun burdel para "animar" aos clientes, outros din que se lles daba ás mulleres que acababan de parir, ou aos mariñeiros de cea, cando chegaban de traballar. "Tira mi su" vén sendo algo así como "levantáme" en italiano, así que ten sentido para todas esas explicacións. O que si é seguro é que se trata dun postre moderno, dos anos 60, que se orixinou no Veneto e o Piamonte, malia que xa está estendido por toda Italia e máis aló!

Unha receita clásica, que se pon de moda cada certo tempo e que é moi doado facer na casa. E ademáis, non cómpre forno! Como é unha receita tan popular cada casa ten as súas versións. Esta é unha mestura entre un par de recomendacións de amigos italianos e os consellos deste artigo.

O de montar as claras é para que quede máis lixeiro, e se queredes que saia aínda máis leve, non engadades as xemas. Tamén podedes quitar o alcol, ou a pel relada do limón. O caso é ir probando ata que deades ca versión perfecta para vós!

Ingredientes (para 6- 8 racións)

400 gr. de queixo mascarpone

4 ovos

200 gr de biscoitos tipo savoiardi - tamén chamados de ovo, ou lady fingers por algunhas marcas

200 ml de café recén feito

75 gr. de azucre

2 culleres de ron dourado - tamén vai ben o viño de Porto

Cacao en po sen azucre, ao gusto de cada un

Un belisco de sal

Un chisco de pel relada de limón ou de laranxa - opcional

Utensilios: molde pouco fondo (mellor se é transparente), batidora de variñas.

  1. Separamos as xemas dos ovos e gardámolas nun vaso.
  2. Batemos as claras co sal ata que monten e queden duras, mellor se usamos unha batidora de variñas. Reservamos.
  3. Nun bol grande, batemos as xemas co azucre ata que quede unha masa pálida.
  4. Quecemos un chisco o queixo mascarpone no microondas (potencia media, ha de quedar tépedo) para que se mesture mellor.
  5. Engadimos o mascarpone pouco a pouco á masa das xemas, batendo para que non queden grumos.
  6. Engadimos a pel relada do limón se a queremos, e as claras a punto de neve. Batemos a man, para non quitar o ar e que a crema quede máis lixeira.tiramisu
  7. Nun prato fondo botamos o café e o alcol. Mollamos os biscoitos rapidamente (xa colleran a humidade cando repousen) e colocámolos facendo unha capa no molde.prep2
  8. Botamos unha capa da crema, cubrindo ben os biscoitos. Repetimos a o proceso para unha segunda capa de biscoitos/crema.prep3
  9. Esparexemos o cacao e deixamos o molde toda a noite no frigorífico.

Coñecedes máis versións do tiramisú? Contádeo nos comentarios!

tiramisu3 tiramisu5