Taralli sugna e pepe

Trenzas de unto e pementa negra - Taralli sugna e pepe

Os taralli son un petisco orixinario do sur de Italia. A súa versión máis coñecida é a que ven da rexión de Puglia: alí fanos con viño e forma redondeada. En Nápoles en cambio, non andan con brincadeiras e elabóranos grandes e con unto! A xente tomaos mentres bebe unha cervexa, e non é de estrañar, ca pementa e o sal é unha combinación ideal. Esta é unha adaptación, algo simplificada, desta receita.

Non é un petisco tan salgado coma pode parecer, está moi bo para merendar cunha cervexa ou un refresco. A verdade é que un pouco de sede si que dá, pero perdoaselle polo sabor tan adictivo que teñen.

Ingredientes (para 10-12 pezas)

400 gramos de fariña de pan, da que se merca na panadería.

100 ml de auga morna

150 gr. de unto (lardo)

1 cadrado de 25 gr de lévedo fresco

1 culleriña de sal

2 culleriñas de pementa negra

Améndoas peladas ao gusto

  1. Nun bol, botamos a fariña tamizándoa, para que non queden grumos despois. Engadimos o unto, o lévedo, o sal, a pementa e maila auga morna.
  2. Remexemos coas mans ata que se faga unha masa homoxénea.
  3. Colocámola nun mesado e seguimos amasando. Deixamola no bol outra vez para que fermente durante 30 minutos, aproximadamente. Se vai frío, deixádea estar unha hora.
  4. Arrincamos anacos da masa para facer tiras dun 1 cm de diámetro e 30 de lonxitude, aproximadamente. Non hai máis que frotar nas mans ata darlle unha forma homoxénea, como de regaliz gordiña.
  5. Prequentamos o frono a 150º.
  6. Cas tiras pódense facer trenzas ou roscos, como podedes ver nas fotos. Se facedes trenzas, cortádeas en anacos de 5 cm.
  7. Colocámos as amñendoas por riba. Eu empreguei as de tipo marcona, hainas de varias marcas e son as que máis me gustan.
  8. Cocemos no forno durante media hora, ou ata que estean douradas por riba.

Que aproveite!

taralli1

taralli2


Pudin con ovo, leite e caramelo

No título non poño "pudin de pan" porque en realidade fíxeno a semana pasada con algo máis de media rosca (industrial) que aínda andaba pola casa dende antes de Reis. Podédelo facer con pan, madalenas, biscoito... é unha boa idea para aproveitar cousas resesas e facer experimentos engadindo cousas: uvas pasas, cognac, noces, pexegos secos, améndoas, etc. Van moi ben, sobre todo co pan.

Hai a quen lle gusta comelo quente, pero eu recoméndovos agardar a que enfrie por completo, e non gardar despois no frigorífico. A temperatura ambiente, se non vai moita calor, aguanta ben tres ou catro días despois de facelo.

Ingredientes (para 8-10 racións)

Algo máis de media rosca de Reis dura (ou media barra grande de pan)

3 vasos de leite

4 ou 5 ovos, según tamaño

180 gramos de azucre

Pel relada dun limón

1 rama de canela

Améndoas, noces, uvas pasas...(opcional)

  1. O primeiro é facer o caramelo no microondas: poñemos 3 culleres cheas de azucre nun molde de silicona ou de cristal, no que máis tarde colocaremos a masa. Botamos tres culleres de auga, remexemos e metémolo a temperatura máxima 15 segundos. Sacámolo e comprobamos que o azucre estea disolto, como almíbar. Repetimos o proceso en quendas de varios segundos, ata que comece a estar marrón. Retiramolo e deixamos que endureza.proceso1
  2. Nunha pota grande quecemos o leite ata que estea a piques de ferver. Apagamos o lume e botamos a pel do limón e a rama de canela. Remexemos e deixamos estar cinco minutos para que colla o sabor.
  3. Quitamos a rama de canela, cortamos o roscón ou o pan en rodas finas, e botámolo á pota. Agadarmos a que chunche todo o leite.proceso2
  4. Nun bol batemos os ovos e o resto do azucre, botámolo na pota e remexemos ben cun garfo. Canto máis rompan o miolo e a codia do pan/rosca, máis fino quedará o pudin.proceso3
  5. Prequentamos o forno a 200º
  6. Enchemos o molde co contido da pota e cocémolo a 140º durante 40 minutos, ou ata que estea dourado por riba. Se sobe no medio non vos preocupedes, volverá quedar plano máis tarde:proceso4
  7. Cando estea frío, pasamos un coitelo polos bordes para separalos mellor e desmoldámolo nun prato. Nas fotos podedes ver que quedou un oco, foi porque se xuntou demasiado caramelo nese punto: o que sobrou quedou pegado ao molde.

Nota: se queredes que quede máis bonitiño, sacádelle a codia ao pan ou á rosca antes de metelo no leite.

Que aproveite!

pudin4pudin1

pudin3


Berenxena rechea de carne e queixo feta

Esta receita é unha versión das típicas berenxenas ao forno que tanto se comen en Cataluña e Levante, pero aproveitando un par de cousas que tiña de sobra: ceboliñas e queixo feta. É un prato moi doado de facer, e aguanta ben dous ou tres días no frigorífico unha vez cociñado. Como se pode deducir das fotos, están tremendas!

Ingredientes (para dúas persoas):

1 berenxena grande

2 ceboliñas

150 gr. de picada de vacún

100 gr. de queixo feta

3 culleres de pan relado

5 culleres de aceite de oliva

Sal

Pementa

  1. Cortamos a berenxena pola metade, baleirámola cunha navalla ata que só quede a polpa que está xusto pegada á pel. Nota: para que sexa máis doado, podemos quentar a berenxena enteira 5 minutos no microondas para que abrande a polpa.
  2. Botamos tres culleres de aceite nunha tixola grande e quentamos.
  3. Cortamos as ceboliñas en rodas moi finas, botámolas na tixola e cocemos a lume baixo.
  4. Picamos a polpa da berenxena e engadimos á tixola.
  5. Cando comece a abrandar, botamos a carne salpementada.
  6. Cando a carne estea un pouco feita, engadimos unha culler de pan relado e o queixo feta en dadiños. Remexemos ca culler de pau.
  7. Enchemos as berenxenas co rustrido, cubrímolo co resto de pan relado e botamos unha culler de aceite polos ocos que queden pegados á pel.berenxena2
  8. Co forno xa quente, cocémolas a 170º durante 20 minutos, ou ata que douren por riba.

Que aproveite!

berenxena1


Pan de centeo con tomates secos e cebola fritida

Este foi un experimento que fixen ó chou, e saiu bastante ben. Non fai falla panificadora nen instrumentos especiais, só un pouco de paciencia, xa que en total leva catro horas: pódense facer cousas polo medio, pero hai que andar pendente da fermentación. Aínda así penso que paga a pena, xa que dá moito gusto velo no forno, e a partires desta receita sácanse moitas variacións: con noces, olivas, pipas...

Como podedes imaxinar, é un pan se se come só, tamén queda ben torrado e con aceite de oliva, ou para facer un bocadillo de queixo a media tarde.

Ingredientes (para dúas bolas medianas):

350 gramos de fariña de trigo, de forza - vendena no súper ou nas panaderías

150 gramos de fariña de centeo - máis non se lle pode botar porque non sobe

1 cebola morada

6 ou 7 tomates secos, de bolsa

25 gr. de fermento fresco - da sección refrixerados do súper

1 culler de sal

4 culleres de aceite de oliva

  1. Media hora antes de comezar, poñer os tomates nun vaso con auga, para que hidraten.
  2. Meter o fermento nun bol con 350 ml. de auga morna, ata que disolva.
  3. Nun bol, mesturar a fariña de trigo ca de centeo e o sal, botar a auga co fermento e remexer ben. Deixar reposar cun pano por riba.
  4. Cortar a cebola en láminas moi finas, e despois en anacos pequerrechos.
  5. Quentar unha tixola, botar dúas culleres de aceite. Cando quente, botar a cebola e baixar o lume a metade. Remexer de cando e cando as cebolas ata que minguen e estean un pouco marrons e brandas. Apagar o lume.
  6. Cortar os tomates en cadrados pequenos, e botalos á masa xunto cas cebolas fritidas. Remexer ben.
  7. Botar dúas culleres de aceite nunha pota, estender, e verter a masa na pota. Tapar e deixar reposar na calor que aínda quede de cociñar a cebola.
  8. Despois dunha hora a masa crece ata dúas ou tres veces o seu tamaño orixinal. Enfariñar unha superficie lisa, verter a masa fermentada e amasar ata que non se pegue. Facer dúas bolas, tapalas cun pano e deixar reposar durante unha hora máis.
  9. Prequentar o forno a 220º, enfariñar a bandexa e meter as bolas de pan a cocer. Para que lle quede unha codia máis dura, coller un chisco de auga e estendela pola masa ca man antes de metela no forno.
  10. Despois de media hora, o pan debería estar feito. Para comprobalo, ao sacalo golpeamos a base co puño. Se soa oco, é que xa está cocido.
pan de cebola
Preme na imaxe para vela máis grande

 

Que aproveite!