Hummus de cacaué

Nesta casa somos moi fans do hummus, e a verdade e que de todos os que fixen, atopo que este é o máis saboroso. Outro punto a favor é que non se pega tanto ao padal como o normal, aínda que hai xente que lle gusta iso, a min acábame cansando un pouco.

A receita é unha adaptación dunha de Nigella Lawson (está na listaxe fixa da dereita) e zafa moito para facer algo de picar ou unha cea rápida entre semana: unha torrada de pan, algo de verduras, e listo! Se queredes ver máis receitas de hummus, tendes unha básica, outra a base de lentellas e outra de fabas e tomates secos. Se vos gusta a manteiga de cacaué non deixedes de ler esta receita de madalenas con manteiga de cacaué.

Ingredientes (para 6 racións, aprox.)

400 gr de garavanzos cocidos

3 culleres de manteiga de cacaué

3 culleres de queixo crema

5 culleres de aceite de oliva

5 ou 6 cacaués torrados e pelados, máis uns poucos para decoraren

Zume de medio limón

Media culleriña de sal

Media culleriña de comiño en po

Un dente de allo picadiño (opcional)

  1. Botamos todo na trituradora e dámoslle unha boa volta, para que mesture ben.
  2. Se queda moi espeso, engadide máis zume de limón e/ou aceite, incluso un pouco de auga morna. O importante é ir a modiño e que non nos pasemos.
  3. Corrixir de sal, se fai falta.
  4. Servir cun pouco de aceite, pementón doce e uns cacaués esmagados.

Que aproveite!


Petisco de berenxena - Baba ganoush

Hoxe temos un prato típico de Oriente Próximo: é un entrante moi popular en Xordania, Líbano, Palestina, Siria e Israel e ten moitas variantes, coma o patlıcan salatası  turco ou o muttabal. Como eu tampouco son experta no tema, procurei facer a versión máis sinxela, se coñecedes trucos ou consellos para mellorala, avisade nos comentarios ;)

Ao faceren a receita é importante torrar ben as berenxenas, xa que o gusto levemente afumado é una das características principais do prato. Tamén hai que ter conta, pero isto xa vai por gustos, de non pasar as berenxenas pola batedora: con anaquiños é máis saboroso. É un prato ideal para petiscar entre horas cuns panciños ou para comer de primeiro prato acompañado de pan de pita torrado, está delicioso!

Ingredientes (para catro persoas)

Dúas berenxenas medianas

2 ou 3 culleres de tahini (pasta de sésamo)

2 ou culleres de aceite de oliva virxe extra + un chisco para decorar

Zume dun limón

Sal e pementa ao gusto

Un dente de allo ben picado e esmagado

Perexil freco picado (opcional)

  1. Prequentamos o forno a 170º e colocamos papel de forno na bandexa negra. Lavamos as berenxenas e cortámolas pola metade ao longo. Colocámolas na bandexa coa pel cara arriba e pinchámolas 3 ou 4 veces cun garfo.
  2. Poñemos a cocer a bandexa na parte de arriba do forno durante 15 minutos, ata que comece a cheirar a queimado e a pel estea negra. Dámoslle a volta e cocemos 15 minutos máis, ata que torren (pero non moito) polo outro lado.
  3. Retiramos a bandexa e deixamos arrefriar.
  4. Nunha cunca ou prato fondo grande botamos o tahini e o zume de limón, remexemos ata mesturar ben e engadimos o aceite, o allo, o sal e a pementa. Remexemos ata facer unha pasta homoxénea.
  5. Pelamos as berenxenas e sacámoslles o líquido que han de ter no interior. Isto pódese facer de dous xeitos: nun coador, apretando cun garfo, ou apretando cas más. Tampouco cómpre apretar moitísimo, con que saian unhas pingas de cada metade, abonda.
  6. Botamos as tiras de berenxena na cuna ou prato e esmagamos cun garfo ata que queden tiras máis pequenas. Decoramos con aceite e perixel e servimos acompñado de pan torrado.

Que aproveite!

baba_ganoush_4 baba_ganoush_

 


Taralli sugna e pepe

Trenzas de unto e pementa negra - Taralli sugna e pepe

Os taralli son un petisco orixinario do sur de Italia. A súa versión máis coñecida é a que ven da rexión de Puglia: alí fanos con viño e forma redondeada. En Nápoles en cambio, non andan con brincadeiras e elabóranos grandes e con unto! A xente tomaos mentres bebe unha cervexa, e non é de estrañar, ca pementa e o sal é unha combinación ideal. Esta é unha adaptación, algo simplificada, desta receita.

Non é un petisco tan salgado coma pode parecer, está moi bo para merendar cunha cervexa ou un refresco. A verdade é que un pouco de sede si que dá, pero perdoaselle polo sabor tan adictivo que teñen.

Ingredientes (para 10-12 pezas)

400 gramos de fariña de pan, da que se merca na panadería.

100 ml de auga morna

150 gr. de unto (lardo)

1 cadrado de 25 gr de lévedo fresco

1 culleriña de sal

2 culleriñas de pementa negra

Améndoas peladas ao gusto

  1. Nun bol, botamos a fariña tamizándoa, para que non queden grumos despois. Engadimos o unto, o lévedo, o sal, a pementa e maila auga morna.
  2. Remexemos coas mans ata que se faga unha masa homoxénea.
  3. Colocámola nun mesado e seguimos amasando. Deixamola no bol outra vez para que fermente durante 30 minutos, aproximadamente. Se vai frío, deixádea estar unha hora.
  4. Arrincamos anacos da masa para facer tiras dun 1 cm de diámetro e 30 de lonxitude, aproximadamente. Non hai máis que frotar nas mans ata darlle unha forma homoxénea, como de regaliz gordiña.
  5. Prequentamos o frono a 150º.
  6. Cas tiras pódense facer trenzas ou roscos, como podedes ver nas fotos. Se facedes trenzas, cortádeas en anacos de 5 cm.
  7. Colocámos as amñendoas por riba. Eu empreguei as de tipo marcona, hainas de varias marcas e son as que máis me gustan.
  8. Cocemos no forno durante media hora, ou ata que estean douradas por riba.

Que aproveite!

taralli1

taralli2


Scones salgados con queixo e mostaza

Nun principio esta receita ía ser doce, pero como ultimamente xa probamos madalenas e cous-cous doce decidinme por unha versión salgada, ideal para tomar de merenda con pavo ou xamón, ou para acompañar unhas cervexas. Ou as dúas cousas á vez!

Os scones son unha receita orixinaria de Escocia e son moi típicos no Reino Unido como parte do high tea: a merenda cea. Sérvense abertos pola metade e recheos de manteiga e marmelada. Estes son unha adaptación desta receita de Jamie Oliver.

Ingredientes (para 7 ou 8 pezas)

250 gr. de fariña

75 gr. de manteiga fría

1 ovo

2 culleres de leite + 2 para "barnizar"

3 fatias de queixo

1 culleriña ben chea de mostaza en gran

1/4 de culleriña de comiño - opcional

1/2 culleriña de sal

  1. Prequentamos o forno a 220º
  2. Cortamos a manteiga en dadiños. Nun bol botamos a fariña e a manteiga e amasamos cas mans ata que semelle pan relado. Non cómpre amasar moito tempo, a manteiga non ten que derretir por completo. Facemos un oco no medio.
  3. Nun prato fondo batemos o ovo co sal, a mostaza e o comiño.
  4. Botamos o líquido no oco do paso 1 e remexemos cas mans de novo ata formaren unha masa homoxénea que se despegue facilmente das paredes do bol.prep1
  5. Botamos un chisco de fariña nun mesado, colocamos a bola de masa e esmagámola para que quede con grosor uniforme de 2- 2,5 cm.
  6. Preparamos unha bandexa con papel de forno.
  7. Ca axuda dun vaso sacamos círculos de masa e colocámolos na bandexa ca parte lisa cara arriba.prep2
  8. Botamos dúas culleres de leite no vaso, e cun pincel (ou cos dedos) barnizamos a parte superior dos scones.prep3
  9. Cocemos no forno durante 10 minutos, ou ata que estean dourados por riba. Se queredes que queden máis crocantes, deixadeos repousar sen nada, se vos gustan máis tenros, tapádeos cun trapo de algodón nada máis sacar do forno.

Que aproveite!